Archivado en Comunicado breve, Condiciones de trabajo, Hostalaría, Accion sindical
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia acusamos á patronal da hostalaría de bloquear a negociación dos convenios colectivos e de desviar responsabilidades ao culpar as axudas públicas á contratación da suposta falta de persoal no sector.
Advertimos que non se atoparán traballadores e traballadoras mentres non se ofrezan salarios dignos, estabilidade laboral e condicións que permitan a conciliación da vida profesional e familiar.
CCOO critica que as empresas eviten asumir responsabilidades e insistan en “botar balóns fóra” cando a verdadeira causa da escaseza de persoal reside nas precarias condicións laborais. “É difícil atraer profesionais se se pretende que agarden na casa por unha chamada para traballar só en momentos puntuais”, denuncian desde o sindicato.
A organización sindical considera unha auténtica “cegueira empresarial” culpar as axudas ás persoas desempregadas da falta de man de obra. Segundo CCOO, moitos profesionais abandonaron o sector hostaleiro buscando mellores oportunidades noutros ámbitos, ante a falta de condicións dignas.
Con máis de 50.000 traballadores e traballadoras afectados en Galicia, os tres convenios colectivos da hostalaría seguen sen avances significativos, a pesar da proximidade da campaña de verán e da recente actividade durante a Semana Santa.
CCOO denunciamos que a actitude da patronal paraliza as mesas de negociación, malia as propostas sindicais que inclúen:
Incrementos salariais acordes co custo de vida e os beneficios empresariais
Xornadas laborais e descansos que permitan a conciliación
Recoñecemento da formación profesional en escolas de hostalaría
A resposta da patronal ás medidas propostas por CCOO foi un claro “non”, o que o sindicato cualifica de postura retrógrada. “Temos problemas actuais que esixen solucións do século XXI, pero a patronal segue aplicando receitas do pasado”, conclúen desde CCOO, lembrando que o aumento constante dos beneficios empresariais non se reflicte nas condicións do persoal.
2025 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto