Archivado en Comunicados, Mujeres e Igualdad, Muller
Feminismo sindical para mellorar a vida das mulleres
CCOO, como sindicato feminista, manifesta o seu firme compromiso de seguir loitando contra a discriminación laboral das traballadoras en calquera das súas formas e negociando propostas que melloren as condicións de vida das mulleres.
O feminismo está sendo o maior motor de transformación social, e de aí o empeño en condenalo das faccións sociais máis reaccionarias; pero detrás del hai máis de corenta anos de historia de loita de moitas mulleres. Loitas constantes, comprometidas e arriscadas pero libradas coa alegría que produce ir acabando coas múltiples discriminacións e apostar con creatividade, sororidade e alegría por unhas condicións de vida xustas.
Estas loitas libráronse en todos os ámbitos, e o laboral non foi o menor. As mulleres necesitamos independencia tamén económica para sermos autónomas e non dependermos de ninguén. O traballo asalariado é unha desas fontes de autonomía, e a necesaria batalla polo acceso ao emprego, a promoción profesional, a corresponsabilidade, a igualdade salarial ou a fin da violencia son obxectivos sindicais. Por esta razón, desde CCOO tamén reivindicamos o feminismo sindical, que colabora co resto de feminismos para conseguir dinamitar o machismo que aínda persiste e estender o feminismo a todos e cada un dos espazos.
O 8M tamén reivindicamos este feminismo sindical que nos é propio e a loita polos dereitos laborais dentro do movemento feminista e, aínda que nos sumamos a gozar deste día lúdico de reivindicación feminista, actualizamos o feminismo nos centros de traballo todos os días do ano a través do noso activo sindical, porque os dereitos non se paran nas portas dos centros de traballo. Día a día denunciamos a discriminación laboral e achegamos propostas para mellorar as condicións laborais e de vida mediante o diálogo social en aspectos como o salario mínimo interprofesional. O SMI pasou de 736 euros ao mes en 2018 a 1134 euros brutos en 14 pagas en 2024; é un incremento de máis do 46 %. A suba do SMI beneficia máis as mulleres, ao sermos nosoutras as que temos as peores condicións laborais e salariais. Ler máis
A suba do SMI #ÉFeminismo
A fenda salarial actual é do 18,6 % e, aínda que é a máis baixa dos últimos quince anos, hai que seguir reducindo a diferenza salarial entre homes e mulleres. Desde CCOO seguiremos poñendo un soldo mínimo nos convenios, cuestionando a falta de complementos salariais para as habilidades tipicamente femininas, diminuíndo a parcialidade e elevando o SMI.
Reducir a fenda salarial #ÉFeminismo
A reforma laboral mellorou a contratación indefinida e reduciu a temporalidade, conseguindo maior estabilidade do emprego feminino. Nos últimos doce meses, o número de mulleres sen emprego reduciuse en 23 400. É dicir, houbo máis de 21 000 novos contratos laborais con selo feminino. A Enquisa de Poboación Activa demostra que a temporalidade diminuíu ata o 13,24 % e creáronse 783 000 empregos. Hai máis mulleres traballando ca nunca. Das 21 246 900 persoas ocupadas, o 46,7 % son mulleres; porén, o 75 % dos contratos a tempo parcial son femininos. En CCOO apostamos por reducir a parcialidade e mellorar as súas condicións laborais.
A reforma laboral #ÉFeminismo
A suba do SMI permite tamén reducir a fenda que existe nas pensións. No caso das pensións de xubilación, a fenda é dun 31,91 %, malia que se negociaron mellores condicións para integrar as lagoas de cotización. Considerados como cotizados ao 100 % ata tres anos os casos de redución de xornada ou excedencia por coidado de familiares e/ou menores e de aumentar o complemento para reducir nelas a fenda de xénero, aínda existe unha fenda nas pensións de xubilación do 31,4 %. É vital o noso compromiso sindical para acabar con esta fenda nas pensións.
A reforma das pensións #ÉFeminismo
Tamén se mellora a vida das mulleres traballadoras negociando convenios colectivos que racionalizan a xornada e introducen medidas que favorecen a corresponsabilidade e plans de igualdade. Este ano rexistráronse case 5000 plans de igualdade no REGCON e actualmente hai 10 729 planes de igualdade en activo. Porén, un 66 % das máis de 31 400 empresas que deberían ter plan de igualdade non o teñen. Desde CCOO seguiremos denunciando a falta de negociación, reclamando a convocatoria das mesas de negociación e vixiando o seguimento das medidas adoptadas neles.
Negociar plans de igualdade #ÉFeminismo
Aínda que é obrigatoria a existencia de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo para todas as empresas, só contan con protocolos aquelas que teñen plan de igualdade, ao ser estes unha parte dos plans de igualdade. A maioría de empresas, sobre todos as PEMES e microPEMES, carecen de protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo e, ademais, hai mulleres —como as empregadas de fogar ou as de axuda a domicilio— que sofren acoso sexual nas casas dos seus empregadores. Para orientar tanto profesionais como sindicalistas e as vítimas, contamos co Observatorio de Acoso sexual y por razón de sexo, no que seguiremos traballando.
A loita contra o acoso sexual #ÉFeminismo
Pero tamén é feminismo romper os estereotipos de xénero no acceso, impedir preguntas sexistas, acabar coa penalización da redución de xornada, conseguir permisos para as menstruacións incapacitantes, lograr flexibilidade da xornada, sensibilizar contra a homofobia, reducir a xornada laboral, facer rexistros retributivos para ver os nesgos nos complementos salariais, avaliar o posto de traballo atendendo a capacidades e habilidades femininas historicamente solicitadas, pero nin recoñecidas nin pagadas, pór en marcha unha prevención de riscos laborais acorde cos corpos e realidade das mulleres.
Todo isto e moito máis #ÉFeminismo e ademais de animar a afiliación a se sumar ás convocatorias do movemento feminista nos distintos lugares, manifestamos o noso compromiso cun #FeminismoSindical que fará as mulleres máis autónomas, felices e independentes.
____________________________________________________________
MOBILIZACIÓNS 8M
— A Coruña: ás 20 h desde o Obelisco
— Ferrol: ás 20 h desde a praza de Amada García
— Santiago de Compostela: ás 20 h desde a praza 8 de Marzo
— Lugo: ás 20 h desde a delegación da Xunta
— Ourense: ás 20 h desde a Subdelegación do Goberno
— Pontevedra: ás 20:30 h desde a praza de España
— Vigo: ás 20 h desde a praza de España
Modelo de carta de Baja Voluntaria en la empresa
¡ESTAMOS EN FITUR 2024!
Calendario Laboral 2024. Publicado en el BOE
Reunión Convenio Banca: Hay avances, aunque solo es un pequeño gesto
Zona Afiliación de CCOO, consigue tu acceso
El Tribunal Supremo afirma que los permisos retribuidos se conceden para su disfrute en días laborables