Archivado en Negociacion Colectiva, Jornada, Salario, Condiciones de trabajo, Comunicados convenio, Unión Comarcal A Coruña, Hostalaría

Establécese a obrigatoriedade de control de presenza diario con rexistro de entrada e saída

Firmado o Convenio Colectivo de Hostalaría da provincia de A Coruña que beneficiará a 20.000 traballadoras e traballadores


convenio hostalaría coruña

O 24 de abril de 2017, despois dunha intensa negociación que viña desenvolvéndose desde a finalización da vixencia do anterior convenio en decembro de 2015, conseguimos chegar a un acordo de Convenio Colectivo para o sector da hostalaría da Provincia da Coruña.

O acordo está asinado polas centrais sindicais CCOO e UGT sobre a base do anterior texto de Convenio Colectivo, cunha serie de melloras que queremos destacar:

- Vixencia 2016-2018.

- Xornada máxima anual de 1792 horas, con control de presenza diario e rexistro de hora de entrada e saída.

- Descanso de 15 minutos para xornadas de cinco horas ou máis.

- Salario 2016 sen incremento.

- Salario 2017 Incremento sobre táboas do 1,5% con revisión de IPC

- Salario 2018 Incremento sobre táboas do 2% con revisión de IPC

- Ultraactividade do convenio unha vez finalizado e mentres se negocia un novo, ata 24 mes máis do que indique a lei.

Conseguimos que por fin apareza por escrito no Convenio Colectivo a OBRIGATORIEDADE DE CONTROL DE PRESENZA DIARIO CON REXISTRO DE ENTRADA E SAÍDA, como un paso primordial para poder controlar os excesos de xornada diarios, a falta de descanso diario e semanal, o traballo en festivos sen que estes se recuperen ou a fraude da contratación a tempo parcial daquelas persoas que fan tantas horas extras que chegan a tempo completo.

A dificultade de incluír este artigo, vese reflectida en que unha parte da patronal negouse a asinar o acordo de Convenio Colectivo.

CCOO non vai parar ata conseguir que a famosa frase de que "na hostalaría non hai horarios", quede no esquecemento e os traballadores e traballadoras de Hostalaría poidan ter unhas condicións de traballo que lles permitan conciliar a súa vida laboral e familiar, tal e como fan o resto de traballadores e traballadoras deste país.



Entrevista na cadea SER: A partir do minuto 12:05, Juan Zas, Secretario de Acción Sindical da Federación de Servizos de CCOO analiza a recente firma do Convenio de Hostalaría de A Coruña e a inclusión da obrigatoriedade de control de presenza diario con rexistro de entrada e saída.