CCOO Servizos gaña as eleccións en Lidl Pontevedra

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia gañou as eleccións sindicais en Lidl Pontevedra. A candidatura presentada polo sindicato logrou cinco representantes (tres no colexio de especialistas e dous no de técnicos). Adianta, polo tanto, a CIG, que ficou con catro.
CCOO agradécelles aos traballadores e traballadoras a participación no proceso electoral e a confianza depositada na candidatura deste sindicato, que mellorou resultados respecto dos anteriores comicios, cando conseguira tres delegados.



Comeza a Negociación Colectiva no sector do Comercio da Provincia de Pontevedra

Neste ano 2016 cómpre negociar dez convenios de comercio nesta provincia, dos que catro terminaron a súa vixencia en 2015 (Comercio Alimentación, Comercio retallista téxtil, Comercio do moble e Comercio de materiais de construción) e seis fixérono en anos anteriores (Comercio de bazares, Comercio metal e Comercio almacenistas de froitas, en 2014 e Comercio de peixe fresco 2010, Venda por xunto de tecidos 2012 e Comercio da pel 2009).

A primeira mesa que se constituiu foi a de Comercio de materiais de construción, na que despois de tres reunións a formulación da patronal segue sendo a conxelación salarial, baseándose na mala situación que segue soportando o sector. Por parte de CCOO as propostas seguen sendo a necesidade de incrementar as táboas salariais unida á inclusión de melloras normativas, sobre todo na xornada de traballo.

Tamén se constituiron as mesas de negociación dos convenios de Comercio do Moble e de Comercio Alimentación. No primeiro caso a representación de CCOO é o 100%, polo que xa fixemos entrega da nosa plataforma, do mesmo xeito que no segundo, no que pola parte social estaremos CCOO, CIG, UGT e USO, sen que ningún dos tres sindicatos teña a maioría absoluta.

Esperamos que axiña poidamos iniciar a negociación do convenio de Comercio retallista téxtil. Continuamos instando á patronal para que nos convoque.

Sobre os Convenios que remataron a súa vixencia en anos anteriores sen sequera constituírense as mesas de negociación, seguimos insistindo e ante a falta de resposta por parte da patronal estamos a estudar outro tipo de medidas legais para conseguir sacar da parálise na que están os traballadores e traballadoras afectados polos mesmos.

As formulacións que estamos a facer CCOO nas nosas plataformas baséanse na mellora dos salarios, das condicións de xornada de traballo para garantir a conciliación e na regulación da contratación.


Adecco incumpre a bolsa de horas e a xornada anual

CCOO Servizos interpón un conflito colectivo contra Adecco Outsourcing SAU (Eurocen)

Tralos sucesivos incumprimentos da normativa laboral por parte de Adecco Outsourcing SAU, a Federación de Servizos de CCOO decidiu interpor o conflito colectivo en solitario. O persoal vese obrigada a axustarse a unha bolsa de horas imposta unilateralmente pola empresa, así como a traballar unha xornada moi superior á das empresas onde presta servizo, relacionadas todas elas coa automoción e a loxística do devandito sector.

A noticia foi ben acollida polo persoal, que se atopa inmerso desde o pasado mes de xuño nun proceso de eleccións sindicais, torpedeado de maneira sistemática pola propia empresa e o sindicato afín FASGA, tamén presente en empresas como El Corte Inglés.

Esta demanda e o proceso de eleccións sindicais enmárcanse na ofensiva de Comisións Obreiras para dotar dun marco legal adecuado ás empresas do sector de Outsourcing ou multiservicios, esixindo que se apliquen os respectivos convenios sectoriais e evitar a precariedade laboral e salarial.

O traballo diario da candidatura e a maior parte do persoal en Adecco Outsourcing foron determinantes para continuar con este proceso.


Os días 1 e 2 de febreiro celebráronse as reunións

Fórmanse as plataformas de Negociación Colectiva de Comercio e Hostalaría de Pontevedra

Os días 1 e 2 de febreiro celebráronse reunións cos delegados e delegadas para confeccionar as plataformas de negociación dos convenios de comercio e hostalaría que teñen que iniciar a negociación neste ano 2016.

Nestas reunións acordamos as plataformas de negociación coa participación activa e directa dos delegados e delegadas de CCOO, as cales serán trasladadas en breve ás diferentes patronais para comezar canto antes coa negociación que, a pesar da recuperación económica, cremos que será difícil. Queremos subliñar que a pesar das dificultades poñeremos todo da nosa parte para lograr mellorar as condicións de traballo dun colectivo moi importante e cada vez maior. Para iso a nosa formulación nas mesas de negociación basearase tanto na mellora das condicións económicas, como nas de calidade de vida.

Os convenios que temos que negociar este ano son os de Comercio de Alimentación, Comercio do Téxtil Detallista, Comercio de Materiais de Construción, Hostalería, Comercio do Moble, Comercio de Bazares e Comercio do Metal, este último finalizado o pasado ano 2015 e sen mesa constituída.

Ademais destes convenios temos pendente de anos anteriores a negociación dos de Comercio de bazares e artigos de agasallo, Comercio da pel, Comercio téxtil almacenista, Comercio da froita, Exportadores de peixe fresco e Oficinas e despachos, todos eles con grandes dificultades por carecer de patronal nalgúns casos ou por falta de representación sindical noutros.

Nestes momentos xa temos data fixada para iniciar a negociación do convenio de Comercio de materiais de construción, que será o vindeiro martes día 9 de febreiro.


A negociación de CCOO consegue que a dirección mude a súa proposta inicial

Período de consultas finalizado para o ERTE de Eurostars Gran Hotel La Toja

No día de onte pechouse o período de consultas de negociación do ERTE proposto pola empresa ARCATIS, S.L.U. para o Eurostars Gran Hotel La Toja. 

Finalmente no período de negociación acordouse modificar as condicións expostas de inicio pola dirección da empresa e o acordo rematou cunha redución de xornada durante a tempada baixa, mantendo a xornada completa na alta (do 15 de maio o 15 de outubro). 

Este acordo terá unha duración dun ano e afectará á totalidade do persoal que  verá reducida a súa xornada no 50% (20 horas semanais) durante o período acordado, de febreiro ó 15 de maio e do 15 de outubro ó 31 de decembro. A pretensión é que esta redución sexa menor no caso de que a ocupación do hotel faga necesaria unha maior presenza de persoal e non suporá ningunha merma nas condicións económicas. 

A representación de CCOO, a pesar das dúbidas que temos sobre as intencións que poida ter a dirección con respecto ó futuro deste emblemático hotel, decidimos asinar este acordo tendo en conta que a asemblea de traballadores e traballadoras maioritariamente manifestou aceptar as condición do mesmo. Dende o principio da negociación a presión exercida polos representantes de CCOO conseguiu que a direción da empresa mudara a súa proposta inicial e reducir as consecuencias negativas que este tipo de medidas teñen para as persoas traballadoras.


Un ERTE pechará o Gran Hotel da Toxa durante seis meses

Os membros do comité de empresa do Gran Hotel da Toxa recibiron a semana pasada a documentación que acredita a intención da dirección de impulsar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que afecta a 75 membros da plantilla, e que pechará o único hotel-balneario de cinco estrelas de Galicia entre o 1 de febreiro e o 15 de maio; e, de novo, despois do verán, do 15 de outubro ata o remate de decembro. 

Baseándose nunhas previsións económicas que estiman perdas para eses seis meses, os representantes de Hotusa anuncian a súa intención de xestionar o establecemento como un hotel estacional durante este ano 2016. Está previsto que o peche se comunique de maneira oficial ao conxunto dos traballadores o luns.


Salud Laboral

Dudas y preguntas sobre Salud Laboral. Trabaja de manera segura.

Transparencia CCOO

Portal Transparencia Servicios CCOO: Cuentas, documentación, decisiones

Calendario Laboral Calendario Laboral 2015
Guía derechos de trabajadores y trabajadoras Guía de los derechos de trabajadores y trabajadoras en la empresa. Tambien puedes consultar los Efectos de la Reforma Laboral sobre los derechos de los trabajador
Consulta sobre pensiones
Consultas sobre pensiones