Archivado en Condiciones de trabajo, Convocatorias, Hostalaría, Accion sindical

CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade laboral en Paradores
CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade en Paradores e anunciamos mobilizacións. Neste sentido, o vindeiro 7 de outubro haberá unha protesta diante da sede central desta empresa pública, en Madrid. Actualmente, Paradores emprega unhas 5500 persoas en todo o Estado.
Os sindicatos explicamos que a negociación do novo convenio leva catro anos bloqueada, sen avances reais, pola falta de autorización do Ministerio de Facenda. Mentres, a dirección négase a mellorar as condicións laborais e mantén un sistema retributivo desfasado, con soldos de base próximos ao salario mínimo. Porén, a empresa decidiu unilateralmente incrementar en 9600 euros anuais os salarios no Parador de Eivisa, o que a parte sindical considera unha discriminación intolerable.
A precariedade agrávase polas ofertas públicas de emprego con exceso de contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, o que provoca entre un 20 e un 25% de prazas desertas. A temporalidade supera con moito o 8% que esixe a UE no sector público.
CCOO, UGT e CSIF reclamamos medidas urxentes. Entre elas, a redución da xornada a 35 horas semanais, consolidación das xubilacións parciais, recoñecemento da antigüidade e melloras salariais. Todo isto nun contexto de récord histórico de beneficios para a compañía (máis de 346 millóns de euros de ingresos e 40 millóns de beneficio neto en 2024) mentres a carga de traballo provoca máis de 123.000 días perdidos por incapacidade temporal.