content_copy Noticias - Union Intercom. Santiago Barbanza
CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical
Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.
Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.
Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:
-
Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.
-
Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.
-
Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.
-
Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.
En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.
Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.
A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.
O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.
A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.
Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.
CCOO Servizos avanzamos con forza nas eleccións sindicais de Eroski Vegalsa Sigüeiro -plataforma-
No día de onte celebráronse as eleccións sindicais no centro de traballo de Eroski (Vegalsa) Sigüeiro, destacando un avance significativo de CCOO Servizos, que aumentamos a nosa representación en comparación cos anteriores comicios.
Cun apoio cada vez maior das e dos traballadores, CCOO logramos pasar de 5 delegadas e delegados na última convocatoria a un total de 7 na presente, converténdonos nunha forza sindical de referencia. Este crecemento evidencia o recoñecemento do labor e o compromiso de CCOO na defensa dos dereitos laborais, así como a capacidade para conectar coas necesidades reais do persoal.
Pola súa banda, Fetico obtivo 7 delegadas e delegados, con 1 técnico adicional. UGT mantén a súa representación con 2 delegados.
Con estes resultados, o avance de CCOO é un claro sinal de que os traballadores e traballadoras confían cada vez máis no noso proxecto. Desde CCOO comprometémonos a seguir traballando para mellorar as condicións laborais e dar resposta ás demandas que nos expoña o persoal.
Estes resultados son froito do esforzo colectivo e unha mostra de que o diálogo, a loita e a constancia seguen sendo ferramentas efectivas para acadar melloras no ámbito laboral.
Moitas grazas a todas e todos os que confiastes en nós. Seguimos avanzando!
CCOO Servizos denunciamos discriminación e cargas de traballo insoportables en Froiz
Persoas traballadoras de Froiz reuníronse diante dun supermercado da cadea para protestar contra as prácticas laborais abusivas. As principais queixas inclúen cargas de traballo insoportables por falta de persoal, cambios arbitrarios en quendas e horarios, así como discriminación cara aos encargados.
A pesar de que o supermercado pechou o ano 2022 cun récord de facturación e un aumento do 14% na conta de explotación, as persoas traballadoras denuncian que as condicións laborais non reflicten este éxito económico. A falta de persoal leva a consecuencias directas, como traballo esgotador, multitarefa constante e a imposibilidade de planificar os seus calendarios laborais de forma mensual, trimestral ou anual.
"Aumentan os ingresos, pero non vemos beneficios nas nosas condicións laborais. Estamos exhaustos e non podemos seguir así", sinaliza un dos delegados de CCOO.
As protestas tamén subliñan a denegación de asuntos propios por falta de persoal e a existencia de contratos eventuais fraudulentos, o que agrava a inseguridade laboral.
Os manifestantes esixen respecto, condicións laborais xustas e un trato digno por parte da dirección do supermercado.
A empresa en cuestión aínda non respondeu ás queixas formuladas polos traballadores. A situación está a recibir un seguimento estreito tanto polos medios como polos delegados e delegadas de CCOO.

«Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO
"Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.
"A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.
Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.
As primeiras sentenzas contra o Hotel Balneario do Tremo decretan a nulidade dos despedimentos por existir fraude de lei
Comisións Obreiras (CCOO) informa das primeiras sentenzas a favor dos traballadores e traballadoras despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión. As tres resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por se considerar acreditada a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal. CCOO, sindicato que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña. Ler máis
CALENDARIO LABORAL DE GALICIA 2021
- Festivos locais A Coruña
- Festivos locais Lugo
- Festivos locais Ourense
- Festivos locais Pontevedra
- Festivos Galicia (DOG)
- Apertura domingos e festivos comercio (DOG)
- Festivos resto comunidades (BOE)
Reunión da mesa do convenio de Comercio Alimentación Coruña
Tras varias reunións, a patronal de Alimentación da Coruña teimaba en non entrar a discutir a plataforma sindical e só se dedicaba a informar sobre a situación económica xerada pola COVID-19, sobre o incremento de gastos en epi e a repercusión negativa nas vendas.
Non tiña en conta o esforzo feito polos cadros de persoal, nin os fortes incrementos de vendas e carga de traballo durante o confinamento, nin o risco persoal como sector esencial de abastecemento da poboación, nin que esta pandemia debe tratarse como o que é: un problema temporal que non pode utilizarse para rebaixar as condicións do convenio. Ler máis
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena á Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia) por actitude antisindical
Tal e como ven denunciando dende o ano 2017 a Federación de Servizos de CCOO de Galicia en diferentes reunións, mobilizacións e roldas de prensas, os informes da Inspección de Traballo da Coruña e Vigo recoñecían irregularidades graves na actuación da empresa e xeraban por iso unha
serie de requirimentos e sancións. Súmase agora unha sentenza do TSXG de Galicia de data 23 de xullo de 2019, na que se ratifica de forma contundente a ACTITUDE ANTISINDICAL contra CCOO, contra a súa delegada e afiliadas e afiliados na Fundación Monte do Gozo, Proxecto Home Galicia. Ler máis
content_copy Más información
Infórmate
CCOO Servicios es un sindicato, es Comisiones Obreras en los sectores de Comercio, Financiero, administrativo, de las TIC, Hostelería, Contact-center, Oficinas, Turismo... Leer más










