Archivado en Negociacion Colectiva, Condiciones de trabajo, Convocatorias, Unión Comarcal A Coruña, Comercio, Comercio Galicia

«As rebaixas, nos prezos, non nos nosos dereitos», advirten os sindicatos

Mobilizacións no comercio vario da Coruña e do comercio téxtil de Ourense no primeiro día de rebaixas


concentracións comercio vario coruña

O sector do comercio vario da provincia da Coruña e o comercio téxtil da provincia de Ourense mobilizaranse o próximo venres, día 29 de xuño, cadrando co inicio das rebaixas. Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG, que promoven as mobilizacións, denuncian que as patronais de ambos os dous sectores pretenden «condenar» os traballadores e traballadoras «a salarios conxelados ou de miseria». «As rebaixas, nos prezos, non nos nosos dereitos», advirten.


No caso do comercio vario coruñés, CCOO, CIG e UGT rexeitan as pretensións da patronal de recortar dereitos na negociación do novo convenio. Os sindicatos salientan especialmente a «teima» das empresas do sector en eliminar o dereito do persoal a cobrar o salario íntegro en casos de incapacidade temporal. O aspecto salarial tamén é relevante, xa que os soldos non se actualizan desde xuño do 2015 e a oferta empresarial é só do 1 %, sen incluír atrasos de anos anteriores.

En materia de contratacións, as empresas pretenden seguir «aproveitándose» dos contratos formativos para contar cunha porcentaxe de persoal cobrando o salario mínimo. Na mesma liña, néganse a establecer un sistema que diminúa a contratación a tempo parcial e que garanta o aumento das xornadas parciais non desexadas.

Tampouco hai avances sociais: ofrecen oito horas anuais para acompañamento médico de fillos ou fillas ou excedencias sen salario para 'facilitar' a conciliación.

Canto ao comercio téxtil ourensán, a proposta das empresas situaría os soldos «lixeiramente por riba do salario mínimo» no ano 2020. Para a Federación de Servizos de Comisións Obreiras, isto sería «indecente», amais de non cadrar «cuns cadros de persoal formados e profesionalizados».

Coa oferta empresarial na man, unha dependenta que en 2010 cobrase 873,19 euros mensuais chegaría ao 2020 cobrando 925,58, isto é, un incremento de só 52,39 euros en toda unha década. Para ese mesmo exercicio, a proposta de SMI é de 850 euros, polo que a proposta da patronal deixaría ese colectivo apenas 75,58 euros por riba dese mínimo.

A maiores, CCOO denuncia que a patronal quere «facer desaparecer de súpeto» todo o período 2011-2017 e eliminar calquera suba salarial ou pagamento de atrasos para eses anos. Ademais, négase a negociar a redución da xornada anual, o incremento da garda legal ata os catorce anos ou o aumento dos días de lactación, polo que se dificulta a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Concentracións 29 de xuño


  •  Ferrol: concentración ás 12 horas na entrada principal do Centro Comercial Odeón
  • A Coruña: concentración ás 11:30 horas na praza de Lugo 
  • Santiago de Compostela: concentración ás 11:30 horas na praza de Galicia (fronte ao Zara)
  • Ourense: concentración ás 19 horas diante do Zara (rúa do Paseo)