CCOO denuncia a sobrecarga de traballo que padece o persoal de Quirón Prevención e esixe garantías para manter o poder adquisitivo dos salarios
CCOO, UGT e CSIF convocaron para o día de hoxe, 23 de xuño, unha folga de dúas horas en todos os centros de traballo de Quirón Prevención. Houbo, así mesmo, concentracións diante da empresa. Con este paro parcial esixen o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, que, ademais de mellorar as condicións laborais, regule o teletraballo. Ademais o sector bate récords de beneficios.
CCOO esixe, tamén, que se tomen medidas ante a sobrecarga de traballo que padece o persoal e unha suba salarial que non poña en perigo o poder adquisitivo.
Reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade
A secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO, Lucía Trenor e o responsable de Servizos Técnicos, Iván Cordeiro, mantiveron hoxe unha reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha para tratar a situación dos sectores de Centros de Chamadas, TICS, Enxeñerías e Servizos de Prevención. Ademais solicitouse a revisión dos pregos de contratación e a verificación de que se respecta a lexislación laboral e as condicións de traballo dos sectores.
Os cadros de persoal estanse vendo empobrecidos pola negativa das súas patronais a realizar unha subida salarial nun contexto de inflación desorbitada. O volume de negocio que prestan estas empresas viuse incrementado durante o tempo de pandemia, e por tanto, tamén o seu nivel de facturación. Ademais, estas patronais coinciden en que non poden repercutir as subidas salariais ás súas empresas clientes, referíndose en numerosos casos á propia Administración Pública.
Concentración para esixir o desbloqueo do convenio de servizos de prevención alleos
Comisións Obreiras (CCOO) e UGT convocaron hoxe venres unha concentración na Coruña para esixir o desbloqueo do convenio colectivo de servizos de prevención alleos. Os sindicatos reproban a actitude das empresas no que respecta a mellorar as condicións laborais duns traballadores e traballadoras que son “imprescindibles” no modelo de prevención de riscos do noso país. A protesta tivo lugar diante do centro sanitario do Ventorrillo, situado no n.º 30 da rúa Pasteur.
CCOO sinala que este convenio leva tres anos “bloquedo unilateralmente” por parte das patronais ASPREN, ASPA e ANEPA. Malia que o sector “bate as súas marcas de beneficios”, vinte mil profesionais en todo o Estado continúan coas súas condicións laborais conxeladas.
Para CCOO, isto é “especialmente grave no caso dos salarios”, porque a situación provoca un “empobrecemento sistemático e continuado” dos cadros de persoal. Neste contexto, as patronais ofrecen subas entre o 1,3 e o 1,5 %, malia que a inflación pechou o ano pasado no 6,5 % e continúa subindo mes a mes.
No ámbito estatal, CCOO e UGT xa lles remitiron cartas aos grupos parlamentarios e entrevistáronse coa Dirección Xeral de Traballo á procura de solucións. Agora comeza un calendario de mobilizacións “que se intensificará no outono” se persiste o bloqueo, avanzan os sindicatos.
A mediadora de seguros Asnorte contrata falsos autónomos para reducir custos
En novembro do ano 2020 a Federación de Servizos de CCOO en Galicia iniciou unha campaña contra os falsos autónomos existentes na empresa Asnorte, axencia exclusiva de mediación de seguros de Santa Lucía.
CCOO interpuxo unha denuncia ante inspección de traballo nas catro provincias galegas, denunciando a práctica fraudulenta na subscrición de contratos mercantís con persoas que estaban baixo a potestade organizativa de Asnorte.
Esta campaña iniciouse tras contactar co sindicato máis dunha decena de persoas que consideraban que se atopaban baixo unha situación fraudulenta de contratación mercantil, que o que enmascaraba era unha relación laboral.
Tras as devanditas denuncias, Asnorte procedeu á finalización de numerosos contratos optando a maioría das persoas afectadas acudir aos xulgados para o recoñecemento da vinculación laboral.
Foron xa varias as sentenzas que a día de hoxe se resolveron favorables aos intereses das persoas traballadoras.
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia quere pór o foco na práctica habitual do sector onde se realizan contratacións fraudulentas vía a mercantilización das relacións laborais para evitar asumir os custos derivados dunha contratación directa.
Teletraballo, veu para quedar. Desconexión dixital
O teletraballo é unha forma de organización e prestación do traballo que responde tanto á innovación e implementación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, canto aos requirimentos de maior flexibilidade organizativa nunha contorna cambiante.
A esta forma flexible de organización é frecuente atribuírlle extraordinarias capacidades en orde a mellorar as necesidades, sexa de conciliación da vida laboral e familiar, de flexibilidade, de produtividade, sexa, mesmo, de incrementar a activación de colectivos especialmente vulnerables, como serían as persoas con discapacidade
O teletraballo non é apto para todo tipo de traballos, senón que só é posible para aquelas tarefas teletraballables, é dicir, aquelas que poden realizarse a través de medios tecnolóxicos.
Aínda que, aos comezos nos que se empezou a falar e implantar este modo de traballo se previron unhas grandes expectativas de desenvolvemento e implantación, e a pesar da maior dispoñibilidade de medios tecnolóxicos cada vez máis avanzados, non tivo o desenvolvemento previsto. O porqué non se cumpriron esas expectativas é un tema controvertido, prognosticábase en moitos foros e investigacións un gran número de persoas teletraballando nun limitado espazo de tempo que despois non chegou a cumprirse, chegouse a supor que o teletraballo podía supor unha revolución nas formas de organizar o traballo, pero isto non chegou a materializarse. Os expertos din que un dos principais factores para que non se alcanzaron as cifras prognosticadas xorde pola falta de formación, malestar pola xestión nas empresas dos programas flexibles de traballo e á escaseza de información.
Aínda que a porcentaxe de persoas teletraballando vai en aumento, parece que até agora moitas empresas se resistiron a adoptar medidas dirixidas á adopción do teletraballo.
Informe completo: Teletrabajo, ha venido para quedarse Desconexión digital