10 Marzo
Hoxe, 10 de Marzo de 2017, conmemoramos o aniversario daquela tráxica data de loita, pero tamén de honra e de dignidade da clase obreira galega. Daquela, os traballadores e traballadoras da Bazán pelexaban polo seu convenio colectivo, por un salario digno, contra a carestía da vida, por mellores condicións de vida e polas liberdades democráticas. Hoxe, 45 anos máis tarde, a cerna daquelas reivindicacións é a mesma: seguimos loitando polos convenios colectivos, porque son o único instrumento válido para mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores e porque con eles se aplica a primeira repartición da riqueza nas empresas.

Por iso agora é máis importante, se cabe, a negociación colectiva. E por iso a patronal está menos interesada nela. A economía recupérase e estase a xerar riqueza, pero a súa distribución é inxusta: as rendas salariais perden peso fronte aos beneficios empresariais. Van aló case nove anos de crise e de nefastas políticas que non nos sacaron dela; e, sobre todo, dúas reformas laborais deixan tras de si un mercado de traballo deteriorado, emprego escaso e precario, salarios desvalorizados e unha negociación colectiva desposuída da súa antiga forza.

Que saiba a patronal que daremos a batalla convenio a convenio, empresa a empresa, para recuperar a negociación colectiva. Temos capacidade de mobilización e temos propostas para frear a perda de poder adquisitivo dos salarios e para repartir de maneira negociada a produtividade. Medidas, por exemplo, como as recollidas nos Acordos Interconfederais de Emprego e Negociación Colectiva.

Sen convenios non hai nin emprego nin salarios dignos e a recuperación económica non será sólida nin xusta. Sen negociación colectiva, a maioría social que carga cos efectos da crise non recuperará os niveis de vida anteriores.
Galicia é hoxe máis pobre, máis inxusta, máis desigual. Temos peores servizos públicos e menor protección social que ao comezo da crise. Necesitamos máis e mellores empregos. Necesitamos anular os devastadores efectos de dúas reformas laborais e de case nove anos de axustes e recortes.

O Goberno galego debe liderar un novo modelo de crecemento económico equilibrado e duradeiro, respectuoso co medio ambiente, condición necesaria para que creza a produtividade. Só nesas condicións a sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de cohesión social.

Este novo modelo de crecemento debe asentar na formación ao longo da vida, na innovación e na industria, na creación de emprego estable e con dereitos, na protección ás persoas desempregadas e na igualdade entre mulleres e homes. Tamén ha contar con garantías para a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida dignas, con medidas para que as pensións, a educación, a sanidade ou a atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.

Porque eles foron hai 45 anos, somos. Pola loita que fagamos, serán.

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!