Archivado en Comunicados, Noticias, Condiciones de trabajo, Union Comarcal Vigo, Union Comarcal Pontevedra, Multiservizos

O Comité de Empresa, coa maioría de CCOO, segue mellorando as condicións laborais

CCOO Servizos firma un preacordo con Adecco Outsourcing Pontevedra para mellorar as condicións de traballo


O pasado sábado día 4, tras ser exposto e debatido en asemblea xeral de traballadores, vén de ser aprobado pola unanimidade dos compañeiros presentes o preacordo que esta sección sindical alcanzou coa dirección da empresa acerca de bolsa de horas, xornada anual, prezo horas extra e ITs, e cuxa asina será ratificada nos próximos días, tendo unha validez que comprende desde o día 1 de xuño até o 31 de decembro do ano 2017.

Desde a nosa sección sindical e xa desde un primeiro momento, comprendemos que este era un acordo de carácter urxente, xa que constituía o maior dos problemas que viñamos mantendo e que primeiro había que afrontar, dado que o futuro inmediato dos servizos estaba seriamente comprometido, e dedicamos todos os nosos esforzos e o noso tempo para tratar de conseguir a mellor das solucións posibles. É por este motivo que centros como o de Antolín non foron visitados e apenas informados, e entendemos a lóxica sensación de orfandade que poidan sentir pola cal, sinceramente, pedimos desculpas. En calquera caso, gustaríanos que comprendesen que non foi por abandono ou falta de interese, senón por dedicarnos por completo á consecución deste difícil acordo no que, en todo momento, como compañeiros que son, foron tidos en conta de igual maneira que os demais. Unha vez obtido este acordo, de agora en diante serán debida e igualmente informados que o resto dos seus compañeiros. Segue



Doutra banda, é momento de empezar a traballar na solución doutros problemas, e é por iso que xa sido posta sobre a mesa da dirección a problemática de cobro dos traballadores do centro de Antolín que cobran as súas nóminas a día 10, do mesmo xeito que calquera ETT, e que, ademais dun agravio comparativo, suponlles un sobrecusto bancario en calidade de intereses ao ser a entidade a que adiante os pagos dos recibos, hipotecas, etc. A dirección deu resposta e di que pasará a estudar a situación e que contestará nos próximos días, non sen antes aclarar que esta fórmula de pago é a habitual na empresa fóra dos centros GEFCO, onde ao parecer existiría un acordo entre ambas as empresas para que se pagase a finais de mes.

Aproveitamos para informarvos, ademais, da apertura das negociacións dun Convenio Nacional de Adecco Outsourcing, das que formaremos parte e de cuxa marcha seredes informados. No noso afán de cambiar e mellorar as cousas, namentres, e dado que as negociacións dun convenio poden dilatarse, tal e como fixemos co acordo alcanzado, comezaremos a establecer un paquete de problemas e medidas que podamos expor e aos que trataremos de buscar a mellor das solucións posibles sen ter que esperar á firma do devandito convenio.

Sen outro particular, indicámosvos o correo electrónico ao que podedes dirixirvos e enviar calquera problema ou asunto que queirades expor e que será debidamente estudado, xa por nós como sección sindical, xa polo comité. Saúdos compañeiros.

DELEGADOS SECCIÓN SINDICAL CCOO.

correo electrónico: delecomitccoo@gmail.com