O persoal de DXC Technology convoca tres xornadas de folga desde o luns e concentracións diante dos principais clientes
O persoal de DXC Technology na Coruña e Santiago convoca tres xornadas de folga, coincidentes coas que haberá no resto de centros de traballo no Estado. Comezarán o vindeiro luns, día 3 de xuño e continuarán o 4 e o 5. Asemade, comezarán a protestar diante dos principais clientes da empresa. De feito, o luns concentraranse entre as 10:45 e as 11:45 horas diante das oficinas de Abanca e Bankinter situadas no n.º 30 da rúa Nova da Coruña.
Con estas mobilizacións será o terceiro mes consecutivo con folgas do persoal de DXC, que xa tivo dous días de paro en marzo e outros dous en abril.
DXC Technology é unha multinacional que proporciona servizos informáticos e de xestión ás principais empresas do sector bancario, enerxético e Administracións públicas: Abanca, Evo Banco, Zurich, Mango, MRW, EDP, Carrefour, Caixabank e boa parte do Ibex-35.
Actualmente existe un conflito coa compañía pola perda de poder adquisitivo dos salarios debido á inflación, de ata o 17 % nos últimos tres anos. Polo de agora, as propostas da empresa están extremadamente afastadas do que pide a parte social. A situación contrasta coa presentación de ingresos récord ano tras ano.
Convocatoria
-
Día: luns, 3 de xuño do 2024
-
Hora: 10:45 horas
-
Lugar: oficinas de Abanca e Bankinter da rúa Nova, n.º 30 (A Coruña)
_______________________________________________________________
Actualización:
Primeira das tres xornadas de folga convocadas en DXC Technology. Imaxes das concentracións:
Primeira reunión da negociación do XIX Convenio TIC. CCOO presentamos a nosa proposta
Hoxe, 30 de maio de 2024, tivo lugar a primeira reunión da mesa negociadora do XIX Convenio de Consultoría, Tecnoloxías da Información, Estudos de Mercado e da Opinión Pública.
Desde CCOO presentamos á mesa unha proposta de negociación organizada en dúas fases:
Primeira fase: Negociación Táboas Salariais
1. Táboas salariais. Incremento mínimo dunha porcentaxe acumulada de 2 díxitos.
2. Eliminación do Artigo 7 do Convenio “Compensación e Absorción de condicións económicas”.
3. Inclusión dunha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC.
4. Eliminación do último nivel de cada área profesional.
5. Vixencia do Convenio de 3 anos.
Segunda fase: Resto de temas importantes:
1. Gardas, quendas e dispoñibilidades.
2. Nocturnidade, traballo en fins de semana e festivos e intervencións.
3. Actualización dos importes de:
a. Teletraballo
b. Quilometraxe.
4. Dietas: actualización dos importes e regulación. 5. Definición dos diferentes grupos e niveis de todas as áreas do Convenio. 6. Adecuación do texto á lexislación actual en todos os ámbitos: a. Igualdade, conciliación… b. Saúde laboral…
Por que razón CCOO propón realizar a negociación en dúas fases?
O noso obxectivo é ter un novo convenio o próximo 1 de xaneiro de 2025. Cada ano co Convenio expirado supón unha perda de poder adquisitivo especialmente grave para os salarios máis baixos.
Para conseguir este obxectivo, é necesario que as empresas inclúan no orzamento de 2025 un incremento de custos salariais antes do 30 de xuño (ou do 30 de setembro) de 2024.
Prioridade
Queremos dar prioridade aos incrementos salariais sendo fundamental que estes cheguen a todas as persoas que traballamos no sector. Como todos sabemos, a cláusula de compensación e absorción impide que a maior parte do Sector perciba os incrementos pactados e isto non pode continuar así.
Resultados extraordinarios
En CCOO temos claro que, no escenario actual de resultados extraordinarios ano tras ano, cun incremento de remuneración ao accionario das empresas do IBEX35 do 46% (moitas delas vinculadas ao sector TIC), este convenio debe garantir unha repartición xusta da riqueza xerada. Non pode ser que os verdadeiros artífices dos inxentes beneficios do sector perdan poder adquisitivo ano tras ano.
Informarvos, por último, que se acordou como data da próxima reunión o 24 de xuño.
Seguiremos informando.
Paradores: Concentrámonos polo desbloqueo da negociación do convenio
Despois de 4 anos de negociacións infrutuosas do Convenio e de non recoñecer o fondo existente de 1.700.000 € para a constitución do Plan de Pensións, o 29 de maio CCOO concentrámonos na sede de Paradores en Madrid para reivindicar un cambio de actitude por parte da Hoteleira Pública. Ler máis
Denunciamos a parálise dos convenios do sector dos servizos en Lugo
Este mércores denunciamos o bloqueo que padecen os convenios colectivos da provincia de Lugo no ámbito desta federación e pedimos a intervención do Consello Galego de Relacións Laborais. Así o explicamos nunha conferencia de prensa na que interviñeron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, o secretario de Acción Sindical, Juan Zas, e o secretario xeral de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá. Ler máis.
Abanca: 31M folga en Galicia
Recibida a proposta da empresa para a reunión deste martes 28 de maio, na que unicamente se avanzou en materia de horarios, seguen sen atender as reivindicacións económicas demandadas co fin de recuperar o poder adquisitivo perdido. A inmobilidade da dirección impide avanzar para chegar a un acordo que sexa xusto para todo o cadro de persoal de ABANCA.
É necesario que o cadro de persoal manifeste o seu desacordo e lle demostre á dirección que non se nos pode mercar con medidas unilaterais, que lonxe de supoñer melloras reais, intentan xustificar que resolveron as nosas demandas:
- Establecer un Plus do 3% sobre o convenio do 2024 non é recuperar significativamente a perda de poder adquisitivo desde o 2014.
- Subir unilateralmente o SRV de maneira aleatoria segundo o posto, é dividir e enfrontar, non mellorar.
- Fixar unilateralmente unha carreira profesional sen un marco ou regulación, é abrir a porta á dedocracia non á meritocracia.
- Establecer un horario flexible sen voluntariedade, limitación e ningunha compensación para todos, é volver a dividir e enfrontar, non é conciliar nin mellorar o clima laboral.
- As propostas da empresa para ABANCA Conecta non solucionan o problema da unidade.
Probablemente nos presionarán para non participar na convocatoria do 31 de Maio, incluso poden chegar á ameaza para evitar a participación, pero é hora de que saiban que non imos ceder ata conseguir un acordo xusto para un cadro de persoal farto de non poder conciliar e de sufrir unha presión comercial desmedida.
CCOO, como continuación das concentracións de delegadas e delegados levadas a cabo nas oficinas da Coruña e Madrid, apela á unidade de todos/as os compañeiros e compañeiras de ABANCA para que a convocatoria do día 31 de Maio en Galicia sexa un éxito, sen siglas e cunha única petición:
Por último, lamentamos que a data fixada para o 31 de Maio non se nos consultara previamente, para que todo o cadro de persoal de fóra de Galicia tamén poida exercer o seu dereito a participar. Pedir unidade (solicitada por todos e todas os compañeiros e compañeiras) e facer todo o contrario non é serio. Este comunicado enviámolo desde CCOO pero temos claro que non nos pertence, obedece a un sentimento que comparte todo o cadro de persoal.
MELLORAS LABORAIS REAIS!!! ESIXIMOS Á DIRECCIÓN QUE O MARTES CAMBIE A SÚA POSICIÓN