Arquivado en Comunicado breve, Negociacion Colectiva, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical
CCOO impulsamos un convenio galego para reducir desigualdades no sector do comercio
Hoxe trasladamos ao Consello Galego de Relacións Laborais unha solicitude formal para que convoque ás patronais galegas co obxectivo de iniciar a negociación dun convenio colectivo galego do sector do comercio.
Na actualidade, as condicións laborais das persoas traballadoras do comercio dependen en gran medida da provincia ou do convenio aplicado, mesmo cando o traballo desenvolvido é equivalente. Esta situación provoca desigualdades en salarios, xornadas e dereitos laborais que non teñen xustificación obxectiva.
A negociación dun convenio galego permitiría establecer condicións mínimas comúns para todo o sector en Galicia, evitar a competencia á baixa entre empresas e avanzar cara a unha maior igualdade entre as persoas traballadoras.
O Consello Galego de Relacións Laborais dispón das ferramentas necesarias para facilitar o diálogo entre as partes e contribuír á apertura deste proceso negociador.
Este paso supón o inicio dun camiño que consideramos imprescindible. Continuaremos informando puntualmente e defendendo os dereitos de todas as persoas traballadoras do comercio en Galicia.









