Archivado en Comunicado breve, Nota de prensa, ERE, Unión Comarcal A Coruña, Contact Center, Accion sindical

Novo ERE en Teleperformance Coruña: paros e mobilizacións o 10 de xuño para defender o emprego
O comité de empresa de Teleperformance na Coruña anunciou a convocatoria de mobilizacións o 10 de xuño en resposta ao novo expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado pola compañía.
As mobilizacións incluirán paros laborais de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, así como unha concentración diante das oficinas de Vodafone na praza de Pontevedra, ás 12:00 horas.
Afectación do ERE en Teleperformance A Coruña
O novo ERE supón a perda de 27 postos de traballo no centro de Teleperformance da Coruña, situado no polígono da Agrela. Este centro conta actualmente con 427 traballadoras e traballadores.
A afectación céntrase integramente no persoal adscrito ao servizo de Vodafone, que xa sufriu un axuste importante en outubro de 2023, cando 41 persoas foron despedidas.
Impacto estatal do ERE
A mesa negociadora do novo ERE constituíuse o pasado 30 de maio e afecta un total de 321 persoas en centros de traballo de seis cidades do Estado.
Teleperformance, líder mundial no sector dos contact centers, emprega a 11.000 persoas en España e máis de 138.000 en 47 países. Desde a adquisición do grupo Majorel en 2023, a empresa executou xa catro ERE, dous deles directamente na propia Teleperformance.
Denuncia da destrución de emprego
O comité de empresa denuncia a destrución deliberada de emprego, a pesar dos beneficios millonarios das empresas para as que presta servizo Teleperformance.
Destacan tamén que este sector está altamente feminizado e que a maior parte do persoal afectado na Coruña ten máis de 50 anos e unha ampla experiencia profesional.
____________________________________
Actualización: Imaxes da concentración do día 10 de xuño