Convenio comercio alimentación Ourense: Nós SI queremos negociar

Convenio Comercio Aliimentación Ourense

Pretender que a negociación se realice con mediadores e non, como sempre, na mesa, é unha nova tomadura de pelo. Os catro sindicatos estamos preparados para traballar desde unha clara e inequívoca unidade de acción sindical.

Desde a representación sindical dicimos que este é o momento de que se escoite a voz dos cadros de persoal para conseguir, por fin, o obxectivo: Un convenio digno, con salarios e condicións laborais equiparables ao resto de compañeiros e compañeiras doutras provincias.

yes Concentraremos toda a nosa forza

Mércores, 30 de abril

  • 12:00 a 12:30 : FROIZ das lagoas (Alfonso Castelao 2)
  • 12:45 a 13:15 : GADIS de Concello (Rua Concello 5)
  • 13:30 a 14:00 : AQUIÉ (Doctor Fleming 30-32)
  • 18:00 a 18:30 : FROIZ de Habana (Avenida Habana 35)
  • 18:45 a 19:15 : PLENUS Remedios (Remedios 58)
  • 19:30 a 20:00 : GADIS do Couto ( Ervedelo 52)

Para que a túa voz soe con forza, participa!  Xuntas e xuntos, somos máis fortes.  A loita é de todas e todos.

____________________________________

enlightenedActualización: Durante todo o día, mobilizámonos diante de supermercados da provincia. As traballadoras e traballadores da alimentación dicimos: ABONDA XA! Non queremos ser máis unha excepción. Queremos un convenio digno, como o do resto de provincias!

convenio comercio alimentación ourenseconvenio comercio alimentación ourenseconvenio comercio alimentación ourenseconvenio comercio alimentación ourense


Da tranquilidade ao medo: CCOO Servizos denunciamos que Froiz volve deixar sen protección a tenda de Caranza

Folga FROIZ Caranza

Ferrol, 24.04.2025 — O persoal da tenda Froiz situada na rúa Juan de Austria, no barrio de Caranza (Ferrol), quere facer pública a súa preocupación pola recente decisión da empresa de retirar o servizo de vixilancia privada, medida que fora adoptada logo dunha mobilización do cadro de persoal e da intervención dos delegados e delegadas da CCOO.

Durante as semanas en que estivo activo o servizo de vixilancia, constatouse unha mellora notable no ambiente de traballo. Grazas á súa presenza, desapareceron as ameazas directas aos traballadores e traballadoras, así como os roubos que viñan sufrindo desde hai tempo. Esta mellora xerou unha sensación de tranquilidade e seguridade tanto no persoal como na clientela.

Unha decisión incomprensible e perigosa

A retirada do servizo de vixilancia supón un retroceso grave, que xa comeza a traducirse nun novo aumento da tensión no establecemento. O medo a acudir ao traballo volve estar presente entre o cadro de persoal, que sente unha vez máis desprotexida ante situacións que poñen en risco a súa integridade física e psicolóxica.

Cómpre lembrar que a tenda de Caranza se atopa nun contexto social especialmente complexo, no que existen situacións de exclusión e vulnerabilidade que ás veces teñen impacto directo na dinámica do establecemento. Estes factores, que non se dan con igual intensidade noutras tendas da empresa, orixinan conflitos que fan necesario manter medidas de protección estables e adecuadas.
 

Demandas reiteradas

Desde a sección sindical de CCOO reiteramos as nosas demandas xa expostas na anterior mobilización:

  • Restablecemento inmediato do servizo de vixilancia privada na tenda de Caranza.
  • Formación específica ao persoal para afrontar situacións de risco de maneira segura e eficaz.
  • Creación e aplicación dun protocolo claro de actuación ante roubos, intimidacións e agresións.
     

Seguiremos mobilizándonos

Queremos deixar claro que non estamos a pedir privilexios, senón o cumprimento de dereitos laborais básicos: poder traballar nun ambiente seguro e digno. Se a empresa non rectifica esta decisión irresponsable, o persoal non descarta retomar e intensificar as medidas de presión, comezando por una xornada de folga  e concentración, xa convocada para o próximo venres, 25 de abril, e novas concentracións.

____________________________________

enlightenedActualización: A folga en Froiz Caranza deixa a tenda pechada grazas a un seguimento do 95%

A xornada de folga convocada polo persoal da tenda Froiz de Caranza rematou cun seguimento masivo por parte do cadro de persoal, alcanzando o 95%, o que imposibilitou a apertura do establecemento ao público durante todo o día.

Este éxito de participación demostra, unha vez máis, o fondo malestar existente entre as traballadoras e traballadores da tenda situada na rúa Juan de Austria, tras a decisión da empresa de retirar o servizo de vixilancia privada. Unha medida incomprensible que, tal como xa denunciamos, volveu xerar medo e inseguridade entre o persoal, despois dun período no que se conseguira recuperar un clima laboral tranquilo e protexido grazas á presenza dese servizo.

Desde a sección sindical de CCOO Servizos queremos agradecer e poñer en valor o compromiso e a unidade do cadro de persoal, que hoxe deixou claro que non está disposto a tolerar máis retrocesos nas súas condicións de traballo.

Folga FROIZFolga FROIZFolga FROIZFolga FROIZ

 


Segunda sentenza contra Froiz por prácticas antisindicais

A Xustiza volve condenar a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO en Lugo

sentenza FROIZ antisindical

A cadea Froiz Supermercados foi condenada por segunda vez por sancionar sen xustificación a unha delegada sindical de Comisións Obreiras (CCOO). Esta nova resolución xudicial chega tras unha primeira sentenza do Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, emitida en setembro, que xa recoñecera a vulneración de dereitos sindicais contra a presidenta do comité de empresa en Lugo, tamén delegada de CCOO.
 

Anulación da sanción e indemnización

A recente sentenza obriga á empresa a anular a sanción de catorce días sen emprego e soldo imposta á traballadora, reintegrarlle os salarios non percibidos durante ese tempo e indemnizala polos danos morais causados. A xustiza considera acreditado que houbo unha clara vulneración dos dereitos sindicais, tipificada como infracción grave.
 

Froiz actuou en represalia polas funcións sindicais

Segundo a sentenza, quedou probado que a sanción foi unha represalia polas tarefas sindicais desenvolvidas pola delegada no marco do conflito vinculado á negociación do convenio provincial de alimentación. A resolución tamén destaca que esta conduta de Froiz afecta a máis representantes sindicais, o que implica unha afectación colectiva e non só individual.
 

CCOO reclama o fin das prácticas antisindicais

Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, esperamos que esta segunda sentenza leve á empresa a corrixir estas actuacións. Reclamamos que Froiz respecte o dereito á representación sindical e cesen os castigos ao persoal que exerce a defensa dos seus dereitos laborais.


Abonda XA! O persoal de Stradivarius Ourense ten a mesma dignidade e dereitos que outras tendas do grupo Inditex

Concentración Stradivarius Ourense

angry Non somos menos que outras tendas de Stradivarius! Esiximos os horarios 3-2-1 (3 tardes, 2 mañás e 1 día libre) para poder conciliar a nosa vida laboral e persoal.

  •  A situación económica do noso centro non é peor ca doutras tendas onde xa se aplican estes horarios. É só unha cuestión de vontade empresarial!
  • Inditex discrimínanos en Ourense. Négase a aplicar un modelo xusto e mantennos como traballadoras de segunda dentro do grupo.
  • NON O IMOS PERMITIR. Queremos os mesmos dereitos que as nosas compañeiras doutras provincias.

 

CONCENTRACIÓN

Xoves 3 de abril
12:00 h
Centro Comercial PonteVella

enlightenedAcode e fagámonos escoitar! Xuntas somos máis fortes.


Despedimentos inxustificados e cargas de traballo excesivas: CCOO Servizos concentrámonos contra a explotación laboral en JOALPER (franquicia Eroski)

Concentración JOALPER Eroski

Desde CCOO Servizos convocamos unha concentración para protestar pola situación laboral en JOALPER. Celebrouse hoxe, 14 de xaneiro de 2025, ás 11:30 horas, diante do supermercado Eroski en Ponteceso (Av. Eduardo Pondal 21, 15110, A Coruña), pertencente á empresa JOALPER, franquiciado para EROSKI na Costa da Morte.

Desde CCOO denunciamos os despedimentos inxustificados que a empresa ven realizando nos últimos meses. Estos despedimentos veñen a agravar a situación de sobrecarga de traballo que sofre o personal dende hai meses, debido principalmente á escaseza de persoal.

 

Por todo isto, CCOO Servizos convocamos esta concentración en contra da explotación laboral existente en JOALPER, esixindo que se poña remedio inmediato a sobrecarga de traballo que deteriora a saúde das persoas traballadoras e poñan fin aos despedimentos inxustificados.

concentración JOALPERConcentración JOALPERconcentración JOALPER Eroskiconcentración JOALPER


Persoal de Froiz, da tenda Juan de Austria (Caranza), mobilizámonos ante a falta de medidas fronte aos roubos e intimidacións

Concentración Froiz Caranza

Na tenda de Froiz, en Juan de Austria, Caranza (Ferrol), o persoal está a sufrir unha situación insostible debido a unha oleada de roubos e actos de intimidación que afectan tanto á nosa seguridade como á dos clientes. Esta situación, que se prolonga desde hai semanas, agrávase pola inacción da empresa, que ata o momento ignorou as nosas demandas para implementar medidas de protección eficaces.

Ante esta falta de resposta, vimos na necesidade de manifestarnos hoxe diante da tenda para visibilizar o noso problema e reclamar solucións inmediatas.
 

Unha situación que afecta a todas as persoas

Os roubos non só prexudican o persoal, senón que xeran unha sensación de inseguridade entre a clientela, que moitas veces presencia situacións de risco sen que haxa protocolos claros de actuación. Como traballadores e traballadoras, sentímonos abandonados pola empresa, que non tomou ningúnha medida efectiva para garantir a seguridade no establecemento.
 

As nosas demandas

Desde a sección sindical solicitamos de forma urxente:

  1. Instalación de medidas de seguridade como vixilancia privada e sistemas de control máis eficaces.

  2. Formación ao persoal para actuar de maneira segura e eficiente en situacións de conflito.

  3. Creación dun protocolo de actuación que contemple o apoio inmediato ao persoal afectado por situacións de intimidación.
     

Por que nos manifestamos?

Esta mobilización é unha acción necesaria. Queremos deixar claro que non pedimos luxos, senón dereitos básicos: traballar nun entorno seguro e respectuoso.
Se a empresa non actúa, seguiremos incrementando as medidas de presión sen descartar xornadas de folga.

Para máis información, visita esta web ou síguenos nas nosas redes sociais, onde compartiremos actualizacións sobre a situación e próximas accións.

Concentración FroizConcentración FroizConcentración Froiz

Noticia en Diario de Ferrol
Noticia en La Voz de Galicia


HAI COUSAS QUE NON SE SORTEAN

Os supermercados disparan as vendas no Nadal mentres os seus cadros de persoal afogan na precariedade

Dependenta afogada na precariedade

Desde CCOO Servizos facemos un chamamento ás empresas do sector da distribución alimentaria para que reforcen os cadros de persoal no Nadal, consonte o aumento de carga de traballo que se produce nesta época. Ao tempo, denunciamos que o incremento da facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que seguen sufrindo un salario inferior á media en España, ademais do impacto da inflación.
 

Aumentan as vendas, pero tamén a precariedade laboral

O Nadal supón un aumento significativo das vendas no sector da alimentación, mais tamén implica maiores ritmos de traballo, quendas máis longas e traballo de luns a domingo. Estas dinámicas levan a unha sobrecarga laboral importante para o persoal, sen que as empresas prioricen o benestar das persoas traballadoras.

A situación agrávase coa destrución de postos de traballo: durante o último trimestre de 2023, elimináronse 18.000 empregos no comercio de alimentación en toda España, evidenciando unha falta de estabilidade no sector.
 

Salarios un 26 % inferiores á media

Un dos problemas máis graves do sector é a gran desigualdade salarial. As traballadoras e traballadores dos supermercados perciben un salario anual que é un 26 % inferior á media española, o que supón uns 7.000 euros menos ao ano.

Esta situación é especialmente preocupante no contexto actual de inflación, con subas significativas nos prezos dos alimentos desde 2021. Ademais, no Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación, mentres o persoal segue soportando condicións laborais moi precarias.
 

Xornada parcial e desigualdade de xénero

A parcialidade laboral tamén é un problema estruturado no sector. Catro de cada dez traballadores/as teñen unha xornada parcial, sendo a maioría mulleres. A escasa prevalencia do emprego fixo-descontinuo, que apenas alcanza o 2 %, contribúe a unha maior inestabilidade laboral.
 

Reivindicacións de CCOO Servizos para mellorar as condicións laborais

Desde CCOO Servizos propoñemos unha serie de medidas para mellorar a situación laboral nos supermercados:

  • Salarios xustos: Establecer unhas condicións mínimas de retribución que reduzan a desigualdade salarial.
  • Contratación estable: Incrementar os empregos indefinidos e reducir os niveis de parcialidade.
  • Quendas máis xustas: Limitar as horas presenciais, reducir as xornadas partidas e establecer quendas fixas anuais.
  • Conciliación laboral e persoal: Aumentar os fins de semana libres e garantir períodos de descanso adecuados.

Estas medidas buscan limitar a sobrecarga laboral e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras no sector da distribución alimentaria.
 

Conclusión: Un Nadal xusto tamén para as traballadoras/es

O aumento da facturación no Nadal debe ir acompañado de condicións laborais dignas. Desde CCOO Servizos, seguiremos loitando por un sector máis xusto, no que o benestar do persoal sexa unha prioridade real.

 


Por unhas condicións laborais dignas: os traballadores de GADIS (Ourense) dicimos: Abonda xa de abusos!

Vivamos como galegos, pero non coma escravos en GADIS!!

concentración GADIS

Convocamos a todos os traballadores e traballadoras a mobilizarse este luns 16 de decembro, ás 12:00 horas diante do GADIS da rúa Concello (Ourense).

NON IMOS CALAR! Mentres GADIS acumula millóns en beneficios, o seu persoal sofre explotación, incumprimentos legais e acoso laboral. Por iso, organizámonos e loitamos por un cambio que non pode esperar.

Cal é o problema?

GADIS está vulnerando os nosos dereitos básicos como traballadores:

  • Non quere negociar co comité de empresa os asuntos salariais, remítenos ao convenio colectivo de alimentación.
  • Non respecta os descansos semanais obrigatorios, incumprindo o convenio colectivo.
  • Ameaza con peches de tendas e endurecemento dos horarios cando lle esiximos que cumpra coa lei.
  • Obriga a soportar unha sobrecarga laboral insostible, porque non cobren baixas, vacacións ou permisos.
  • Non paga os excesos de xornada realizados, un auténtico abuso que só agrava a precariedade.

Ademais, moitos compañeiros e compañeiras denuncian situacións de acoso laboral por parte dalgúns encargados/as, que actúan como se non houbese normas nin respecto polas persoas traballadoras.

Por que nos mobilizamos?

Os traballadores e traballadoras de GADIS decidimos dicir: Abonda xa! Non estamos dispostos a seguir sendo tratados como escravos modernos. Loitamos por:

  • Respecto: Condicións laborais saudables, sen acoso nin abusos.
  • Cobertura das ausencias: Substitución de baixas, vacacións ou permisos, evitando a sobrecarga dos equipos.
  • Compensación económica xusta: Que se recoñeza a antigüidade e se paguen os excesos de xornada.
  • Melloras salariais: Revisión xusta que reflicta o custo da vida actual e o esforzo realizado en áreas como pescadería, carnicería ou reposición.


Chamamos á solidariedade de todos e todas

A explotación ten límites! Non podemos aceptar que GADIS, mentres se enriquece ás nosas costas, nos leve á precariedade laboral e á deterioración da nosa saúde física e mental.

Se ti tamén estás farto/a de que as empresas abusen do seu poder, únete a nós este luns, 16 de decembro, ás 12:00 horas, diante do GADIS da rúa Concello en Ourense.

Xuntos somos máis fortes. Non temos medo!

Organizan: CCOO, USO, CIG

____________________________________

enlightenedActualización: O 16 de decembro concentrámonos contra a explotación en GADIS. Imaxes e vídeo da concentración:

Concentración GADISconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentracion gadisconcentración gadisconcentración gadis


Salud Laboral

Dudas y preguntas sobre Salud Laboral. Trabaja de manera segura.

Transparencia CCOO

Portal Transparencia Servicios CCOO: Cuentas, documentación, decisiones

Calendario Laboral 2025

Días festivos estatales y por comunidad 2025

Simuladores y utilidades

Simuladores y calculadoras, laboral y social

Fotos Servicios CCOO

Canal de Servicios CCOO en Flickr

Vídeos Servicios CCOO

Canal de Youtube de Servicios CCOO

Falacias y mentiras

Falacias, mentiras y verdades sobre los sindicatos

Histórico

Histórico de artículos de Servicios CCOO