Segundo o artigo 9 do convenio, en caso de aumento do cadro de persoal ou vacante para cubrir, os traballadores ou traballadoras a tempo parcial «terán preferencia nas novas contratacións a tempo pleno», coa finalidade de poder ampliar a súa xornada ata o máximo permitido.
Isto é o que fixo a denunciante, asesorada por CCOO, pero a empresa negouse a atender a súa petición. Por esta razón, a sentenza afirma que Carrefour incumpriu o disposto no convenio. A resolución xudicial tamén coida probado que a empresa ten a recorrente necesidade de ampliar o cadro de persoal, algo que fixo con ducias de contratos a tempo parcial formalizados nos últimos anos.
Polo tanto, no caso levado a xuízo, «enténdese que concorren todos os requisitos» para que a denunciante poida ver ampliada a xornada laboral de 36 a 39 horas, «condenando a empresa demandada a estar e pasar por esta declaración», sinala a sentenza. Así mesmo, tamén obriga a que «lle aboe os salarios deixados de percibir como consecuencia do dito incremento desde o 14 de maio do 2020».
Loita contra a precariedade
Para a Federación de Servizos de CCOO, a Xustiza continúa a darlle a razón ao sindicato na súa loita contra a precariedade laboral, «que se ceba principalmente coas mulleres traballadoras», como pode comprobarse en empresas como Carrefour Ourense, onde máis do 80 % dos contratos a tempo parcial están cubertos por mulleres, ou onde a proporción de mulleres no equipo de mandos é do 16 %.