CCOO consegue a mellora de condicións de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia
A Federación de Servizos de CCOO consegue a mellora de condicións laborais de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia. Esta semana asinouse na Audiencia Nacional o acordo que remata co conflito colectivo iniciado en 2018 e que implica importantes novidades para todo o persoal, algo máis de 400 persoas na Coruña e máis de 80 en Vigo.
Mediante este acordo, queda sen efecto o convenio de empresa con data retroactiva ao 1 de xuño deste ano, pasando todo o persoal a rexerse polo convenio estatal de centros de chamadas (contact center), o que implica subas salariais e maiores dereitos sociais. Segundo informa CCOO-Servizos, os incrementos salariais derivados do presente acordo, así como o pagamento de atrasos, non se fará efectivo ata a nómina do mes de xullo.
Asemade, mantense a aplicación do convenio de oficinas e despachos para os colectivos procedentes da subrogación de persoal de HP Procesos de Negocio e CISER. Tamén se manteñen os acordos de mellora asinados pola empresa e os distintos comités: horarios reducidos en semana grande de agosto ou nos días 24 e 31 de decembro, permiso retribuído para asistencia a médica a centros privados de determinadas especialidades, acompañamento de menores e maiores a cargo ou pagamento de festivos, entre outros.
Por último, cabe salientar que todo o persoal dado de alta na empresa a data do asinamento do acordo terá tamén dereito a gozar de vinte e catro días laborables de vacacións.
O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña esixe xornadas de traballo continuas
O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña convocou este mediodía unha concentración na cidade herculina para esixir xornadas de traballo continuas, de xeito que se facilite a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Actualmente, existen dúas modalidades de xornada nos centros de Froiz na provincia: partida e mixta. Neste segundo caso, o persoal goza de catro días con xornada continua e outros dous con xornada partida.
Durante a pandemia da COVID-19, unha das medidas adoptadas pola empresa foi a xeneralización da xornada continua para todo o persoal. Malia se tratar dunha situación puntual, demostrouse que organizativamente era posible que todas as traballadores e traballadoras gozasen desta modalidade de xornada.
Día do Orgullo LGTBI+ 2020
A crise sanitaria e tamén social e económica fixo emerxer problemas enquistados. Quen xa partía dunha situación de vulnerabilidade non pode ver aínda máis agravadas as súas condicións de vida.
— Cando dicimos #STOPLGTBIfobia queremos incidir en varrer a intolerancia e os prexuízos sociais que aínda persisten en relación coas persoas LGTBI+.
— Cando dicimos #STOPLGTBIfobia reafirmámonos na necesidade de avanzar en dereitos para todas as persoas LGTBI+.
Este Orgullo 2020, organizado pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELGTB), celebrarase o vindeiro día 4 de xullo cunha manifestación virtual baixo o lema «Sororidade e feminismo para TRANSformar. Mulleres lesbianas, trans e bisexuais en acción! Polas máis vulnerables!». Ler máis
Por un pacto pola reconstrución social de España e de Galicia
A pandemia provocada pola extensión da COVID-19 tivo consecuencias dramáticas para España, para Europa e para todo o mundo. Enfrontámonos a unha experiencia inédita, na que —para evitar a extensión do virus e o agravamento aínda maior do número de persoas contaxiadas, enfermas ou falecidas— tomáronse medidas de paralización da actividade económica ou restricións á mobilidade, como nunca coñeceramos.
A economía quedou profundamente afectada tamén na nosa Comunidade: caída do PIB e incremento do desemprego, e milleiros de traballadores e traballadoras aínda seguen suxeitos aos ERTEs.
Esta contracción da actividade económica incide nunha mala tendencia en relación á participación dos sectores industriais. Cómpre potenciar e apostar pola industria, pois é un vector fundamental para poder afrontar a recuperación económica.Queremos enviar toda a solidariedade, o apoio e o acompañamento sincero a todas as persoas afectadas, enfermas e ás familias e achegadas das persoas falecidas. Ler máis.
É prioritario garantir a seguridade e a saúde de persoal e clientela na hostalaría
CCOO e UGT dirixíronse ás patronais de hostalaría para que garantan a seguridade e a saúde de persoais e clientela no actual escenario de emerxencia sanitaria. Certificar que no establecemento se implantaron as medidas de prevención adecuadas é o camiño para asegurar que non existen riscos para a saúde.
O Goberno promove un distintivo de Destino Seguro que está ligado á aplicación das Guías de prevención configuradas polo sector e promovidas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Ler máis


















