Archivado en Campañas, Nota de prensa, Mujeres e Igualdad, Unión Comarcal A Coruña, Comercio, Contact Center, Hostalaría, Enxenerías Inspección Técnica, Planificación e Consultorías, Servizos Administrativos, Sector Financeiro, Seguros e Mutuas, Multiservizos, Comercio Galicia, Muller

Delegadas do sindicato participaron nun encontro sectorial na Coruña que serviu para informar e denunciar este tipo de situacións

CCOO denuncia as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos


Encontro 8M
Delegadas de Comisións Obreiras denuncian as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos. Nun encontro sectorial que o sindicato organizou o mércores na Coruña co gallo da folga do vindeiro día 8, representantes de CCOO en diferentes empresas relataron as eivas detectadas no seu día a día, tanto do punto de vista profesional coma sindical.

Procedentes de empresas da telemercadotecnia, do comercio téxtil, comercio de alimentación, banca, hostalaría, grandes almacéns e consultorías, detallaron todo tipo de situacións inxustas para as mulleres: dependentas do comercio téxtil relegadas a zonas «pouco visibles» cando chegan a certa idade, pobreza salarial ?e baixas pensións futuras? polo abuso da contratación a xornada parcial, falta de medidas para aplicar a corresponsabilidade ?as mulleres son maioría á hora de solicitar gardas legais?, o teito de cristal en sectores como a banca ?as mulleres son minoría en postos de alta dirección?, o acoso sexual ou por razón de sexo ?especialmente na hostalaría? ou a non aplicación de medidas de protección á maternidade ?como postos de traballo non adecuados? son algunhas das situacións que denunciaron.

A folga está «plenamente xustificada»

Isabel Fernández, secretaria da Muller de CCOO-Servizos, explica que aínda hoxe hai moitas empresas que son «bastante reticentes» a incluír no articulado dos convenios colectivos un artigo que expresamente fale da igualdade efectiva entre mulleres e homes. O sindicato tamén detecta «atrancos» á hora de elaborar protocolos contra o acoso sexual ou por razón de sexo, ou sobre a violencia machista.

Segundo a sindicalista, é «especialmente lamentable» que estas eivas se detecten tamén nas empresas de máis de 250 traballadores e traballadoras xa que, nestes casos, a lei obriga á elaboración de plans de igualdade, que son a «foto fixa» que permite «identificar» onde se atopan as fendas salariais e laborais que separan homes e mulleres.

Por último, sinala que, á luz das experiencias das compañeiras que interviron no encontro, «está claro que aínda queda moito que facer» en materia de igualdade, polo que está «plenamente xustificada» a convocatoria de folga do próximo 8 de marzo.