Archivado en Negociacion Colectiva, Condiciones de trabajo, Convocatorias, Comunicados convenio, Union Intercom. Ourense, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

Un convenio de comercio alimentación xusto para Ourense: traballadoras e traballadores erguen a voz en Froiz
Concentración en Poio contra a desigualdade salarial no sector da alimentación
Este luns, 23 de xuño, traballadoras e traballadores do sector do comercio da alimentación da provincia de Ourense concentráronse diante da sede central de Froiz, en Poio (Pontevedra). A mobilización serviu para esixir un convenio colectivo xusto, con salarios dignos e condicións laborais equitativas, en igualdade co resto das provincias galegas.
Un convenio bloqueado mentres aumentan os beneficios empresariais
A protesta forma parte do calendario de accións impulsado polas centrais sindicais ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo do comercio da alimentación de Ourense, paralizado dende hai meses.
Durante a concentración, denunciouse que empresas como Froiz, Gadis ou Cuevas, con beneficios millonarios e en constante expansión, manteñen ao persoal ourensán con salarios conxelados, xornadas intensas e sen avances en dereitos laborais.
Recoñecemento ao esforzo: compromiso e dignidade
Desde a Federación de Servizos de CCOO Galicia, lembrouse que o persoal do sector demostrou un compromiso exemplar durante a pandemia, garantindo o abastecemento e o funcionamento das tendas en situacións críticas. Agora, esíxese que ese esforzo sexa recoñecido con melloras salariais e sociais reais.
As mobilizacións continúan
Esta acción únese ás xa realizadas e ás previstas para os próximos días. O martes 24 terá lugar unha nova concentración en Ourense diante da sede de Cuevas, e o mércores 25 outra diante da sede de Gadis no polígono da Piadela (Betanzos), onde tamén se convocou unha rolda de prensa.
Desde CCOO non imos permitir que se nos siga ignorando. O convenio de alimentación de Ourense debe reflectir a realidade do sector e o esforzo do seu persoal.