Convenio Comercio Alimentación Ourense: suba salarial do 26% e novas melloras laborais ata 2028
Despois de presentar ao persoal a proposta resultante da mediación celebrada o pasado 17 de xullo, esta foi aprobada por maioría nas distintas asembleas realizadas nas empresas afectadas polo Convenio de Comercio de Alimentación da provincia de Ourense.
Como consecuencia, comunicarase formalmente á parte empresarial e ao Consello Galego de Relacións Laborais a aprobación da proposta co fin de redactar e asinar o preacordo.
Queremos destacar que este resultado non sería posible sen o esforzo, a mobilización e a firmeza das traballadoras e dos traballadores durante estes meses de loita. Cando a patronal insistía en que non había marxe para melloras salariais, foi a unidade e a presión do persoal o que fixo posible avanzar cara a un acordo digno.
Detalles do preacordo
A proposta aprobada inclúe un incremento salarial acumulado do 26,08% respecto do convenio anterior, co seguinte detalle:
-
2025: 18.100 € (suba do 11,74%)
-
2026: 19.250 € (suba do 6,35%)
-
2027: 19.827,50 € (suba do 3%)
-
2028: 20.422,33 € (suba do 3%)
Tamén se inclúe unha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC real cun tope de garantía do 2,5%.
Outras melloras destacadas
-
Grupo IV: subida a 17.750 € en 2025 e promoción automática ao Grupo III B cun ano de antigüidade.
-
3 fins de semana de calidade ao ano (sábado e domingo libres); en 2025 garántese 1.
-
1 día adicional de vacacións desde 2025.
-
Anticipo das pagas extraordinarias o día 15 de cada mes.
-
Plus de nocturnidade do 20% por hora traballada entre as 22:00 e as 6:00.
-
Axuda escolar de 80 € por cada fillo/a.
As centrais sindicais consideramos un éxito notable o incremento acadado, que é un resultado positivo e que reflicte un avance real nas condicións laborais do sector.
Grazas a todas as compañeiras e compañeiros pola súa forza, compromiso e participación. A mobilización e a unidade fixeron posible este paso adiante.
Seguimos. A loita continúa.
A igual traballo, igual salario en Gadis, Froiz e Cuevas
Hoxe, 25 de xuño, o persoal do comercio da alimentación de Ourense concentrámonos diante da sede central de Gadis, no polígono da Piadela (Betanzos), para esixir un convenio colectivo xusto, con salarios dignos e condicións equitativas, como nas demais provincias galegas.
A protesta forma parte do calendario de mobilizacións convocadas polas centrais sindicais ante o bloqueo da negociación, mentres empresas como Froiz, Gadis e Cuevas acumulan beneficios e manteñen ao persoal con salarios conxelados e dereitos estancados.
Desde CCOO servizos lembramos que durante a pandemia, as traballadoras e traballadores demostraron un compromiso total, e agora esiximos recoñecemento real con melloras salariais e sociais.
Non imos permitir que se nos siga ignorando. O convenio debe reflectir a realidade do sector e o esforzo do seu persoal.
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
Un convenio de comercio alimentación xusto para Ourense: traballadoras e traballadores erguen a voz en Froiz
Concentración en Poio contra a desigualdade salarial no sector da alimentación
Este luns, 23 de xuño, traballadoras e traballadores do sector do comercio da alimentación da provincia de Ourense concentráronse diante da sede central de Froiz, en Poio (Pontevedra). A mobilización serviu para esixir un convenio colectivo xusto, con salarios dignos e condicións laborais equitativas, en igualdade co resto das provincias galegas.
Un convenio bloqueado mentres aumentan os beneficios empresariais
A protesta forma parte do calendario de accións impulsado polas centrais sindicais ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo do comercio da alimentación de Ourense, paralizado dende hai meses.
Durante a concentración, denunciouse que empresas como Froiz, Gadis ou Cuevas, con beneficios millonarios e en constante expansión, manteñen ao persoal ourensán con salarios conxelados, xornadas intensas e sen avances en dereitos laborais.
Recoñecemento ao esforzo: compromiso e dignidade
Desde a Federación de Servizos de CCOO Galicia, lembrouse que o persoal do sector demostrou un compromiso exemplar durante a pandemia, garantindo o abastecemento e o funcionamento das tendas en situacións críticas. Agora, esíxese que ese esforzo sexa recoñecido con melloras salariais e sociais reais.
As mobilizacións continúan
Esta acción únese ás xa realizadas e ás previstas para os próximos días. O martes 24 terá lugar unha nova concentración en Ourense diante da sede de Cuevas, e o mércores 25 outra diante da sede de Gadis no polígono da Piadela (Betanzos), onde tamén se convocou unha rolda de prensa.
Desde CCOO non imos permitir que se nos siga ignorando. O convenio de alimentación de Ourense debe reflectir a realidade do sector e o esforzo do seu persoal.





Convenio comercio de alimentación de Ourense: Gadis, Cuevas e Froiz baixo presión
As centrais sindicais USO, CIG, CCOO e UGT, tivemos unha asemblea conxunta co persoal do sector comercio da alimentación en Ourense, onde reafirmamos a nosa unidade de acción para facer fronte á patronal.
A patronal (Gadis, Cuevas e Froiz) segue negándose a recoñecer a desigualdade salarial que sufrimos, alegando que o custo da vida aquí é menor. Nós rexeitamos esa escusa: o noso traballo é o mesmo!
Na asemblea, que tivo apoio unánime, acordamos intensificar as medidas de presión para conseguir un convenio xusto:
Dúas concentracións semanais de xornada completa diante das tendas máis importantes das empresas implicadas, para informar á clientela sobre esta inxustiza.
- Próximas concentracións:
- 23, 24 e 25 de xuño de 11:00 a 12:00 horas nas seguintes ubicacións:
- Día 25 - Central Loxistica de GADIS en Piadela – A Coruña
- Día 24 - Central Loxistica de Cuevas en Ourense.
- Día 23 - Central Loxística de FROIZ en Poio - Pontevedra.
As seguintes concentración celebraranse en horario de 10:30 a 12:30 e 19:30 ata peche, os seguintes días: Ler máis
____________________________________
Actualización: Imaxes da concentración do día 24 de xuño diante do centro loxístico de Grupo Cuevas




Engadimos apoios ante o bloqueo e silencio mediático no convenio comercio de alimentación de Ourense: SUMAR, BNG, PSOE e GRUPO MIXTO
Unha representación das persoas traballadoras do sector do comercio da alimentación de Ourense mantivemos hoxe unha serie de reunións con representantes dos grupos parlamentarios de BNG, PSOE e grupo mixto do parlamento Galego, e a portavoz do grupo parlamentario Sumar, Verónica Martínez Barbero no Parlamento Español, co obxectivo de trasladarlles a crítica situación que atravesa a negociación do convenio colectivo provincial.
Durante os encontros, a representación sindical explicamos o bloqueo provocado pola negativa da patronal a atender reivindicacións laborais básicas, a pesar do éxito das xornadas de folga xa celebradas e do amplo respaldo das traballadoras e traballadores do sector.
Solicitamos un apoio político claro e visible, así como colaboración para romper o silencio informativo que pesa sobre este conflito, que afecta a milleiros de persoas en toda a provincia de Ourense.
Os distintos grupos parlamentarios amosaron interese polas demandas trasladadas e comprometéronse a estudar vías para darlles visibilidade tanto nas institucións como nos espazos públicos.
Desde os sindicatos convocantes —CCOO, CIG, UGT e USO— valoramos positivamente a receptividade amosada por todos os grupos e reiteramos o noso compromiso de seguir sumando apoios sociais e institucionais para conquistar un convenio xusto, digno e que recoñeza o valor do traballo de quen sostiña o sector mesmo nos momentos máis duros.






















