Día Europeo pola Igualdade Salarial: CCOO Galicia denuncia a fenda salarial e o incumprimento dos dereitos económicos das mulleres
Un ano máis, a Secretaría de Mulleres e Políticas de Igualdade e LGTBI+ de CCOO Galicia, en colaboración co Gabinete de Igualdade, denuncia o incumprimento dos dereitos económicos e laborais das mulleres. Desde unha posición de loita feminista, as CCOO traballan pola erradicación das desigualdades no ámbito laboral e na sociedade en xeral.
Redución da fenda salarial: avances e retos
As intervencións de CCOO no ámbito da negociación colectiva resultaron clave para reducir a fenda salarial. Porén, malia medidas normativas como a reforma laboral, a suba do SMI ou a obrigatoriedade dos plans de igualdade en empresas con máis de 50 traballadores, a redución non avanza coa velocidade esperada.En Galicia, a desigualdade salarial segue sendo alarmante: os homes perciben un salario anual medio de 4.687 euros máis que as mulleres. Esta brecha reflicte o impacto da división sexual do traballo e o conflito capital/traballo.
Informe anual sobre igualdade salarial
Cada ano, coincidindo co Día Europeo pola Igualdade Salarial (22 de febreiro), o Sindicato Nacional de CCOO elabora un informe detallado sobre a situación no mercado laboral galego. Os resultados completos deste informe publicaranse con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres.
+ Máis información no documento anexo a esta nota informativa.
CCOO Servizos participamos nunha asemblea en Santiago para abordar a precariedade laboral das traballadoras en sectores feminizados
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reuniu case 300 persoas nunha asemblea sobre traballadoras en sectores feminizados celebrada no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento centrouse na precariedade laboral que afecta especialmente ás mulleres nestes ámbitos.
Intervencións destacadas
Raquel Carballo presentou a asemblea, que contou coa participación de:
- Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical, quen analizou a situación xeral dos sectores feminizados
- Unai Sordo, secretario xeral confederal de CCOO
- Amelia Pérez, secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia
Principais reivindicacións
- Segundo Sordo, ao longo do ano fanse «millóns de horas» que se chaman «complementarias» e que terían que formar parte «das xornadas laborais ordinarias» de milleiros de persoas traballadoras, fundamentalmente mulleres.
- Modificación do contrato a tempo parcial, xa que o 70% das persoas con esta modalidade son mulleres
- Incorporación das horas complementarias ás xornadas laborais ordinarias
- Loita contra a fenda de xénero e o recoñecemento das categorías profesionais adecuadas
Compromiso de CCOO coa igualdade
Amelia Pérez destacou o carácter pioneiro de CCOO como organización feminista, implementando a paridade nos seus órganos antes da lexislación vixente. Ademais, subliñou o impacto positivo de medidas como a suba do salario mínimo e a reforma laboral na situación das traballadoras en sectores feminizados. Incidiu en que a xornada a tempo parcial, na meirande parte dos casos, «non é desexada, senón unha imposición».
A dirixente sindical tamén puxo en valor o carácter pioneiro de CCOO como organización feminista e a prol da igualdade, levando aos seus órganos a paridade entre mulleres e homes moito antes de que houbese lexislación ao respecto. «A igualdade demóstrase con feitos», subliñou.
A asemblea reafirmou o compromiso de CCOO na loita pola igualdade e a mellora das condicións laborais das mulleres en Galicia.
Avanzando na igualdade das persoas LGTBI no traballo
Este 26 de xuño, CCOO asinou o acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+ no ámbito laboral. As empresas con máis de 50 persoas asalariadas estarán obrigadas a aplicar medidas e protocolos contra a violencia e o acoso ás persoas LGTBI+.
No ano 2011, o Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou a primeira resolución en que se recoñecen os dereitos do colectivo LGTB e unha declaración formal de condena dos actos de violencia e discriminación en calquera lugar do mundo por razón da orientación sexual e identidade de xénero.
O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, e a Constitución española no seu artigo 9.2, sentan as bases para promover unha igualdade efectiva entre individuos, ao recoller a obriga que corresponde aos poderes públicos de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, eliminar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social».
A Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia establece diversas medidas de promoción de igualdade de trato e non discriminación no ámbito laboral.
Co asinamento do acordo contra a discriminación das persoas LGTBI no ámbito laboral, desenvólvese o artigo 15 da Lei 4/2023, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía das persoas LGTBI. A futura norma, pioneira no noso país e no resto de Europa, é froito dun acordo tripartito no seo do Diálogo Social.
«A futura norma é moi importante porque reforza e fai valer os dereitos de todas as persoas tamén dentro das empresas, pois contribúe a que ninguén sinta medo, sufra acoso LGTBIfóbico en silencio ou renuncie a permisos ou dereitos por medo a visibilizarse», sinala Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia. Ler máis
______________
Actualización
Manifestación 28 de Xuño.
Nin una persoa máis do colectivo LGTBI+ discriminada
Combatiremos as actitudes e os comportamentos de acoso. Ofreceremos orientación.
Educación para vivir! Organización para loitar!
Feminismo sindical para mellorar a vida das mulleres
CCOO, como sindicato feminista, manifesta o seu firme compromiso de seguir loitando contra a discriminación laboral das traballadoras en calquera das súas formas e negociando propostas que melloren as condicións de vida das mulleres.
O feminismo está sendo o maior motor de transformación social, e de aí o empeño en condenalo das faccións sociais máis reaccionarias; pero detrás del hai máis de corenta anos de historia de loita de moitas mulleres. Loitas constantes, comprometidas e arriscadas pero libradas coa alegría que produce ir acabando coas múltiples discriminacións e apostar con creatividade, sororidade e alegría por unhas condicións de vida xustas.
Estas loitas libráronse en todos os ámbitos, e o laboral non foi o menor. As mulleres necesitamos independencia tamén económica para sermos autónomas e non dependermos de ninguén. O traballo asalariado é unha desas fontes de autonomía, e a necesaria batalla polo acceso ao emprego, a promoción profesional, a corresponsabilidade, a igualdade salarial ou a fin da violencia son obxectivos sindicais. Por esta razón, desde CCOO tamén reivindicamos o feminismo sindical, que colabora co resto de feminismos para conseguir dinamitar o machismo que aínda persiste e estender o feminismo a todos e cada un dos espazos.
O 8M tamén reivindicamos este feminismo sindical que nos é propio e a loita polos dereitos laborais dentro do movemento feminista e, aínda que nos sumamos a gozar deste día lúdico de reivindicación feminista, actualizamos o feminismo nos centros de traballo todos os días do ano a través do noso activo sindical, porque os dereitos non se paran nas portas dos centros de traballo. Día a día denunciamos a discriminación laboral e achegamos propostas para mellorar as condicións laborais e de vida mediante o diálogo social en aspectos como o salario mínimo interprofesional. O SMI pasou de 736 euros ao mes en 2018 a 1134 euros brutos en 14 pagas en 2024; é un incremento de máis do 46 %. A suba do SMI beneficia máis as mulleres, ao sermos nosoutras as que temos as peores condicións laborais e salariais. Ler máis
#25N - Acabouse. Imos contalo
A violencia de xénero, entendida no seu sentido amplo, é dicir, comprendendo todas as manifestacións da violencia contra as mulleres, é o delito máis estendido en todo o mundo:
— Cada 3 segundos, unha nena é obrigada a casar.
— Unha de cada 3 mulleres do mundo sufriu ao longo da súa vida violencia física ou sexual.
— 3 millóns de nenas son vítimas de ablación cada ano.
— As violacións como arma de guerra están xeneralizadas nas zonas de conflito.
— Unha gran parte dos asasinatos de mulleres cometéronos as súas parellas ou exparellas.
— O 71 % das vítimas de trata son mulleres e nenas (ACNUR 2019).
E non podemos esquecer as mulleres migrantes, moitas veces violadas ou vítimas de trata no proceso migratorio e que tampouco teñen asegurado o status de refuxiadas nos países de chegada. Nin esquecemos tampouco as mulleres palestinas asediadas polas bombas na Franxa de Gaza, sen alimentos, nin electricidade, nin medicinas, nin auga, 50 000 delas embarazadas. Nin moito menos esquecemos a forte represión que padecen as nosas irmás en países como Afganistán, Irán, Libia, Sudán ou Bangladesh, entre outros.
Negacionismo da violencia contras as mulleres
En España asistimos a unha rearticulación do patriarcado debida ao avance das forzas reaccionarias de extrema dereita, que están impoñendo nas institucións onde cogobernan o seu negacionismo da violencia contra as mulleres, restrinxindo —cando non eliminando directamente— as políticas, servizos e recursos dirixidos á prevención e á atención integral das mulleres vítimas.
As denuncias por violencia de xénero aumentaron, como tamén se incrementa o número de mulleres asasinadas:
— Desde o ano 2003, un total de 1234 mulleres, que deberían estar vivas, foron asasinadas. Este ano, a cifra de mulleres asasinadas (51) xa supera a do ano 2022.
— En España, segundo a Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019, case unha de cada dúas mulleres (o 44 %) sufriu algún acto de violencia sexual ao longo da súa vida e, porén, hai que denunciar que na maioría das provincias aínda non se puxeron en marcha os centros de atención 24 horas previstos na lei de liberdade sexual.
Ademais, determinadas expresións da violencia de xénero, como o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, seguen sen ser contabilizadas de forma específica. O único dato que ofrece a Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019 é que no ámbito laboral máis de 1,4 millóns de mulleres afirman ter sufrido acoso sexual no seu lugar de traballo e que o 98 % dos agresores eran homes.
Acoso sexual e por razón de sexo
O acoso sexual e por razón de sexo é un delito oculto e ocultado. A súa invisibilidade parte de que aínda se considera unha «mancha», tanto para a que o padece como para a empresa en que se produce.
Por un lado, a tradicional naturalización de certos comportamentos masculinos, ata o de agora tolerados nunha sociedade presidida pola cultura patriarcal, minimízao. Desgraciadamente, o foco sitúase na vítima en lugar de facelo na persoa que acosa e delinque.
Por outro lado, en moitos casos, as empresas considérano un asunto externo, ignórano ou ocúltano, cando son elas, precisamente, as que «deben promover condicións de traballo que eviten o acoso sexual e o acoso por razón de sexo e arbitrar procedementos específicos para a súa prevención e para dar canle ás denuncias ou reclamacións que poidan formular quen fosen obxecto de acoso» (art. 48 LOIMH).
CCOO DÁ UN PASO ADIANTE
Fronte a esta ocultación e para acabar co que é, sen dúbida, unha manifestación de violencia contra as mulleres, CCOO deu un paso adiante. Dicimos #Acabouse. Dicímolo as mulleres, pero tamén os homes deste sindicato, porque a loita contra as violencias machistas é unha loita común.
Desde o sindicato #ImosContalo dándolles a palabra ás mulleres. Con novas e útiles ferramentas sindicais como é o Observatorio de Acoso e por Razón de Sexo de CCOO. Imos contalo:
— Cada día, coa nosa acción sindical, a través das e dos representantes das persoas traballadoras nos centros de traballo. O noso activo sindical, mulleres e homes de CCOO, supoñen un cordón preventivo e dobremente activo. Porque acompañan, asesoran e orientan as mulleres vítimas e porque actúan fronte ás denuncias dos casos que se presentan.
— En cada unha das mesas de negociación colectiva, expoñendo e incluíndo nos convenios e plans de igualdade os comportamentos de acoso sexual e por razón de sexo, para mellorar a súa detección e prevención, incluíndoos entre as medidas sancionadoras.
— En todas as negociacións de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo nas empresas e, de modo moi especial, naquelas empresas e Administracións públicas en que se acordan plans de igualdade.
— E, de modo exclusivo, en avanzar na concienciación, dar atención, orientación e acompañamento ás vítimas, información e formación ás delegadas e delegados sindicais sobre como actuar e ofrecer bibliografía, lexislación e xurisprudencia a xuristas e investigadoras mediante a web do Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo de CCOO.
Este #25N, CCOO facemos un chamamento para actuar decididamente nas empresas e Administracións públicas contra esta forma de violencia de xénero para, por fin, poder dicir: #Acabouse.
O Observatorio é unha ferramenta nova e pioneira en Europa, que cada delegado e delegada debe coñecer e aproveitar.
ACABAR COA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
— CCOO, como sindicato feminista, asume a responsabilidade sindical de actuar fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, así como contra o ciberacoso notraballo, e dese xeito contribuír á prevención, á asistencia ás vítimas e á redución da violencia de xénero, actuando no seu ámbito, o laboral, o do día a día dos centros de traballo.
— Hai que actuar sindicalmente e sumar o noso esforzo ao de organismos, institucións públicas e movementos feministas para terminar con todas as formas de violencia contra as mulleres.
— Coma cada ano, sumámonos aos actos e manifestacións unitarias convocadas polos movementos feministas en cada territorio.
NOSOUTRAS E NOSOUTROS, AS XENTES DE CCOO, IMOS DEIXAR OÍR AS NOSAS VOCES NOS CENTROS DE TRABALLO:
NON AO ACOSO SEXUAL!NON MÁIS VIOLENCIAS MACHISTAS!
O ACOSO SEXUAL TAMÉN É VIOLENCIA MACHISTA!TRABALLOS LIBRES DE ACOSO SEXUAL!