Hoxe, 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo 2016. Por iso CCOO, UGT e varias asociacións profesionais organizan un día de mobilización en todo o estado para denunciar a situación dos traballadores do sector: explotación laboral, baixos salarios, inseguridade no traballo, a falta de negociación colectiva sectorial e aumento da externalización, a fin de non aplicar os acordos colectivos sectoriais para rebaixar salarios en preto de 40%, como no caso das camareiras de piso.

Este movemento reivindica o dereito a condicións de traballo dignas, emprego estable e con dereitos, o recoñecemento da profesionalidade e conseguir o relanzamento da negociación colectiva para recuperar os dereitos e o poder adquisitivo dos salarios, para reverter a externalización e obter o recoñecemento das enfermidades profesionais. En definitiva loitar por un emprego decente e un salario para deixar de ser "A CARA B DO TURISMO EN ESPAÑA". Porque o plantel do sector turístico ten pouco que celebrar e moito que reclamar.

Segundo os datos de CCOO, os datos dos primeiros oito primeiros meses do ano amosan unha recuperación da actividade turística. Por exemplo, o número de visitantes a Galicia aumentou un 5,45 % e o de pernoitas incrementouse o 6,89 % respecto do 2015. Con todo, esta aparente bonanza non se traduciu na mesma medida no número de empregos xerados, que só medrou un 2,52 %, e «aínda por riba» máis do 90% das contratacións son eventuais.