Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

Uns 6.500 empregados do comercio téxtil en Ourense gañarán un 5 % máis no 2022

CCOO asina importantes melloras económicas e sociais no convenio de comercio téxtil de Ourense


convenio téxtil OU

A Federación de Servizos de CCOO asinou hoxe canda outras organizacións o convenio do comercio téxtil da provincia de Ourense 2020-2022. Comisións, sindicato con máis representación na mesa de negociación, salienta que o novo convenio recolle un incremento salarial do 5 %, o que vai permitir rematar coa conxelación de salarios que padecía o persoal. Ademais do aspecto económico, conséguense importantes melloras sociais en cuestións como as licenzas, excedencias ou clasificación profesional. Ler máis.


Canto a este último punto, pactouse a promoción automática aos tres desde a categoría de auxiliar de dependenta a dependenta. «Isto vai significar tamén un incremento económico para moitas traballadoras e remata cunha longa discriminación», apunta CCOO.

O novo convenio tamén actúa na contratación a tempo parcial, de xeito que os contratos que sigan esta fórmula deberán ser dun mínimo de trinta horas semanais —agás excepcións como a garda legal—, o que tamén significará elevar o nivel de ingresos das persoas así empregadas.

Outras melloras son o aumento do pagamento da nocturnidade e a creación dun complemento para compensar o traballo realizado os días 24 e 31 de decembro.

Como novidade, o texto introduce artigos como a obriga de entrega de uniforme —non estaba recollido e resultaba especialmente incomprensible no sector téxtil—, a desconexión dixital —para evitar comunicacións fóra da xornada laboral— e o rexistro de xornada —para un maior control do uso abusivo das horas extraordinarias.