Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Union Comarcal Pontevedra, Comercio, Comercio Galicia

Comeza a Negociación Colectiva no sector do Comercio da Provincia de Pontevedra


Neste ano 2016 cómpre negociar dez convenios de comercio nesta provincia, dos que catro terminaron a súa vixencia en 2015 (Comercio Alimentación, Comercio retallista téxtil, Comercio do moble e Comercio de materiais de construción) e seis fixérono en anos anteriores (Comercio de bazares, Comercio metal e Comercio almacenistas de froitas, en 2014 e Comercio de peixe fresco 2010, Venda por xunto de tecidos 2012 e Comercio da pel 2009).

A primeira mesa que se constituiu foi a de Comercio de materiais de construción, na que despois de tres reunións a formulación da patronal segue sendo a conxelación salarial, baseándose na mala situación que segue soportando o sector. Por parte de CCOO as propostas seguen sendo a necesidade de incrementar as táboas salariais unida á inclusión de melloras normativas, sobre todo na xornada de traballo.

Tamén se constituiron as mesas de negociación dos convenios de Comercio do Moble e de Comercio Alimentación. No primeiro caso a representación de CCOO é o 100%, polo que xa fixemos entrega da nosa plataforma, do mesmo xeito que no segundo, no que pola parte social estaremos CCOO, CIG, UGT e USO, sen que ningún dos tres sindicatos teña a maioría absoluta.

Esperamos que axiña poidamos iniciar a negociación do convenio de Comercio retallista téxtil. Continuamos instando á patronal para que nos convoque.

Sobre os Convenios que remataron a súa vixencia en anos anteriores sen sequera constituírense as mesas de negociación, seguimos insistindo e ante a falta de resposta por parte da patronal estamos a estudar outro tipo de medidas legais para conseguir sacar da parálise na que están os traballadores e traballadoras afectados polos mesmos.

As formulacións que estamos a facer CCOO nas nosas plataformas baséanse na mellora dos salarios, das condicións de xornada de traballo para garantir a conciliación e na regulación da contratación.