Archivado en Noticias, Nota de prensa, ERE, Enxenerías Inspección Técnica, Planificación e Consultorías

A maioría dos grupos parlamentarios galegos comprometeuse con CCOO a adoptar iniciativas contra o ERE do Grupo Tragsa


Representantes de CCOO na reunión co grupo parlamentario de AGE
A maioría dos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia comprometeuse con Comisións Obreiras a adoptar medidas para rexeitar o expediente de regulación de emprego (ERE) no Grupo Tragsa. Esas medidas consistirán en proposicións non de lei e preguntas parlamentarias coas que se intentará que o Goberno galego adopte unha posición contraria ao ERE e en defensa do emprego neste grupo empresarial. Cómpre lembrar que a Xunta é a segunda maior clienta de Tragsa na comunidade autónoma e asemade ten a condición de accionista, polo tanto, é copropietaria da compañía.

Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,

Estes compromisos chegan após as reunións que na última semana mantivo a sección sindical de CCOO en Tragsatec -unha das empresas do Grupo Tragsa- cos grupos parlamentarios. O sindicato pediu as reunións tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo o pasado 14 de outubro en que declaraba «axustado a dereito» o procedemento de despedimento colectivo. A decisión do Supremo pode supor a destrución de 1.336 empregos en toda España, dos que 117 serían no Grupo Tragsa en Galicia. De se produciren estes despedimentos, as encomendas da Xunta a esta empresa poden verse afectadas, pois actualmente todo o personal ten carga de traballo.

Nestas xuntanzas, CCOO defendeu que o ERE non é necesario, porque Tragsatec ten actualmente unhas reservas voluntarias de 143 millóns de euros, ás que habería que sumar 118 millóns de Tragsa. Esta cifra, segundo o sindicato, «son beneficios de exercicios anteriores ?tras a repartición de dividendos? conseguidos co traballo de todas e todos». Segundo Comisións, abondaría con dedicar o 19 % das devanditas reservas ?24,6 % se se incluír todo o grupo? para cubrir a previsión de perdas acumuladas para o quinquenio 2014-2019 ?27,3 millóns en Tragsatec ou 64,3 millóns no Grupo Tragsa.

Por outra banda, o conxunto de Administracións públicas débelle ao Grupo Tragsa case 461 millóns, cifra que multiplica por sete a previsión de perdas e que representa, tamén, máis do 75 % da produción do grupo de todo o exercicio 2014 (619 millóns).

CCOO critica que, durante todo este tempo, a empresa lles seguiu pagando ás persoas con responsabilidades directivas e tamén aos mandos intermedios a chamada dirección por obxectivos. O sindicato denuncia que se procedese ao pagamento deste «premio» ao tempo que o Grupo Tragsa presentaba perdas exercicio tras exercicio.

Por outra parte, a sección sindical de CCOO explicoulles aos grupos parlamentarios que o grupo conta con suficiente carga de traballo, como demostra que se segue a contratar persoal eventual en todas as oficinas da empresa no estado. «É unha proba evidente do crecemento da carteira de pedidos da compañía», insístese desde Comisións. A modo de exemplo, de executarse o despediemnto colectivo, 14 traballadoras e traballadores de Tragsatec Galicia poderían perder o seu emprego. Porén, xa só durante os meses de setembro e outubro deste ano foron contratadas 17 persoas para a provincia da Coruña, coa previsión de formalizar entre 10 e 15 novas contratacións de aquí a final de ano.

Para CCOO, a problemática principal da compañía segue a ser hoxe a mesma que no 2013: a empresa non adaptou o seu organigrama estatal á actual realidade produtiva da compañía, ao tempo que os movementos que se produciron no organigrama non se viron reflectidos nas contas analíticas. Iso provocou que os gastos de persoal non baixasen na mesma proporción que a redución de produción que se ven dando desde o 2009. Este argumento está «amplamente desenvolvido» no relatorio que a sección sindical de Comisións en Tragsatec presentou perante a Inspección de Traballo.