Arxivat a Legal, Comunicado breve, Jornada, Unión Comarcal A Coruña, Contact Center, Accion sindical
A Xustiza confirma unha sanción de 1.501 euros a unha empresa do sector de contact center por enviar un correo sobre unha formación fóra do horario
O Xulgado do Social nº 5 da Coruña confirmou a sanción imposta a unha empresa do sector de contact center por enviar un correo electrónico aos traballadores fóra do horario laboral. No mensaje comunicábase tamén un curso de formación obrigatoria sen preaviso suficiente, o que lles modificaba a xornada.
Os feitos remóntanse ao 5 de abril de 2024, cando a empresa enviou un email anunciando a actividade “curso de formación sobre acoso laboral”. A situación chegou á Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña tras unha denuncia presentada por CCOO. A Inspección emitiu acta de infracción o 24 de outubro de 2024 e fixou unha sanción no grao mínimo de 1.501 euros.
A empresa recorreu ante a Xunta de Galicia, que confirmou a sanción nunha resolución do 20 de febreiro de 2025. Posteriormente, presentou demanda contra a sanción administrativa, que foi desestimada na sentenza 498/2025, asinada pola maxistrada Pilar Carreira Vidal.
Dous incumprimentos: preaviso e desconexión dixital
Segundo a sentenza, a decisión unilateral de fixar unha formación obrigatoria fóra do horario ordinario altera a distribución da xornada diaria. Isto pode facerse, pero debe respectar os períodos mínimos de descanso e cumprir os prazos legais de aviso.
Neste caso, o xulgado entende que non houbo antelación suficiente: notificouse con catro días, en vez do preaviso mínimo de cinco días.
Ademais, o envío do correo fóra do horario laboral vulnera o dereito á desconexión dixital, xa que “non se pode presupoñer que un traballador estea obrigado a revisar o seu correo electrónico fóra da súa xornada”. Por estes motivos, o xulgado mantén a sanción de 1.501 euros.
En CCOO Servizos defendemos o teu dereito á desconexión dixital. Se estás nunha situación semellante contacta con CCOO, asesorámoste e axudámosche a defender os teus dereitos.
Se aínda non estás afiliada/o, afíliate a CCOO para reforzar a capacidade de negociación e protección no teu centro de traballo.









