Archivado en Comunicado breve, Nota de prensa, Condiciones de trabajo, Convocatorias, Union Comarcal Vigo, Contact Center, Accion sindical

CCOO Servizos anuncia paros pola degradación das condicións de traballo en Bosch, a segunda maior empresa de Vigo


paros ccoo bosch

A Federación de Servizos de CCOO anuncia paros pola degradación das condicións laborais en Bosch Service Solutions, a segunda maior empresa de Vigo por número de traballadores e traballadoras. Tras un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 800 persoas, hoxe en día conta cunhas 1200 teletraballando; a maior parte delas achegan os seus propios medios sen que lles compensen os gastos do xeito en que obriga a lexislación —RD 28/2020 sobre traballo a distancia.

Desde o comezo da pandemia, a sección sindical de CCOO denuncia a «inadecuada» política de prevención de riscos laborais, especialmente en cuestións como a falta de ventilación axeitada ou sistemas de climatización estragados —que non se arranxaron ata que se denunciou na Inspección de Traballo—. «Isto pon en risco a saúde do persoal», advirten desde Comisións.

Amais da non compensación dos gastos e das deficiencias en prevención de riscos, CCOO tamén denuncia que a empresa impuxo as vacacións a case 800 persoas, facendo caso omiso do acordo a que se chegara recentemente co comité de empresa ante o Consello Galego de Relacións Laborais.


Horario dos paros

Ademais de «interpoñer as medidas legais oportunas», CCOO-Servizos e o comité de empresas convocan paros parciais para as próximas semanas. Os primeiros terán lugar o xoves, día 17, de 11 a 12 e de 17 a 18 horas, e o venres, día 19, de 13 a 14 e de 17 a 18 horas.