Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Unión Comarcal A Coruña, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

Asinado preacordo do convenio de comercio alimentación da Coruña, con aumento salarial e redución de xornada


preacordo convenio com alimentación Coruña

A Federación de Servizos de CCOO informa do asinamento, o mércores, do preacordo que pon fin ao conflito no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O convenio, cunha vixencia do 2022 ao 2025, recollerá importantes subas salariais —con revisión ligada ao IPC real— e redución da xornada laboral anual, entre outras importantes melloras de condicións. O texto tamén recolle cláusulas ligadas á desconexión dixital e á transición dixital, aspectos que cobran cada vez máis importancia.

En materia salarial, o preacordo recolle aumentos do 5 % para o presente ano 2022, do 4 % no 2023 e do 3 % para o 2024 e o 2025. Así mesmo, páctase unha revisión salarial conforme ao IPC real, cun tope do 2,5 % para este ano, do 2 % no 2023 e do 1 % nos dous últimos anos de vixencia do convenio.

Tamén se incorpora na redacción unha cláusula de rexistro de valores, para garantir a igualdade de salarios e complementos, co obxectivo de combater a fenda salarial.

A xornada anual redúcese en vinte horas, de 1812 a 1792. Isto faise mediante a aplicación de tres fins de semana de calidade, gozando un sábado libre cada cuadrimestre —excepto no mes de decembro—. Tamén se acorda fomentar a xornada continua, como mínimo para o 70 % do persoal da tempo completo por tenda.

Tamén se mellora o sistema de clasificación profesional, eliminando o grupo IV e cun grupo III con catro niveis e promoción automática de nivel cada tres anos, respectando antigüidades e experiencia acreditada.

Outras cláusulas que se asinan teñen a ver co aspecto dixital. Por unha banda, a de desconexión, para evitar continuas chamadas de teléfono ou mensaxes ao saír do centro de traballo. Pola outra, a transición dixital, para regular a afectación da dixitalización e da venda online, para evitar a perda de postos de traballo.

Finalmente, actualízase o contido en materia de xestación conforme a lexislación vixente e mellora a licenza retribuída no suposto de hospitalización, que é de catro días e poderase iniciar en calquera dos días que esta dure —e mesmo se poderá usar de maneira fraccionada.