Archivado en Nota de prensa, Mujeres e Igualdad, Salario, Hostalaría, Muller, Accion sindical

CCOO esixe aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia


precariedade hostalaría

Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, unha situación que padecen de maneira especial as mulleres. Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que «traballar gratis é escravitude». Ler máis


A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, considerou moi acaída no tempo a presentación desta campaña, xusto no día a seguir da aprobación da reforma laboral que se pactou no diálogo social. «Este sector é un exemplo da precariedade que esta reforma vai corrixir», apuntou. «Non podemos consentir que se minusvalore un sector tan importante como é a hostalaría. Non son traballadoras ou traballadores de segunda», insistiu a sindicalista.

En relación coas críticas ao texto aprobado, a secretaria xeral de CCOO asegurou que «a realidade vai colocar a cada un no seu sitio», en especial «a aqueles partidos que se din de esquerdas e votaron en contra».

Precariedade con rostro de muller

Segundo a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a hostalaría recuperou practicamente os niveis de actividade previos á pandemia, pero aínda falta por recuperar o mesmo volume de emprego, principalmente polo uso abusivo dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a prorrogación das xornadas laborais. Actualmente, o 45 % dos contratos no sector son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial, moi por riba do promedio doutros sectores —25 e 16 %, respectivamente.

A precariedade e baixos salarios teñen, ademais, rostro de muller. «Un home en calquera sector cobra o que dúas mulleres na hostalaría», denunciou.

Patronais reaccionarias

O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, relatou as dificultades con que bate a negociación colectiva neste ámbito, principalmente debido ás actitudes «reaccionarias» dalgunhas patronais.

Como exemplo, sinalou a actitude abertamente contraria dalgunhas empresas a que se negocien cuestións «tan básicas» como protocolos contra o acoso sexual no traballo. «Se se opoñen a algo tan elemental, xa non falemos de que nos dean acceso aos rexistros retributivos para combatermos a discriminación salarial contra as mulleres», reflexionou o sindicalista.

Neste punto, a secretaria xeral de CCOO-Servizos foi contundente. «Se non cumpres coas túas obrigas como empresario, non podes ter unha empresa».