CCOO Servizos estrea representatividade en Perfumerías Bodybell e Allianz Seguros (Pontevedra)
CCOO Servizos pasa a ter presenza en dous novos centros de traballo da provincia de Pontevedra grazas a resultar electas no día de hoxe dúas delegadas de persoal, unha en Ibérica de Droguería e outra en Perfumería SAU e Allianz Seguros.
CCOO e CTAG-IDIADA pactan melloras sobre o Convenio Estatal de Enxeñarías
CCOO e CTAG-IDIADA asinaron acordo de melloras sobre o convenio estatal de Enxeñarías e Oficinas Técnicas o pasado venres 19 de Maio de 2017. Este feito supón un fito histórico a nivel sindical no quince anos de existencia da empresa.
CCOO implicouse activamente neste proceso de negociación. A representación legal dos traballadores/as de CTAG-IDIADA (Roberto Pousada) recibiu o apoio e asesoramento directo de Celso Carneiro, Secretario Xeral da Federación de Industria de CCOO-Vigo; Pedro Comesaña, responsable de política industrial de CCOO Galicia; David Casal, responsable de Enxeñarías de CCOO Galicia e os servizos xurídicos de CCOO a nivel estatal. Traballando conxuntamente entre diferentes sectores fronteirizos (Industria e Enxeñaría), conseguiuse liquidar mediante acordo un conflito que se evidenciou durante os últimos 4 meses e que se viña arrastrado en silencio durante varios anos pola conxelación continuada de condicións.
CCOO foi capaz de canalizar dunha maneira correcta e controlada as demandas dos traballadores/as de CTAG-IDIADA e conseguiu mediar coa dirección do centro para chegar a un acordo sen necesidade de que ninguén teña que perder nin un día de salario. Segue
A Federación de Servizos celebra unha asemblea de delegados da comarca de Santiago
Onte, 10 de maio, celebrouse unha asemblea de delegadas/os da comarca de Santiago para presentar o proxecto da Executiva da Federación de Servizos. A participación activa de todas las persoas asistentes propiciou un enriquecedor intercambio de ideas e inquedanzas, ademais de consenso sobre as liñas de traballo propostas pola Secretaría Xeral e Executiva desta Federación.
Como ideas principais do proxecto para implementar no futuro máis inmediato cabe destacar a comunicación categorizada e fluída entre as diversas estruturas así como o traballo en equipo ordenado en función das distintas áreas e sectores, co fin de aproveitar e compartir a experiencia entre os mesmos nesta nova etapa.
Desde a Federación de Servizos queremos agradecer a asistencia á xuntanza, e o empeño das delegadas e delegados da Comarca de Santiago para defender un dos principios básicos de CCOO, que é a defensa do emprego digno e de calidade.


CCOO Servizos revalida a súa maioría nas eleccións de Allianz en Galicia
O pasado oito de maio tiveron lugar as votacións de Allianz en todo o Estado, e en Galicia para elixir aos delegados dos centros de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Nesta ocasión o persoal volveu a escoller de forma maioritaria a candidatura de CCOO.
Mobilizacións do persoal de cociña do Hospital do Salnés
Tras tentar negociar coa dirección da empresa un calendario laboral acorde ao convenio e á lexislación vixente e tras pasar pola Inspección de Traballo sen conseguir unha solución acorde, os traballadores e traballadoras de cociña do Hospital do Salnés decidiron poñer un Conflito Colectivo ante a maxistratura e iniciar mobilizacións que comezaron cunha concentración ás portas das instalacións do hospital o pasado 5 de maio.
Xornadas de 50 horas semanais e de oito días consecutivos de traballo sen descanso e a contratación insuficiente, en precario e en fraude de lei dos traballadores e traballadoras que realizan substitucións; son algunhas das cuestións que é necesario solucionar.
Unido á reivindicación dun calendario laboral axustado, reclámase tamén a necesidade de cubrir o persoal necesario convenientemente para poder dar un servizo en condicións aos usuarios do hospital. A presión por ter que sacar o traballo cun persoal insuficiente recae ademais sobre os 15 traballadores e traballadoras ás que se lle esixe que cubran un traballo que necesita dun maior persoal.
A negativa da dirección da empresa concesionaria do servizo, Eurest Colectividades, de solucionar estes importantes problemas é a que provocou que o persoal se vise na necesidade de mobilizarse e acudir á xurisdición laboral.
Tras esta primeira concentración do 5 de maio realizarán outra, tamén ás portas do hospital, o próximo día 11 de 11:15 a 11:30, e ás portas da Audiencia Nacional de Pontevedra o próximo 23 de maio de 10:45 a 11:15 aproveitando a celebración do xuízo.
Juan Bao, delegado de CCOO, explícao en "La Voz de Galicia"



















