Archivado en Mujeres e Igualdad, Convocatorias, Muller

Prevención, protección e dereitos

Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres 2016


Ante un novo 25 de Novembro, manifestamos o noso máis contundente rexeitamento á insoportable violencia contra as mulleres, unha sanguenta consecuencia da discriminación e da ausencia de prevención, protección e dereitos necesarios para combater o que constitúe unha flagrante violación dos dereitos humanos.

ACTOS CONVOCADOS (*):
  • A Coruña: concentración ás 20 h no Obelisco
  • Santiago de Compostela: manifestación con saída ás 20 h da praza do 8 de Marzo
  • Lugo: concentración ás 20 h na praza do Concello
  • Ourense: concentración ás 20 h diante da Subdelegación do Goberno
  • O Carballiño: concentración ás 19:30 h na praza Maior
  • Pontevedra: representación ás 19 h na praza da Peregrina
  • Vigo: acto simbólico so o título «Desmontando os mitos do amor romántico». De 11:50 a 12:20 h, diante do MARCO ou, se as foren adversas as condicións climáticas, no pavillón do IFEVI. Manifestación ás 20 h con saída da farola de Urzáiz
_________

(*) Esta información irase actualizando nos próximos días

Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,
CCOO  e UGT  denunciamos que durante o 2015 foron asasinadas 60 mulleres (oito delas galegas) e 36 no que vai de 2016, con políticas e actuacións institucionais practicamente inexistentes, cun goberno en funcións ausente que ignora o seu compromiso e responsabilidade para combater e eliminar a violencia contra as mulleres, unha prioridade que debe considerarse cuestión de Estado.

Os recortes en políticas de igualdade e contra a violencia de xénero, sumados á falta de compromiso na prevención da violencia de xénero por parte do Goberno do Partido Popular, impiden reducir a violencia estrutural que se agravou por factores como o desemprego das mulleres, a precariedade laboral, a feminización da pobreza, a desprotección social, os retrocesos en educación para a igualdade e a perda de dereitos laborais e sociais.

CCOO e UGT denunciamos déficits no desenvolvemento, aplicación e avaliación da Lei orgánica 1/2004 contra a violencia de xénero, da Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e da Estratexia Nacional para a erradicación da violencia contra a muller (2013-2016), carencias que se evidencian nos ámbitos laboral, policial, xurídico, dos servizos sociais, sanitario e educativo.

Causa impacto que en 2015, das 60 mulleres asasinadas, só 13 presentaran denuncia e só 4 tiñan medidas de protección en vigor. Unha realidade que hai que analizar tendo en conta os distintos mecanismos e elos que fallan na cadea de atención, seguimento e protección das vítimas; a deficiente coordinación institucional e policial e entre os órganos e servizos xudiciais; o insuficiente número de xulgados de violencia, de unidades de valoración integral do risco; a falta de formación en materia de igualdade e contra a violencia de operadores, profesionais e persoal que atende as vítimas. Son cuestións prioritarias que debe abordar o novo Executivo.

É urxente acometer a problemática do elevado número de solicitudes de ordes de protección que son denegadas: 632 das 1564 solicitadas en Galicia e 10 non admitidas, o que supón o 41,4 % do total no ano 2015 nos xulgados de violencia sobre a muller. Isto implica indefensión e a imposibilidade de acceder aos dereitos establecidos como vítimas da violencia de xénero.

No ámbito laboral, resulta alarmante o escaso uso que as vítimas de violencia fan de prestacións e dereitos laborais, o insuficiente desenvolvemento de medidas para a contratación e fomento do emprego e a falta de colaboración institucional coas organizacións sindicais, que podería garantir o acceso aos dereitos e a difusión das bonificacións existentes.

O ámbito sanitario carece da adecuada coordinación multidisciplinar para a detección e o tratamento das situacións de violencia contra as mulleres nos centros sanitarios. O ámbito educativo e dos medios de comunicación continúa mostrando evidencias de sexismo, xa que non se desenvolven as estipulacións da normativa igualitaria, e a LOMCE supuxo un grave retroceso na promoción da igualdade entre mulleres e homes, clave para combater a desigualdade estrutural en que asenta a violencia contra as mulleres.

DEMANDAMOS:

  • Un Plan integral para a igualdade e contra a violencia de xénero, acordado cos axentes sociais, que ofreza solucións reais e efectivas contra a violencia machista.
  • Pór en marcha novas actuacións e medidas para a contratación e fomento do emprego das mulleres vítimas da violencia de xénero.
  • Garantir e asegurar a difusión de información sobre o conxunto de recursos, dereitos e prestacións existentes.
  • Impulsar campañas de sensibilización e formación no ámbito laboral contra a violencia de xénero.
  • Abordar a problemática do alto número de denegacións de ordes de protección que imposibilita a acreditación como vítima e o acceso aos dereitos e prestacións.
  • Optimizar a coordinación institucional e a cooperación xudicial e policial entre todas as administracións públicas e os distintos profesionais implicados.
  • Implantar unha educación baseada en valores de igualdade entre mulleres e homes, coa implicación de todas as administracións educativas, profesionais e familias.
  • Desenvolver unha atención sanitaria integral, mediante o establecemento de equipos multidisciplinares que teñan como obxectivo a asistencia e prevención da violencia contra as mulleres.
  • Garantir unha carteira básica de servizos e prestacións sociais para a asistencia integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.

Desde UGT e CCOO seguiremos traballando no noso compromiso de impulsar a formación, prevención e sensibilización contra a violencia a través da negociación colectiva, de promover melloras na regulación dos dereitos laborais e protección social das mulleres que sofren violencia de xénero, reforzar a negociación de protocolos de actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, e colaborar co conxunto das administracións públicas e organizacións e asociacións de mulleres implicadas na eliminación deste grave problema social.

CCOO e UGT condenamos as atrocidades, secuestros, torturas e violacións de mulleres e nenas, a violencia causada polos integrismos relixiosos, as guerras e conflitos armados, as vítimas do tráfico de persoas e a escravitude sexual, a extrema situación de vulnerabilidade que sofren as mulleres refuxiadas, que inclúe violencia física e sexual, así como os retrocesos en dereitos reprodutivos, incluído o dereito ao aborto, que pon en perigo a vida de mulleres e nenas.

UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras en Galicia chamamos á participación nas distintas mobilizacións que as organizacións de mulleres, sociais e sindicais convoquen para o 25 de Novembro en todas as cidades do estado, para manifestar o noso compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres.