Archivado en Condiciones de trabajo, Comunicados convenio, Union Comarcal Vigo, Union Comarcal Pontevedra, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

CCOO Presentamos a nosa plataforma de reivindicacións

Constituída a Mesa do Convenio de Comercio Alimentación de Pontevedra


convenio comercio alimentaciónn pontevedra

O pasado 22 de xullo constituíuse a mesa do Convenio de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, que terá representación de CCOO e na que, coma en todas as ocasións que nos enfrontamos á negociación deste convenio, exporemos e defenderemos as nosas reivindicacións para facer que continúe mellorando.

Nesta primeira reunión presentamos a nosa plataforma, na que procuramos recoller todas aquelas cuestións que coidamos necesario mellorar no actual convenio.

Por suposto, para CCOO o máis importante é manter as cousas boas do actual convenio, que tanto custou conseguir e manter ao longo da historia. A antigüidade, a promoción profesional e o complemento de incapacidade temporal (IT) é posible que sexan, un ano máis, os temas estrela na negociación, e CCOO volverá defendelos coma en ocasións anteriores, sobre todo porque sabemos que son temas moi importantes para o colectivo de persoas que traballades neste sector. Ler máis


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,

Ademais, na nosa plataforma expoñemos outras cuestións que nos parecen importantes e, algunhas delas, necesarias para adaptarse aos novos tempos que nos chegan:

  • Na cuestión salarial, propoñemos un incremento lineal de 35 € no salario base e o 3,5 % no resto dos conceptos en cada un dos anos de vixencia, en principio ata o 2022. A pesar de que a evolución do ipc nos últimos anos está a ser moi estable, seguiremos insistindo na necesidade de recoller unha cláusula de revisión que garanta unha mellora do poder adquisitivo, como mínimo, do 0,5 %.

  • A posibilidade de que algunha empresa propoña desvincularse do convenio tamén queremos modificala na nova redacción, para evitar ao máximo as consecuencias negativas que este tipo de situacións teñen para as persoas traballadoras e que, de ser inevitable, estea perfectamente regulado para impedir abusos.

  • Canto á xornada de traballo, tentaremos unha vez máis que se estableza, ademais de semanalmente, de forma anual e que se acorde unha xornada máxima anual de 1753 horas.

  • Queremos regular a posibilidade de acumulación do permiso por lactación, tendo en conta a lexislación vixente e os diferentes tipos de xornada que se dan no sector. Nestes momentos, o convenio fai táboa rasa e establece 22 días sexa cal for a xornada que figure no contrato.

  • Para unha mellor conciliación da vida familiar e laboral, consideramos importante que se recolla a posibilidade de, sen reducila, poder comezar ou finalizar a xornada cunha marxe de flexibilidade de dúas horas.

  • No relativo ás vacacións, cómpre recoller o que xa recoñece a lei: a obriga de aboar conceptos como nocturnidade, traballo en cámaras conxeladoras, comisións, etc.

  • Tamén nos parece importante que os festivos que coincidan no noso período de vacacións se recuperen e gocen noutro momento. Consideramos totalmente inxusto que por este motivo se gocen menos festivos dos que marca a lei e, ao final do ano, terminemos traballando máis días.

  • Por último, no referente ás vacacións, queremos que se recolla que, de non haber acordo no establecemento do período de vacacións, o traballador ou traballadora teña o dereito de elixir cando gozar, polo menos, 15 días.

  • No que respecta ás licenzas, ademais de incrementar a cinco días a licenza por nacemento de fillos, accidente, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización de parentes, queremos establecer con claridade que todas as licenzas comezan a gozarse a partir do primeiro día laborable seguinte a aquel en que se produza o feito causante, e que para o gozo das licenzas que o requiran e que se establecen no tempo necesario, terase en conta o tempo de desprazamento e os medios con que se conta para facelo.

  • Un ano máis, tentaremos modificar todo o apartado de excedencias e crear unha única excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo.

  • Sendo este un sector sen demasiados vaivéns, entendemos que o emprego debe ser basicamente indefinido, polo que propoñemos que do total do persoal, como mínimo o 90 % debe ter esta condición. Consideramos en CCOO que se debe terminar xa coa rotación na contratación e que todos os postos que teñen carácter indefinido deben estar cubertos con este tipo de contrato.

  • No que se refire á contratación a tempo parcial, durante a negociación presentaremos unha proposta concreta, na liña de lles garantir ás persoas que teñen este tipo de contrato unha estabilidade nos horarios e o establecemento da xornada continuada obrigatoria.

  • En CCOO consideramos que xa é tempo de que no comercio da alimentación se recoñeza a profesionalidade dos postos e, para iso, só hai un camiño, que é recoñecer definitivamente as categorías de seccións. Xeneralizar en dependentes profesións que necesitan unha cualificación concreta, como son as de carnicería, peixaría, chacinaría ou froitería, non nos parece de recibo, por iso cremos que, ao tempo que se retiran outras categorías que están totalmente obsoletas, estas hai que incluílas necesariamente no novo convenio.

  • Por último, para adaptarnos aos novos tempos —e aínda que pareza que estes temas non teñen cabida neste convenio—, desenvolveremos unha proposta sobre teletraballo para aquelas categorías e funcións en que se poida aplicar e, doutra banda, estableceremos unha regulación para a desconexión dixital.

Este é o resumo das formulacións que CCOO levamos á mesa de negociación e que defenderemos coa participación activa das nosas delegadas e delegados. Pero isto non vai ser suficiente: un ano máis, será moi importante, sobre todo, a participación de todas as persoas traballadoras do sector coa que, coma en anos anteriores, contamos sen dúbida ningunha.

As dúas próximas reunións da mesa de negociación fixáronse os días 4 e 14 de setembro. Nelas esperamos obter unha primeira resposta por parte das patronais ás nosas plataformas.

Un ano máis, será case seguro unha negociación complicada pero, un ano máis, sacarémola adiante.