25N: Un paso adiante por entornos laborais libres de violencias machistas
Fronte ás violencias contra as mulleres e ante un novo 25N, as Confederacións Sindicais da Unión General de Trabajadoras y Trabajadores e de Comisións Obreiras (CCOO) reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e aos traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatelas ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto.
Chamamos a combatela desde todos os ámbitos, atallando as súas causas e aumentando os recursos e instrumentos públicos para a súa prevención e erradicación.
Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade, e revitimilan as mulleres superviventes.
Reforzamos o noso compromiso con máis actuacións e propostas para facer dos entornos laborais espazos libres de violencias machistas.?
CALENDARIO LABORAL DE GALICIA 2026
- Festivos locais (DOG)
- Festivos Galicia (DOG)
- Apertura domingos e festivos comercio (DOG)
- Festivos resto comunidades (BOE)
A Xunta volve poñerse de parte da patronal e manterá as aperturas en domingos e festivos no comercio galego
Conciliación laboral e familiar no comercio galego en risco
Desde hai anos, a Xunta de Galicia négase a garantir a conciliación laboral e familiar do persoal do sector do comercio, consolidando un modelo insostible que deteriora o pequeno comercio e empeora a calidade de vida das traballadoras e traballadores.
Apertura en domingos e festivos: impactos en 2025
A situación agrávase en 2025 coa inclusión do 26 de xullo e do 15 de agosto como días de apertura, impedindo que o persoal poida gozar de fins de semana libres en pleno verán. A Federación de Servizos de CCOO sinalamos que estes días deberían ser un dereito básico para o descanso e a vida familiar.
A postura de CCOO: apertura innecesaria
CCOO insistimos en que a apertura en domingos e festivos non é necesaria: os horarios semanais xa permiten facer compras sen ampliar a actividade nestas datas. Ademais, neste exercicio a Xunta nin sequera pediu valoración ao sindicato, ignorando a voz das persoas traballadoras do comercio.
Contexto de xornada laboral e horarios comerciais
Nun contexto de demanda de redución da xornada laboral e racionalización dos horarios comerciais, para evitar xornadas interminables que chegan máis alá das dez da noite, o Goberno do PP toma a decisión contraria: suprimir de golpe dous fins de semana libres, recortando descanso e favorecendo só os intereses empresariais.
Compromiso de CCOO
CCOO seguiremos denunciando esta política regresiva e defenderemos un modelo de comercio xusto, sostible e conciliable.
Noticias en prensa:
Galicia Press: Críticas a la Xunta por permitir a los comercios abrir domingos y festivos: "Consumismo por delante de derechos"
Galicia Confidencial: CC.OO. reprocha á Xunta que manteña a apertura dos comercios os domingos e festivos: "Castiga aos traballadores"
CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade laboral en Paradores
CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade en Paradores e anunciamos mobilizacións. Neste sentido, o vindeiro 7 de outubro haberá unha protesta diante da sede central desta empresa pública, en Madrid. Actualmente, Paradores emprega unhas 5500 persoas en todo o Estado.
Os sindicatos explicamos que a negociación do novo convenio leva catro anos bloqueada, sen avances reais, pola falta de autorización do Ministerio de Facenda. Mentres, a dirección négase a mellorar as condicións laborais e mantén un sistema retributivo desfasado, con soldos de base próximos ao salario mínimo. Porén, a empresa decidiu unilateralmente incrementar en 9600 euros anuais os salarios no Parador de Eivisa, o que a parte sindical considera unha discriminación intolerable.
A precariedade agrávase polas ofertas públicas de emprego con exceso de contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, o que provoca entre un 20 e un 25% de prazas desertas. A temporalidade supera con moito o 8% que esixe a UE no sector público.
CCOO, UGT e CSIF reclamamos medidas urxentes. Entre elas, a redución da xornada a 35 horas semanais, consolidación das xubilacións parciais, recoñecemento da antigüidade e melloras salariais. Todo isto nun contexto de récord histórico de beneficios para a compañía (máis de 346 millóns de euros de ingresos e 40 millóns de beneficio neto en 2024) mentres a carga de traballo provoca máis de 123.000 días perdidos por incapacidade temporal.
A hostalaría da Coruña mobilízase en Santiago contra o bloqueo patronal do convenio, convocada por CCOO xunto con UGT e CIG
26-9-2025.- CCOO, xunto con UGT e CIG, convocamos as traballadoras e traballadores do sector hostaleiro a participar nunha concentración na Praza do Toural de Santiago de Compostela. Reclamamos o desbloqueo das negociacións do convenio provincial de hostalaría da Coruña, que regula as condicións laborais de arredor de 20 000 persoas.
Os sindicatos acusamos a patronal de negarse a incluír melloras e, incluso, de pretender recortes en dereitos xa consolidados, como o complemento por incapacidade temporal.
O sector da hostalaría bate récords de turismo e facturación, pero non melloran os salarios
Mentres o sector rexistra récords de turismo e facturación, os salarios permanecen próximos ao SMI e as condicións laborais apenas melloran. Por iso, CCOO e o resto de sindicatos esiximos unha negociación real con perspectiva social, a actualización dos salarios e, en definitiva, «un convenio xusto e digno».
Amplo apoio social ás protestas do persoal de hostalaría
Esta mobilización chega despois dunha primeira protesta na Coruña coincidindo co Burger Fest, así como da masiva recollida de sinaturas levada a cabo nesa cidade e en Santiago de Compostela. Isto confirma o amplo apoio do persoal ás reivindicacións defendidas por CCOO e os outros sindicatos.
A hostalaría é motor económico en Galicia, pero as condicións laborais seguen precarias
A hostalaría é hoxe un dos principais motores económicos de Galicia, con máis de 73 000 persoas afiliadas á Seguridade Social en agosto de 2025 e un crecemento anual do 2,2 %.
Ademais, no primeiro semestre de 2025, os ingresos do sector hoteleiro galego ascenderon a 165,5 millóns de euros (+4,3 %). Porén, este dinamismo económico non se traduce en melloras laborais: o persoal continúa soportando sobrecargas de traballo, horarios partidos e salarios próximos ao SMI, nun contexto de riscos psicosociais crecente.
O contraste co convenio de Pontevedra: melloras salariais e recoñecemento social
Por último, desde CCOO destacamos o contraste co convenio asinado recentemente para a provincia de Pontevedra, que inclúe unha suba salarial do 7 % para o período 2024-2025, unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real e melloras sociais históricas, como o recoñecemento profesional das camareiras de piso, que a partir de 2027 ascenderán de categoría en hoteis de 3 a 5 estrelas.



























