Qué está pasando en Media Markt Vigo?
Tanto CCOO como CIG sinalamos que a empresa se está a aproveitar da reforma laboral para despedir persoal con contrato a tempo completo para, no seu lugar, facer contratos por horas. Tamén se está producindo unha deterioración das condicións laborais, coa obriga de traballar domingos e facer horas extraordinarias. Así mesmo, o persoal, en moitos casos, descoñece o seu propio horario o día antes de comezar a xornada.
Criticamos o degradado sistema de relacións laborais dunha empresa que se gaba na prensa do seu modelo empresarial. Denunciamos, así mesmo, que hai «ameazas constantes» de despedimento para que o persoal non proteste ante a deterioración das condicións de traballo.
CCOO Servizos gaña as eleccións en Adecco Outsourcing Vigo
A Federación de Servizos de CCOO gañou as eleccións sindicais en Adecco Outsourcing en Vigo. Coa vitoria de Comisións remata un proceso que o sindicato cualifica de "accidentado", pois prolongouse case dez meses.
CCOO Servizos interpón un conflito colectivo contra Adecco Outsourcing SAU (Eurocen)
Tralos sucesivos incumprimentos da normativa laboral por parte de Adecco Outsourcing SAU, a Federación de Servizos de CCOO decidiu interpor o conflito colectivo en solitario. O persoal vese obrigada a axustarse a unha bolsa de horas imposta unilateralmente pola empresa, así como a traballar unha xornada moi superior á das empresas onde presta servizo, relacionadas todas elas coa automoción e a loxística do devandito sector.
A noticia foi ben acollida polo persoal, que se atopa inmerso desde o pasado mes de xuño nun proceso de eleccións sindicais, torpedeado de maneira sistemática pola propia empresa e o sindicato afín FASGA, tamén presente en empresas como El Corte Inglés.
Esta demanda e o proceso de eleccións sindicais enmárcanse na ofensiva de Comisións Obreiras para dotar dun marco legal adecuado ás empresas do sector de Outsourcing ou multiservicios, esixindo que se apliquen os respectivos convenios sectoriais e evitar a precariedade laboral e salarial.
O traballo diario da candidatura e a maior parte do persoal en Adecco Outsourcing foron determinantes para continuar con este proceso.
CCOO Servizos gaña as eleccións en Vigo MUTUA UNIVERSAL obtendo toda a representación
O mércores 22 de decembro tiveron lugar as votacións en Mutua
Universal en Vigo, nas que participaban traballadores e
traballadoras de Vilagarcía de Arousa e Vigo.
CCOO obtivo a totalidade da representación sindical, cun total de cinco representantes elexidos, encabezados por Carlos Vilariño.
A candidatura de CCOO foi a única que se presentou tras anularse a de UGT na proclamación provisional pola renuncia dun dos seus compoñentes, que non puido ser subsanada no prazo de 24 horas outorgado ad hoc pola mesa electoral para conseguir outro candidato.
Deste xeito, CCOO aumenta en dous o número de delegados respecto ao anterior mandato.
O traballo diario dos delegados e delegadas de CCOO en Mutua Universal foron determinantes para o apoio á candidatura. Dende CCOO queremos agradecer a todo o plantel de Vigo Mutua Universal a confianza depositada na nosa organización.