CCOO Servizos participamos nas mobilizacións do sábado 5 de abril en defensa do dereito a unha vivenda digna e asequible. As protestas, convocadas baixo o lema «Acabemos co negocio da vivenda», tiveron lugar en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.
Comisións Obreiras alertamos de que as cidades galegas están cada vez máis tensionadas, dificultando o acceso a unha vivenda en condicións xustas para a maioría da poboación. Por iso, fixemos un chamamento á participación masiva nestas mobilizacións, reivindicando unha vivenda como un dereito básico e non un luxo.
Para CCOO Servizos, a vivenda é o chamado quinto piar do Estado do benestar, que se atopa ameazado polas prácticas especuladoras e pola inacción dos poderes públicos.
En Galicia existen máis de 500.000 vivendas baleiras, unha cifra que permitiría duplicar a oferta habitacional actual se fosen mobilizadas adecuadamente.
Outro dos factores que contribúen á escaseza de vivenda é o aumento das vivendas turísticas, que xa superan as 20.000 unidades. Este fenómeno ten especial impacto nas localidades con menor oferta de alugueiro residencial.
CCOO lembramos que leva anos presentando propostas en materia de vivenda, sen obter resposta efectiva das administracións. Critica especialmente á Xunta de Galicia, que se nega a aplicar a lexislación estatal e entorpece as declaracións de zonas tensionadas, fundamentais para regular o mercado inmobiliario.
Ante esta situación, CCOO concluímos que chegou o momento de pasar das propostas ás protestas, animamos á clase traballadora e ao conxunto da cidadanía galega a participar nas mobilizacións para defender unha vivenda digna, asequible e accesible para todas as persoas.
2025 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto