Archivado en Noticias, Comunicado breve, Empleo, ERE, Convocatorias, Enxenerías Inspección Técnica

Concentracións diante do Parlamento de Galicia en contra do ERE no Grupo Tragsa


CCOO, UGT e CSIF convocan as concentracións os días 25 de novembro de 2 de decembro ás 12:00 horas diante do Parlamento de Galicia

O 14 de outubro de 2015, a Sala do Social do Tribunal Supremo declarou axustado a dereito o ERE presentado polo Grupo Tragsa en contra do sentenciado pola Audiencia Nacional, que o declarara nulo por tres causas diferentes, permitindo así que a compañía poida despedir ata 1336 compañeiras e compañeiros (117 en Galicia).
 
Porén, o Grupo Tragsa ten actualmente reservas voluntarias por valor de 261 millóns de euros, que son beneficios de exercicios anteriores (tras a repartición de dividendos) conseguidos co traballo de todas e todos.
 
Ademais do anterior, queremos destacar:
 
1. A empresa segue aboándolles aos seus directivos e mandos intermedios unha paga por obxectivos denominada «dirección por obxectivos» (DPO). Chama poderosamente a atención que a empresa siga aboando esta DPO por obxectivos acadados durante os pasados e actual exercicio, presentando perdas durante o anos 2013 e 2014 e cunha previsión de perdas ata o 2018.
 
2. Actualmente, séguese a contratar persoal eventual en todas as oficinas da empresa no estado, mostra evidente do crecemento da carteira de pedidos da compañía. Dende o comezo do período de execución do PDC ata a actualidade, os contratos temporais asinados no grupo superan os 1336 despedimentos que agora poden executar.
 
3. Todas as Administracións públicas (central, autonómica e local) débenlle ao Grupo Tragsa case 461 millóns de euros. A débeda pendente é sete veces superior á previsión de perdas acumuladas entre 2014 e 2019 e supera o 75 % da produción do Grupo de todo o exercicio 2014 (619 millóns ?). Este dato, xunto co das reservas voluntarias, evidencian aínda máis a viabilidade do Grupo e deixa patente a corresponsabilidade das diferentes Administracións públicas coa empresa.
 
A problemática actual da compañía é a mesma que no 2013: a empresa non adaptou o seu organigrama á actual realidade produtiva da compañía e os movementos que se produciron nel no se reflectiron nas contas analíticas, xa que non se adaptou ás retribucións destes movementos funcionais. Iso provocou que os gastos de persoal non se reduciran na mesma proporción que a redución de produción que se ven producindo dende o 2009.
 
 
 
Tendo en conta que a titularidade do Grupo Tragsa é cen por cento pública, que a Administración pública son os nosos únicos clientes e que a Xunta de Galicia, ademais de accionista e copropietaria, é a segunda Administración autonómica con máis peso na cifra de negocio do Grupo Tragsa, CCOO, UGT e CSIF convocamos para as 12:00 dos días 25 de novembro e 2 de decembro concentracións diante do Parlamento de Galicia en contra do ERE no Grupo Tragsa.