Archivado en Comunicados, Mujeres e Igualdad, Muller

#25N - Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero


25N

As Confederacións Sindicais de Comisións Obreiras (CCOO) e da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e os traballadores e á cidadanía para combatelas ata a súa erradicación, tanto nos centros de traballo como no conxunto da sociedade. Chamamos a combatela atallándoa desde as súas causas, e a aumentar todos os recursos de prevención para que no suceda. Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade e revitimizan as mulleres superviventes. Ler máis


Denunciamos que, ante a desvergonza da ultradereita e a cegueira de quen non quere ver, estas violencias non só persisten, senón que en moitos casos están a aumentar, tal e como mostran reiteradamente numerosas estatísticas.

Denunciamos tamén que este é un problema político e social de primeira orde que supón un déficit nos nosos sistemas democráticos que cómpre abordar desde todas as frontes e sen escatimar recursos. 

Recordamos que as cifras da violencia son escandalosas, comezando polas asasinadas por ser mulleres no marco da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, é dicir, as asasinadas pola súa parella ou exparella:

— Un total de 37 mulleres, que foron asasinadas ata o 8 de novembro de 2022.

— 26 menores que quedaron orfos e orfas por mor da violencia de xénero.

— En todo o ano 2021, 47 mulleres foron asasinadas e 31 menores quedaron orfos e orfas. 

— O número de mulleres asasinadas desde 2003 ascende a 1165, mulleres que son moito máis ca números, son vidas arrebatadas. 

 

Datos sobre violencias machistas

Ademais, por primeira vez desde que se recollen datos sobre violencias machistas, en cumprimento do establecido no Convenio de Istambul e do que viñamos reclamando tamén as organizacións sindicais, este 2022 están a rexistrarse xa outros feminicidios que van alén do ámbito da parella e a exparella e que comprenden os feminicidios sexuais (relacionados con agresións sexuais, incluídas as vítimas de tráfico e explotación sexual); os feminicidios familiares (cometidos no círculo familiar e que inclúen os crimes de honra); os feminicidios sociais (perpetrados por parte de homes que non sexan familia nin parella ou exparella, como amigos, veciños ou compañeiros de traballo) e feminicidios vicarios ou por substitución (asasinato dos fillos e fillas para danar a nai ou ben dunha muller para danar a outra). 

As cifras son tamén arrepiantes:

— Durante os meses de xaneiro a xuño de 2022, 19 mulleres en total foron asasinadas fóra do ámbito da parella e/ou exparella, deixando tres orfos/as. 

— O 100 % dos agresores eran coñecidos das vítimas.

— Cerca do 60 % destes feminicidios prodúcense no ámbito familiar; o presunto agresor foi o fillo en seis casos e o neto en tres casos.

— Os feminicidios sociais representan neste primeiro semestre de 2022 o 32 % do total, dos cales, en tres casos, o presunto agresor era un veciño, en dous era un compañeiro de piso e nun, outro coñecido.

— O resto de asasinatos, o 10 %, corresponden a feminicidios sexuais. Os presuntos agresores foron un veciño e un coñecido, e en ambos os casos as mulleres asasinadas eran menores de 16 anos.

— No 89,5 % dos casos, as vítimas non denunciaran.

Lembramos que as asasinadas non son senón a punta do iceberg das violencias machistas que, segundo algúns indicadores, están crecendo. Por exemplo, no último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), sinálase que: 

— Entre abril e xuño de 2022 contabilizáronse 44 543 vítimas de violencia machista, un 10,89 % máis que no mesmo período de 2021.

— Esta cifra indica que case 20 de cada 10 000 mulleres sofren este tipo de violencia en España.

—Trátase de cifras máis altas ca as que se rexistraron antes da irrupción da covid-19 (40 687 no último trimestre de 2019 e 36 185 no primeiro trimestre de 2020).

 

A fotografía máis completa da extensión das violencias machistas no noso país, máis alá dos asasinatos ou das denuncias no marco da Lei 1/2004, ofrécea a macroenquisa sobre violencias contra as mulleres de 2019, elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas por encarga da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, que sinala que unha de cada dúas mulleres (57,3 %) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas. Case doce millóns de mulleres. Ademais, unha de cada cinco (19,8 %) sufrírona nos últimos doce meses. Más de catro millóns de mulleres.

En Europa, un terzo das mulleres da UE sufriron violencia física ou sexual, segundo datos da Axencia Europea de Dereitos Humanos. Unha de cada dúas, acoso sexual. De aí a iniciativa da Comisión Europea para sacar adiante unha directiva para combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, proposta aínda suxeita ás pertinentes revisións e negociacións, pero que debería servir para elevar a rango de lei europea as disposicións do Convenio de Istambul. Esperamos e esiximos que isto sexa posible o máis axiña posible.

No plano internacional, cabe destacar que os obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas sitúan a igualdade de xénero e o apoderamento de mulleres e nenas no centro do desenvolvemento sostible, para o que se require garantirlles o dereito a unha vida libre de violencias machistas. A meta 5.2 fala explicitamente de «eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado, incluídas o tráfico e a explotación sexual e outros tipos de explotación».

Ante estes números e esta realidade, como é posible permitir o discurso mentireiro da extrema dereita antifeminista? Os seus exabruptos non só son un insulto, senón que teñen nefastas consecuencias que se traducen en recortes de recursos institucionais e perigosas ideas que se estenden entre as xeracións máis novas: un de cada cinco homes de entre 15 e 29 anos considera que a violencia machista non existe e que é só un «invento ideolóxico», segundo se recolle no barómetro sobre xuventude e xénero da Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), publicado no 2021.

 

Consenso fronte ás violencias machistas

A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) e a Confederación Sindical de Comisións Obreiras cremos que é deber das forzas democráticas reforzar o consenso fronte ás violencias machistas e rexeitar de cara os discursos negacionistas que minimizan a súa incidencia e poñen en risco todo o avanzado. Esiximos tolerancia cero fronte ás violencias contras as mulleres. Instamos, ademais, a reforzar a educación en igualdade co obxectivo de identificar e neutralizar estas violencias e desterrar estereotipos. 

CCOO e UGT instamos o Goberno central e os Gobernos autonómicos e locais a que dediquen recursos e garantan servizos de prevención e de atención integral ás vítimas de todas as violencias machistas.

Instamos as forzas democráticas a realizar unha avaliación coidadosa e pormenorizada das 290 medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a elaborar propostas máis ambiciosas e eficaces para a Estratexia Estatal que ha poñerse en marcha a partir de 2023. Celebramos, en todo caso, que o Pacto de Estado se convertera nunha ferramenta permanente. E demandamos que o seu financiamento sexa tamén suficiente e estable, para garantir a plurianualidade dos fondos do Pacto de Estado. Tamén pedimos que se garanta unha rede pública de atención integral a vítimas destas violencias machistas que lles asegure unha atención especializada e interdisciplinaria 24 horas 365 días ao ano, sen interrupción, porque esta violencia tampouco descansa.

Subliñamos a importancia do ámbito laboral para garantir a autonomía das mulleres superviventes das violencias machistas. Neste sentido, celebramos a extensión de dereitos que supón a aplicación dos dereitos laborais (suspensión de contratos, mobilidade xeográfica e funcional, etc.) ás vítimas de violencias sexuais na recentemente aprobada Lei orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

Canto aos contratos bonificados, un total de 845 mulleres vítimas de violencia de xénero accederon a un destes contratos nos seis primeiros meses de 2022, segundo datos do SEPE. O total no 2021 foi de 1231 contratos. Malia os esforzos, é unha porcentaxe aínda exigua das vítimas. Por iso reclamamos o reforzo e a revisión das políticas activas de emprego para estas mulleres, e a formación específica dos operadores que interveñen.

Tamén recordamos que existen violencias machistas no ámbito laboral, como o acoso sexual e por razón de sexo, que fican ocultas e invisibilizadas porque non se contan, e por iso esiximos a mellora dos instrumentos estatísticos para evitar que permanezan.

 

Ratificación Convenios 189 e 190

UGT e CCOO felicitámonos pola ratificación do Convenio 189 sobre as traballadoras e traballadores domésticos e polo Convenio 190 sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo, ambos instrumentos historicamente reclamados polas nosas organizacións e que teñen que servir para eliminar as violencias. Instamos á inmediata posta en marcha dos instrumentos necesarios para lles dar cumprimento. 

No ámbito da nosa competencia sindical, CCOO e UGT comprometémonos a: 

— Formar e sensibilizar o noso activo sindical fronte ás violencias machistas.

— Formar e sensibilizar o persoal nos centros de traballo.

— Que os nosos delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera manifestación de violencias contra as mulleres.

— Negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo previstos na lexislación.

— Negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, os estereotipos e a violencia.

— Colaborar permanentemente coas Administracións públicas e as asociacións de mulleres no obxectivo de erradicar estas violencias.

— Asesorar as vítimas e mulleres superviventes.

 

Chamamos os traballadores e traballadoras e a toda a cidadanía a participar xunto co movemento feminista nos actos reivindicativos do 25N para sumarnos ao berro global contra as violencias machistas. 

Fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás.