Folga e concentración contra o clima laboral tóxico e a destrución de emprego en Teleperformance Coruña
O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña convocou folga de 24 horas para hoxe, luns 29, en resposta ás políticas da empresa que afectan directamente as persoas traballadoras deste centro.
Ademais, realizouse unha concentración ás 12:00 horas diante das instalacións da Teleperformance na Rúa Newton 5, onde as persoas traballadoras expresaron o seu descontento e esixiron cambios nas políticas empresariais.
Os motivos desta mobilización inclúen despedimentos inxustificados, presión constante por resultados sobre as persoas traballadoras, falta de comunicación cos representantes legais dos/as traballadores/as e a redución continua de postos de traballo debido á deslocalización de servizos e aos ERE’s aplicados pola empresa:
Non fai moito, a delegación de Coruña ocupaba a case 1.000 persoas traballadoras. Cando en outubro do ano pasado a empresa levou adiante un ERE nas campañas de Vodafone e Netflix o ERE afectou a 42 persoas na Coruña e o volume de persoal era dunhas 520 persoas.
Pasados 5 meses do ERE, na Coruña somos 450 persoas traballadoras, 70 persoas menos, non 42. E desde fai uns anos, máis de 500 persoas menos.
O Comité de Empresa destaca que estas accións crean un ambiente de medo constante entre os traballadores, prexudicando o clima laboral.
O obxectivo desta folga e concentración é manifestar publicamente o descontento dos traballadores de Teleperformance A Coruña e esixir un cambio nas políticas da empresa en relación co seu persoal: Abonda de presións constantes e temor continuo a despedimentos.
O persoal de DXC volve á folga!
O persoal de DXC Technology, unha empresa multinacional dedicada á prestación de servizos informáticos e xestión de procesos para importantes empresas do sector bancario, enerxético e administracións públicas, volveu ás rúas en protesta polas súas condicións laborais. As seccións sindicais de varias organizacións, incluíndo CCOO, CGT, CSI, USO, Intersindical-CSC, UGT e CNT, convocaron unha folga para os días 29 e 30 de abril.
O conflito entre o persoal e a empresa medra debido ás perdas acumuladas no salario, que se relacionan cunha inflación que alcanzou ata o 17% nos últimos tres anos. As propostas presentadas pola compañía non satisfacen as demandas dos traballadores, deixando unha gran distancia entre as partes.
A pesar de presentar ingresos récord ano tras ano e ser a súa división en España unha das mellores a nivel mundial, o persoal sinala que estas cifras non reflicten a súa situación, xa que consideran que as ganancias da empresa son obtidas á custa da devaluación dos seus salarios.
Durante as xornadas de folga, celebraranse concentracións e manifestacións por parte do persoal, co obxectivo de presionar á empresa para que atenda as súas demandas. En A Coruña, hoxe, 29 de abril realizouse unha concentración diante das oficinas de DXC Technology no Polígono de A Grela. A seguinte será diante do Obelisco na Rúa Nova, o 30 de abril ás 11:00 horas.
Este movemento pon de manifesto a importancia da negociación e a mobilización do persoal para facer valer os seus dereitos laborais nun contexto de conflito.
Folga e manifestación na Coruña pola recuperación do poder adquisitivo en DXC Technology
As seccións sindicais de Comisións Obreiras (CCOO) e outras organizacións convocamos en todo o Estado folga e mobilizacións pola recuperación do poder adquisitivo en DXC Technology, empresa multinacional de consultoría e tecnoloxía da información. A compañía dá emprego en todo o Estado a unhas 7500 persoas e presta servizos ás principais empresas do sector bancario, enerxético e Administracións públicas: Abanca, Evo Banco, Zurich, Mango, MRW, EDP, Carrefour, Caixabank e boa parte do Ibex-35.
A inflación provocou unha desvalorización dos salarios de ata o 17 % nos últimos tres anos. Polo de agora, as propostas da empresa «están extremadamente afastadas» do que pide a parte social. A situación «contrasta coa presentación de ingresos récord ano tras ano», sinalan os representantes das persoas traballadoras.
Por este motivo e ante a falta de acordo diante do servizo de mediación e arbitraxe (SMAC), convocaromos varias xornadas de folga en toda España. Na Coruña foi este venres, día 22 de marzo, e haberá unha manifestación ás 10:30 desde a rúa Nova n.º 2 (Obelisco).
Tensión en DXC Technology: 7 días de folga ante perdas salariais e récords de beneficios
As seccións sindicais de CCOO, CGT, CSI, USO, Intersindical-CSC, UGT nunha das cinco empresas do grupo e CNT fan un chamamento para realizar 7 días de folga no grupo. As 7.500 persoas traballadoras están convocadas a folga os próximos 21 e 22 de marzo, 29 e 30 de abril e 3, 4 e 5 de xuño.
O grupo DXC Technology é unha empresa multinacional que proporciona servizos informáticos e xestión de procesos nas principais empresas do sector bancario, enerxético e administracións públicas de todo o estado. Algúns dos seus principais clientes son: ABANCA, EVO BANCO, Zurich, Mango, MRW, EDP, Carrefour, Caixabank e a maioría das empresas do IBEX 35.
Actualmente, existe un conflito coa compañía polas perdas acumuladas no salario, debido á inflación de ata o 17% nos últimos 3 anos. Ata o momento, as propostas presentadas pola compañía están extremadamente afastadas da posición sindical.
Esta situación contrasta coa presentación de ingresos récord ano tras ano, que sitúa a DXC España como unha das mellores rexións da multinacional a nivel mundial. As diferentes seccións sindicais consideran que estes resultados en boa medida son obtidos pola devaluación dos salarios dos traballadores.
Durante as xornadas de folga realizaranse concentracións e manifestacións reivindicativas da plantilla, así como outro tipo de accións co obxectivo de mover á empresa das súas posicións intransixentes e codiciosas.
En A Coruña levarase a cabo unha concentración diante do Obelisco na Rúa Nova, 2 o día 22 de marzo ás 10:30 horas.
Finalmente, recordamos que no pasado outras folgas na compañía supuxeron problemas de primeira orde na operativa habitual de bancos, loxística e enerxía. Os sindicatos convocantes citaron a DXC ante o Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe para retomar a negociación co resultado de "sen acordo".
Concentración contra a destrución de emprego en Teleperformance Coruña
O comité de empresa de Teleperformance na Coruña, comprometido coa defensa dos dereitos laborais e a estabilidade dos traballadores, celebramos hoxe luns, once de marzo, unha concentración de delegadas e delegados de 13 a 14 horas, fronte ás instalacións da empresa. Esta acción ten como obxectivo denunciar a destrución de emprego na delegación coruñesa, así como visibilizar a precaria situación laboral que está a afectar ao persoal.
Contexto
Fomos testemuñas da desaparición de servizos históricos nesta delegación, que levou a unha redución significativa do persoal, pasando de case mil traballadores a só 515. A deslocalización a Colombia do servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución e un ERE estatal que afectou a 38 persoas na nosa delegación —300 en todo o Estado— son situacións que contribuíron ao actual panorama laboral.
Desafíos Actuais
Neste momento, estamos a enfrontar un constante goteo de despedimentos, cualificados pola empresa como disciplinarios. Sen embargo, o comité vaticina que todos eles acabarán sendo declarados improcedentes, o que xera unha preocupación constante no persoal. Esta incerteza sobre o futuro laboral xera un ambiente de traballo baixo ameazas e presións constantes, onde cada traballador vive co temor de ser o próximo en ser despedido.
Propósito da Concentración
A concentración pretende ser un acto de visibilización e solidariedade entre os traballadores. Buscamos concienciar á opinión pública sobre a situación que estamos a vivir e reclamar unha solución que garanta a estabilidade laboral, o respecto aos dereitos dos traballadores e a continuidade dos servizos na nosa delegación.