Archivado en Comunicado breve, Salario, externalizacion, Condiciones de trabajo, Contact Center, Accion sindical

A Xunta precariza o emprego: cambia a empresa de rastrexo COVID por unha máis barata


rastrexadores rastrexadoras covid

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia lamenta que a adxudicación dun servizo esencial como o dos rastrexadores para o Sergas se tomou primando os custos sobre os aspectos técnicos.

Segundo a documentación pública da adxudicación, a empresa que viña prestando os servizos até a data reunía unha puntuación técnica máis elevada, con todo viuse superada en puntuación na parte económica pola empresa que finalmente levou o servizo.

Desde CCOO quérese denunciar o feito de que os principais impulsores da precariedade laboral sexan as administracións públicas. Basear a adxudicación de calquera servizo público no abaratamento de custos en lugar da calidade técnica é non velar porque se respecten as condicións laborais do persoal e acaba repercutindo na calidade dos servizos públicos.

O sector de Contact Center ocupa a máis de 90.000 persoas en todo o Estado español e aproximadamente 9.000 na CCAA de Galicia. Desde este sector préstanse servizos esenciais como os enerxéticos, telecomunicacións, bancarios e mesmo de asistencia sanitaria en servizos como os rastrexadores, urxencias ou atención telefónica de primeiro nivel en materia de información do COVID19.

É hora de que tanto as administracións públicas como as empresas privadas deixen de precarizar este sector, obrigando ás empresas a competir en prezos á baixa e fomentando o dumping empresarial. Débense eliminar estas políticas de adxudicacións a baixo custo xa que os últimos prexudicados son os cidadáns/as e o persoal que ve constantemente precarizadas as súas condicións de traballo.


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,