Archivado en Negociacion Colectiva, Convocatorias, Unión Comarcal A Coruña, Contact Center, Accion sindical

A mobilización pasará por diante das principais empresas do sector e dos seus grandes clientes

As traballadoras e traballadores dos centros de chamadas maniféstanse na Coruña en defensa do seu convenio


concentración convenio contact center

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa de que as traballadoras e traballadores dos centros de chamadas (contact center) se manifestarán na Coruña o venres en defensa do seu convenio colectivo. Segundo o sindicato, as negociacións están bloqueadas por mor da actitude da patronal. A mobilización partirá do Obelisco e rematará na praza de Mina, pasando o seu percorrido por diante das principais empresas do sector e dos seus grandes clientes.

Deste xeito, a marcha transitará por diante das instalacións de centros de chamadas como Teleperformance, Konecta, Gestión C, Prosegur Avos ou DXC Techonology, así como das oficinas de Abanca, Santander, BBVA, Caixabank ou R Cable, principais destinatarias en Galicia dos seus servizos. Ler máis


Segundo CCOO, o sector dos centros de chamadas emprega en Galicia a máis de dez mil persoas cuxo convenio leva caducado máis de dous anos —expirou o 31 de decembro do 2019— e os salarios conxelados.

CCOO-Servizos lembra que, debido á pandemia, o sector experimentou unha «excepcional» carga de traballo, permitindo que empresas consideradas esenciais puideran xestionar servizos «vitais» e mantiveran a atención ao público. Malia o esforzo realizado, nin sequera se lles retribuíron os gastos derivados do teletraballo, denuncia Comisións.

O bloqueo das negociacións débese, segundo CCOO, á pretensión da patronal de «desvalorizar cada vez máis as condicións laborais neste sector, xa de seu precarias»». O sindicato denuncia que as empresas do sector e os seus clientes —a meirande parte cotizando no IBEX-35— leven anos incrementando facturación e beneficios, mentres as traballadoras e traballadores perciben salarios «en niveis do SMI e perdendo poder adquisitivo pola conxelación salarial e a inflación».

Convocatoria

-  Día: venres, 18 de marzo de 2022

-  Hora: 11:30

-  Lugar: saída do Obelisco e remate na praza de Mina, na Coruña

- Asunto: o sector dos centros de chamadas maniféstase na Coruña en defensa do seu convenio