Archivado en Campañas, Empleo, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

Campaña BlackFriday

Creación de emprego na campaña do Black Friday

O 80% do emprego creado para a campaña do Black Friday é temporal e a tempo parcial

O emprego no comercio polo miúdo no período de compras que comeza coa campaña do Black Friday e se estende ata as rebaixas de xaneiro xerará arredor de 33.000 postos. Deles, o 80% serán contratos temporais e o 90% a tempo parcial, segundo o informe Black Friday 2025 da Federación de Servizos de CCOO.

A pesar do aumento continuado das vendas, o crecemento do emprego é reducido: apenas un 2%, unha cifra semellante á de 2024, insuficiente para reforzar cadros de persoal sometidos a cargas de traballo crecentes, horarios extenuantes e falta de descansos.

CCOO reclamamos o respecto ao descanso diario e semanal, o cumprimento dos calendarios laborais, dotacións suficientes de persoal, a redución da parcialidade non desexada e a voluntariedade e remuneración do traballo en domingos e festivos.

O comercio como motor económico en España

O comercio emprega máis de 2,5 millóns de persoas, o 14,3% da poboación asalariada. Xera un 12,8% do valor engadido bruto e nel operan o 20% das empresas do país (635.000 no último ano).

Tras o impacto da crise de 2020, a recuperación deixou incrementos de ata un 30% nas vendas e máis dun 40% nos excedentes, pero isto só produciu un aumento do 3% no emprego.

O sector enfróntase a unha transformación marcada polo auxe das compras en liña, a apertura de macroestablecementos, o turismo orientado ao luxo e a irrupción das IAs xerativas, factores que condicionan as prácticas empresariais e afectan directamente a milleiros de traballadoras e traballadores.

Emprego atípico, invisibilizado e con salarios precarios

O comercio polo miúdo, especialmente o retail téxtil, supón un test de estrés en campañas como o Black Friday, das que as grandes marcas con maior cota de mercado son as principais beneficiarias.

No comercio téxtil operan 60.000 empresas e 172.000 persoas asalariadas. A pesar de ser un sector intensivo en man de obra, o persoal diminuíu un 6% desde a pandemia. A inversión en I+D+i aumentou un 150% desde 2019, compensándose con redución de cadras e intensificación das cargas de traballo.

Parcialidade e inestabilidade como norma

O sector funciona con amplas bolsas de emprego inestable e mal remunerado baixo o pretexto da estacionalidade. A parcialidade afecta ao 31% das cadras en 2025. O contrato indefinido fixo-descontinuo apenas representa o 1% delas.

A parcialidade responde a un modelo que axusta os tempos de traballo ás necesidades produtivas, xerando novas formas de emprego atípico e salarios precarios.

Un sector feminizado, con baixa formación e mocidade precarizada

As mulleres representan o 70% da forza laboral no comercio téxtil e o 57% do persoal presenta baixa formación académica. As persoas de nacionalidade estranxeira aumentaron un 11% no que vai de ano.

Nos picos de vendas —campaña prenadal, Nadal e rebaixas—, a mocidade é un activo esencial para as empresas.
Todos estes colectivos sofren maior inestabilidade e precariedade, con menos capacidade de negociación e obrigados a aceptar horarios atípicos e salarios baixos.

Baixos salarios e falta de recoñecemento

A pesar de ser un dos principais nichos de emprego, o sector está entre os peor remunerados. O gasto laboral mantense no 16%, mentres o excedente empresarial aumentou case un 8% e a marxe de beneficio sitúase no 9,7%.

O salario bruto medio no comercio polo miúdo é de 20.274 € anuais, un 26% inferior á media da economía. A brecha de xénero é do 17%: as mulleres perciben 18.945 € anuais, apenas un 14% por riba do SMI.

Son traballos mal pagados, invisibilizados e sen compensación polo sobreesforzo que requiren.

Reivindicacións de CCOO

• Respecto ao descanso diario e semanal.
• Cumprimento estrito dos horarios dos calendarios laborais.
• Voluntariedade e compensación do traballo en domingos e festivos.
• Redución da parcialidade non desexada e garantía de emprego estable.
Retribucións superiores ao SMI e acordes á responsabilidade do sector.
• Cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, con especial atención aos riscos psicosociais.
• Dignificación do sector mediante formación axeitada.
Dotación suficiente de persoal nos períodos de maior carga para garantir un servizo profesional e de calidade.


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,


Infórmate

CCOO Servicios es un sindicato, es Comisiones Obreras en los sectores de Comercio, Financiero, administrativo, de las TIC, Hostelería, Contact-center, Oficinas, Turismo... Leer más


Síguenos en Telegram

Dónde estamos


OFICINAS CENTRALES
C/ Albasanz, 3 1º Planta
28037 Madrid
Tel: 91 540 92 82
Asesoría Madrid 91 536 51 63-64 / 91 536 51 42
Otras Comunidades
Fax: 91 559 71 96