content_copy Noticias - Accion sindical
Peche de tendas INDITEX
Ante a comunicación de peche das tendas a continuación relacionadas:
BERSHKA PONTEVEDRA: c/ Benito Corbal
BERSHKA VILAGARCÍA: c/ Arzobispo Lago
OYSHO SANTIAGO: C.C. As Cancelas
MASSIMO DUTTI SANTIAGO: C.C. As cancelas
KIDDYS CLASS VIGO: C.C. Travesía
Queremos informar de que como membros da Comisión de Seguimento do Acordo Marco Estatal, aínda vixente, e en liña co asinado no que respecta ao compromiso de garantía do emprego, esixiremos á dirección de INDITEX, na reunión a manter respecto das recolocacións, a necesidade de manter as mesmas condicións que viña gozando o persoal até a data e no centro máis próximo ao de peche.
Queremos lembrar que este acordo marco, asinado por CCOO e UGT, segue tendo como obxectivo o mantemento dos postos de traballo e as súas condicións, ante calquera peche, evitando a aplicación de medidas máis traumáticas.
Así se conseguiu en situacións de peche anteriores e seguiremos esixindo que se faga nas actuais.
Continúan as mobilizacións para esixir melloras salariais en Abanca
A sección sindical de CCOO-Servizos en Abanca volveuse mobilizar na Coruña este venres, 13 de xaneiro, para esixir melloras salariais na entidade bancaria que compensen o esforzo realizado polo persoal os últimos anos. Desde que Juan Carlos Escotet se fixo coa propiedade do banco, as traballadoras e traballadores viron minguado o seu poder adquisitivo de xeito «drástico», nun contexto de contracción económica en que a empresa lles pediu «sacrificios» para afrontar a situación. Ler máis
CCOO esixe unha suba salarial real no Banco Santander
A protesta tivo lugar entre as 12 e as 13 horas fronte á oficina do Santander no Cantón Pequeno coruñés e foi simultánea a outras en Barcelona, Madrid, Sevilla e Bilbao.
CCOO lembra que no convenio da banca, asinado a comezos do 2021, pactáronse unhas subas anuais acordes coa situación do momento e «nada facía prever a crise de prezos que padecemos actualmente». De xeito excepcional, abriuse o observatorio sectorial do convenio, onde se constatou a desvalorización salarial e a perda de poder adquisitivo.
Froito destas conclusións, o 29 de novembro do 2022 reabriuse o convenio colectivo e acordouse modificar as táboas salariais do 2023, pasando dun incremento retributivo do 1,25 ao 4,5 %.
Desde ese momento, CCOO instou o Banco Santander e o resto de entidades a que ese incremento fose real para todo o persoal e non se aplicase a cláusula xeral de compensación e absorción, que faculta as empresas a absorberen estas actualizacións a aquelas persoas que teñen complementos voluntarios.
Entidades como o BBVA, o Sabadell ou Bankinter estableceron fórmulas para que o incremento fose real e para todo o seu persoal; non así o Santander, unha entidade que tivo un beneficio atribuído de 7316 millóns de euros nos primeiros nove meses do 2022, un 25 % máis ca no mesmo período do ano anterior.
Cadena SER: Trabajadores del Banco Santander se movilizan en demanda de subida salarial
RNE Galicia. Fala Lucía Trenor, stria. xeral CCOO Servizos Galicia: audio
CCOO convoca unha concentración na Coruña para esixir unha suba salarial real no Banco Santander
CCOO, sindicato maioritario no Banco Santander e no sector financeiro, convoca unha concentración para mañá xoves, na Coruña, coa que esixe unha suba salarial real nesta entidade bancaria. Segundo o sindicato, a empresa pretende aplicar unha cláusula que lle permite facer as subas á custa dos complementos retributivos. A protesta terá lugar ás 13 horas fronte á oficina do Santander no Cantón Pequeno coruñés, á mesma hora en que se repetirán as protestas noutras cidades do Estado: Barcelona, Madrid, Sevilla e Bilbao. Ler máis
Nova reunión do convenio comercio vario de A Coruña
A situación da negociación en reunións anteriores, máis a celebrada no día de hoxe 03/01/22 resúmese nos seguintes avances:
- Incorporar ao convenio a todo o persoal do sector do moble.
- Incrementar a licenza de matrimonio ou parella de feito a 20 días.
- Acompañamento de menores, 10 h/ano.
- Mellorar licenza por falecemento ou enfermidade, para todos os casos mínimo 5 días.
- 6 sábados libres para fins de semana de calidade.
- Domingos e festivos: 25€ para ano 2023-2024 e 30€ a partir do 2025.
- Tardes dos días 24 e 31 de decembro 12€/h desde as 14:00.
- Importes dos seguros de invalidez e morte 35.000€ en 2023 e 40.000€ a partir de 2024.
- Plus compensatorio beneficios: 200€/mes para empresas con persoal en Coruña de máis de 1000 persoas e beneficios no últimos tres anos.
- Creación da categoría de encargada con salario inicial de 1125,73€, (sobre táboas de 2019, actualmente 1080,64€) á que se aplicarían os incrementos que se pacten.
- Axudante de dependenta, promoción a dependenta aos 6 meses.
- Todas as dependentas a salario de dependenta maior.
- Incremento Salarial: 2021- 4% 2022 - 3,5% 2023 - 2´5 % 2024 - 2% 2025- 2%
- Aceptan pactar un mecanismo de revisión salarial en función do IPC pero non do 100%.
Na reunión de hoxe indicamos que valoraremos a proposta de incremento do 4% - 2021, en función doutros factores como o mecanismo de revisión salarial que aínda non definiu a patronal e que o incremento do 2022 ten que ser sobre a realidade do IPC, que á espera do dato definitivo está agora nun 5,8%.
Tamén incidimos en que hai de rematar outros aspectos da plataforma que aínda non están pechados como, redución de xornada, pluses, contratación, transición e desconexión dixital, etc.
A próxima reunión queda fixada para o vindeiro xoves 19 de xaneiro
Convenio comercio metal Pontevedra: Última reunión do AGA (CGRL)
Finalmente chegouse a acordo para a sinatura do convenio. A parte empresarial aceptou a última proposta, á que engadimos algunha cuestión formal que quedaba por matizar.
O resultado final do acordo é o seguinte:
- Incremento salarial: 2022 = 6,5%, 2023 = 4%, 2024 = 4%
- Revisión salarial na diferenza entre a suma dos IPCs dos anos 2023 e 2024 e o incremento real destes anos (8%) con un tope do 10% a aplicar con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2024.
- Xornada: Redución de 16 horas (8 a partir do 1/01/23 e 8 a partir do 1/01/25)
- Adaptación do convenio ás novidades da reforma laboral e en materia de conciliación, trasladando para iso o acordado no convenio de comercio vario recentemente asinado.
- Aclarar que no tocante as vacacións os 22 días que marca o convenio son sempre de 8 horas, para que non lles conte un día completo ás persoas traballadoras que o sábado traballan medio día.
- Trasladar ao convenio o réxime de faltas e sancións establecido no convenio de Comercio Vario.
Nestes días prepararemos a redacción do acordado o que suporá modificar os artigos 3, 5, 7, 12, 14, 17, 18, 26, 28, 35 e 40 do actual convenio. Unha vez redactado reunirase na mesa negociadora para asinar o texto definitivo e envialo publicación no Boletín Oficial da provincia.
O 27 de decembro as 20:30 celebrarase unha asemblea nos locais da CIG para explicar e valorar o acordado.
CCOO convoca mobilizacións para esixir melloras salariais en Abanca que compensen o esforzo realizado polo persoal
A sección sindical de CCOO-Servizos en Abanca convoca mobilizacións para esixir melloras salariais na entidade bancaria que compensen o esforzo realizado polo persoal os últimos anos. Desde que Juan Carlos Escotet se fixo coa propiedade do banco, as traballadoras e traballadores viron minguado o seu poder adquisitivo de xeito «drástico», nun contexto de contracción económica en que a empresa lles pediu «sacrificios» para afrontar a situación.
Desde o ano 2013, o persoal viu suspendidas as súas achegas no sistema de previsión —que se reduciron ata un 20 %—, así como a suspensión de 2013 a 2015 da retribución variable, a suspensión da devindicación de trienios, a suspensión da parte variable do complemento convenio de 2013 a 2016, o seguro de saúde pasou a ser financiado ao 50 % pola persoa traballadora e o complemento de antigüidade comezou a devindicarse en só doce pagamentos.
A este esforzo asumido polas persoas traballadoras, cómpre engadir os recortes de persoal que se produciron como consecuencia de cinco ERE e dous acordos de prexubilacións.
CCOO pide unha paga lineal de 1500 euros
Por esta razón, CCOO pediulle á empresa o aboamento dunha paga lineal a todas as persoas traballadoras por valor de 1500 euros. No caso de que no sector bancario se asine un incremento salarial que supere ese importe, o pagamento tería a consideración como ingreso a conta.
O sindicato lembra que a empresa afronta agora un contexto moi diferente ao de hai nove anos, con tipos de xuro á alza «que repercutirán de forma moi positiva na conta de resultados». Por esta razón, CCOO esíxelle á empresa «dar un paso adiante» e compensar dalgún xeito a perda de poder adquisitivo que se produciu na última década, máis aínda nun contexto de inflación que contribuíu a minorar a capacidade de compra dos salarios.
DEICHMANN Vigo en folga por incumprimento de convenio
As traballadoras de Deichmann Vigo convocaron folga en protesta por o incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra asinado no pasado mes, no tocante a voluntariedade de traballar en domingos e festivos.A representación legal das traballadoras e CCOO tentaron ata o último momento unha solución negociada co fin de evitar a folga. Non foi posible. Na semana pasada a empresa rexeitou expresamente acudir a reunión de mediación do procedemento AGA solicitado por CCOO, deixando claro que non é a súa vontade consensuar unha solución. Ler máis
Revisión salarial en EROSKI pola aplicación da Reforma Laboral
As persoas traballadoras de Vegalsa- Eroski non somos traballadores de segunda, por iso CCOO levamos un ano reivindicando a subida salarial que nos corresponde, por xustiza social e pola aplicación da Reforma Laboral. Hoxe tras unha dura negociación coa empresa informamos os resultados: A partir de 01 xaneiro do 2023 todos os traballadores de Vegalsa, nas categorías máis baixas e a xornada completa, pasarán a ter: Ler máis
content_copy Más información
Infórmate
CCOO Servicios es un sindicato, es Comisiones Obreras en los sectores de Comercio, Financiero, administrativo, de las TIC, Hostelería, Contact-center, Oficinas, Turismo... Leer más
Síguenos en Telegram
Dónde estamos
OFICINAS CENTRALES
C/ Albasanz, 3 1º Planta
28037 Madrid
Tel: 91 540 92 82
Asesoría Madrid 91 536 51 63-64
Otras Comunidades
Fax: 91 559 71 96
Email: contacta@servicios.ccoo.es