España e Galicia sufriron e sofren, pero o noso pobo vai saír adiante. Vaino facer desde a reivindicación e o recoñecemento ao mundo do traballo. Ese que, cando case todo se detivo, estivo aí para garantir as subministracións básicas de toda a poboación, ás veces sen as medidas de protección sanitaria necesarias e poñendo en risco a súa propia integridade.
Imos saír adiante se reforzamos os nosos servizos públicos, que son garantía para exercer os dereitos de cidadanía en igualdade. O noso sistema sanitario, sociosanitario e de coidados mostrou o valor dos seus profesionais, pero é o feito de contar cun sistema público e universal suficientemente financiado o que garante o acceso de toda a poboación á saúde e aos coidados. Nunca máis recortes en sanidade. Nunca máis mercantilización dos coidados.
Demandamos uns servizos públicos de calidade, con empregos estables e con financiamento adecuado. A día de hoxe estamos lonxe dos obxectivos de converxencia coa UE: en relación ao PIB galego, como acontece no gasto sanitario, que supón o 6%, mentres na Unión Europea é do 7,9%.
E sairemos adiante se non nos deixamos arrastrar pola confrontación e o odio. A crise sanitaria e económica máis intensa que coñecemos en tempos de paz non se pode acometer desde a dialéctica da guerra.
Pedimos ás forzas políticas, sociais e económicas un gran pacto para a reconstrución social de España e Galicia. Unha aposta por reforzar os nosos servizos públicos. Un país, que é o noso, e que necesita traballar desde a concordia e afastarse da crispación.
Nada máis. E nada menos.