Declaración conxunta dos interlocutores sociais europeos do sector bancario sobre os aspectos laborais da intelixencia artificial
A declaración, entre UNI Europa – a federación sindical europea de traballadores e traballadoras dos servizos, na que participa activamente CCOO Servicios como afiliada - e os empresarios - as patronais bancarias europeas EBF, EACB, ESBG - é a primeira deste tipo nun sector de actividade da UE. Esta Declaración Conxunta sobre os Aspectos Laborais da Intelixencia Artificial é o inicio dun proceso continuo sobre a IA, e tamén a culminación dunha ampla colaboración e diálogo entre as partes interesadas, tendo en conta os retos e oportunidades dinámicas do sector na introdución de procesos e sistemas que utilizan a IA. Ler máis
- Ver e descargar (pdf) DECLARACIÓN CONJUNTA SOBRE LOS ASPECTOS LABORALES DE LA INTELIGENCIA ARTIFICIAL REALIZADA POR LOS AGENTES SOCIALES EUROPEOS EN EL SECTOR BANCARIO (Tradución non oficial realizada pola secretaría de acción sindical internacional de CCOO Servicios).
- JOINT DECLARATION ON EMPLOYMENT ASPECTS OF ARTIFICIAL INTELLIGENCE BY THE EUROPEAN SOCIAL PARTNERS IN THE BANKING SECTOR
OPA hostil BBVA-Sabadell: Reclamamos medidas antimonopolio a reguladores e supervisores, ademais de garantías laborais
Ante o lanzamento de OPA hostil de BBVA sobre o Sabadell, que xera aínda maiores incertezas que o escenario de fusión, CCOO expresamos a nosa profunda preocupación e requirimos a supervisores e reguladores que pasen das palabras aos feitos con medidas "anti-trust" ante unha posible nova onda de concentración do sector. Desde CCOO, ademais, reiteramos a nosa esixencia de plenas garantías laborais e de emprego para o persoal de ambos os bancos. Ler máis
CCOO defenderemos o mantemento do emprego nunha posible fusión BBVA-Sabadell
O responsable do sector Financeiro de CCOO-Servizos, Jorge Villarino, coida que esta hipotética fusión é diferente doutras dos últimos quince anos, vinculadas á crise económica do 2008 ou ao impacto da pandemia.
«Estamos a falar dunha operación que se presenta cunha prima de adquisición. Aquí non se trata da adquisición dunha entidade por un euro, como pasou no pasado, senón dunha prima sobre o valor da acción dun 30 % que está a ofrecer a entidade que adquire», salienta o sindicalista.
Se seguir adiante este proceso, vixiaremos «moi de preto» para que a unión entre as entidades non sexa traumática en termos de emprego. Para iso está Comisións Obreiras, sindicato maioritario no Sabadell e cunha posición moi relevante no BBVA.
Tamén subliñamos a necesidade de dar unha «saída xusta» á negociación do convenio colectivo, «acorde cos excelentes resultados do sector», que será a base sobre a que se teña que producir a homologación de condicións de traballo tras unha posible fusión.
Folga e concentración contra o clima laboral tóxico e a destrución de emprego en Teleperformance Coruña
O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña convocou folga de 24 horas para hoxe, luns 29, en resposta ás políticas da empresa que afectan directamente as persoas traballadoras deste centro.
Ademais, realizouse unha concentración ás 12:00 horas diante das instalacións da Teleperformance na Rúa Newton 5, onde as persoas traballadoras expresaron o seu descontento e esixiron cambios nas políticas empresariais.
Os motivos desta mobilización inclúen despedimentos inxustificados, presión constante por resultados sobre as persoas traballadoras, falta de comunicación cos representantes legais dos/as traballadores/as e a redución continua de postos de traballo debido á deslocalización de servizos e aos ERE’s aplicados pola empresa:
Non fai moito, a delegación de Coruña ocupaba a case 1.000 persoas traballadoras. Cando en outubro do ano pasado a empresa levou adiante un ERE nas campañas de Vodafone e Netflix o ERE afectou a 42 persoas na Coruña e o volume de persoal era dunhas 520 persoas.
Pasados 5 meses do ERE, na Coruña somos 450 persoas traballadoras, 70 persoas menos, non 42. E desde fai uns anos, máis de 500 persoas menos.
O Comité de Empresa destaca que estas accións crean un ambiente de medo constante entre os traballadores, prexudicando o clima laboral.
O obxectivo desta folga e concentración é manifestar publicamente o descontento dos traballadores de Teleperformance A Coruña e esixir un cambio nas políticas da empresa en relación co seu persoal: Abonda de presións constantes e temor continuo a despedimentos.
CCOO Servizos asinamos as novas táboas salariais da hostalaría de Lugo, con importantes subas e pagamento de atrasos
Acabamos de asinar coa patronal do sector as novas táboas salariais do convenio provincial de hostalaría de Lugo, que recolle importantes subas económicas e o pagamento duns atrasos que se poden remontar ao 1 de xaneiro deste ano. Destacamos, ademais, que o incremento económico é superior ao que recollía o convenio colectivo para evitar distorsións derivadas do novo salario mínimo (SMI).
No 2023 foi preciso incrementar moitos dos salarios deste convenio para adecuarse á suba do salario mínimo interprofesional, para evitar que quedasen por baixo do fixado legalmente.
Adiantámonos á situación que se produciría nos anos seguintes co incremento do SMI, polo que propuxemos que os soldos se actualizasen en primeiro termo conforme ao salario mínimo e, despois, se aplicase a o incremento salarial pactado no convenio.
Deste xeito, as categorías máis baixas, ao equipararse ao SMI, igualaron as que estaban por riba. Polo tanto, e de acordo con todas as partes asinantes, aprobáronse subas superiores ao establecido no convenio para poder manter a diferenza salarial entre as categorías inferiores e as superiores. Deste xeito, as táboas asinadas por CCOO supoñen para 2024 entre un 3% e un 5,66% máis ca o ano pasado, en función de cada categoría profesional.
Por último, sinalamos que unha vez se publiquen as novas táboas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, serán de aplicación obrigatoria. Así mesmo, as empresas que non o fixesen xa voluntariamente, deberán pagar os atrasos con efectos desde o 1 de xaneiro do 2024.