CCOO Servizos avanzamos con forza nas eleccións sindicais de Eroski Vegalsa Sigüeiro -plataforma-
No día de onte celebráronse as eleccións sindicais no centro de traballo de Eroski (Vegalsa) Sigüeiro, destacando un avance significativo de CCOO Servizos, que aumentamos a nosa representación en comparación cos anteriores comicios.
Cun apoio cada vez maior das e dos traballadores, CCOO logramos pasar de 5 delegadas e delegados na última convocatoria a un total de 7 na presente, converténdonos nunha forza sindical de referencia. Este crecemento evidencia o recoñecemento do labor e o compromiso de CCOO na defensa dos dereitos laborais, así como a capacidade para conectar coas necesidades reais do persoal.
Pola súa banda, Fetico obtivo 7 delegadas e delegados, con 1 técnico adicional. UGT mantén a súa representación con 2 delegados.
Con estes resultados, o avance de CCOO é un claro sinal de que os traballadores e traballadoras confían cada vez máis no noso proxecto. Desde CCOO comprometémonos a seguir traballando para mellorar as condicións laborais e dar resposta ás demandas que nos expoña o persoal.
Estes resultados son froito do esforzo colectivo e unha mostra de que o diálogo, a loita e a constancia seguen sendo ferramentas efectivas para acadar melloras no ámbito laboral.
Moitas grazas a todas e todos os que confiastes en nós. Seguimos avanzando!
CCOO Servizos denunciamos discriminación e cargas de traballo insoportables en Froiz
Persoas traballadoras de Froiz reuníronse diante dun supermercado da cadea para protestar contra as prácticas laborais abusivas. As principais queixas inclúen cargas de traballo insoportables por falta de persoal, cambios arbitrarios en quendas e horarios, así como discriminación cara aos encargados.
A pesar de que o supermercado pechou o ano 2022 cun récord de facturación e un aumento do 14% na conta de explotación, as persoas traballadoras denuncian que as condicións laborais non reflicten este éxito económico. A falta de persoal leva a consecuencias directas, como traballo esgotador, multitarefa constante e a imposibilidade de planificar os seus calendarios laborais de forma mensual, trimestral ou anual.
"Aumentan os ingresos, pero non vemos beneficios nas nosas condicións laborais. Estamos exhaustos e non podemos seguir así", sinaliza un dos delegados de CCOO.
As protestas tamén subliñan a denegación de asuntos propios por falta de persoal e a existencia de contratos eventuais fraudulentos, o que agrava a inseguridade laboral.
Os manifestantes esixen respecto, condicións laborais xustas e un trato digno por parte da dirección do supermercado.
A empresa en cuestión aínda non respondeu ás queixas formuladas polos traballadores. A situación está a recibir un seguimento estreito tanto polos medios como polos delegados e delegadas de CCOO.
«Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO
"Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.
"A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.
Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.
As primeiras sentenzas contra o Hotel Balneario do Tremo decretan a nulidade dos despedimentos por existir fraude de lei
Comisións Obreiras (CCOO) informa das primeiras sentenzas a favor dos traballadores e traballadoras despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión. As tres resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por se considerar acreditada a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal. CCOO, sindicato que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña. Ler máis