Mediado xa o mes de febreiro, aínda non foi posible consensuar coas patronais o díxito de aumento salarial para este ano, tal e como se establecía no III Acordo sobre Emprego e Negociación Colectiva. Os aumentos dos últimos meses sitúan a taxa interanual do IPC no 3 % en xaneiro, prexudicando a capacidade de compra dos fogares. Porén, a proposta das organizacións empresariais fica curta, con aumentos de «ata o 1,5 %», cifra inaceptable, pois suporía a perda de poder de compra dos traballadores e as traballadoras nun contexto de expansión da actividade e dos beneficios empresariais.
UGT e CCOO apostan por compatibilizar a mellora de competitividade empresarial coa mellora dos salarios reais: subas do 1,8 ao 3 %, con cláusula de revisión para evitar que o aumento do IPC por riba da previsión prexudique o pactado.
Ambos os dous sindicatos defenden a recuperación dos salarios, pero tamén da calidade do emprego: nos últimos anos non deixou de medrar a precariedade; hoxe, de cada 100 contratos que se asinan, 91 son temporais e 9 indefinidos, dos cales unicamente 5 son indefinidos a tempo completo.
Isto, sumado a un paro de longa duración que afecta ao 58 % do total de persoas desempregadas, un paro xuvenil que alcanza ao 40 % da poboación activa galega menor de 25 anos, a caída en 16 puntos da cobertura das prestacións por desemprego ?só recibe prestación o 53 % das persoas paradas e rexistradas nos servizos públicos de emprego? e unhas baixas pensións que ocupan os últimos postos a nivel estatal ?e das que dependen cada vez máis familias? conduce a unha situación insostible.
Os sindicatos defenden que a situación actual esixe actuar con urxencia para rescatar as familias e construír un modelo de crecemento que reduza o desemprego; que atalle a pobreza nas súas múltiples manifestacións; que sirva para soster o modelo social recuperando a calidade perdida na sanidade, a educación, a atención á dependencia; que aposte pola industria e a innovación e a ciencia e por un marco democrático das relacións laborais; que recupere a calidade do emprego, a negociación colectiva e o tratamento do despedimento. Nesta orde de cousas non se pode esquecer a necesidade de derrogar as reformas laborais impostas que tan lesivas están a ser para o mercado laboral.