Archivado en Comunicado breve, Condiciones de trabajo, Unión Comarcal A Coruña, Union Intercom. Santiago Barbanza, Union Comarcal Vigo, Comercio, Hostalaría, Comercio Galicia, Accion sindical

CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical
Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.
Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.
Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:
-
Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.
-
Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.
-
Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.
-
Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.
En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.