A saúde e a seguridade no traballo deberían ser cuestións de primeira orde na axenda política en todo o mundo pero, por desgraza, non é así.Un bo exemplo do desinterese pola vida das persoas traballadoras atopámolo nas intolerables condicións laborais nas obras das instalacións para a Copa do Mundo de Fútbol de 2022 en Catar, nas que, segundo o diario británico The Guardian, xa faleceron polo menos 6500 traballadores e traballadoras. Un masacre que ocorre coa condescendencia dos Gobernos do resto de países e sen que se alcen voces que cuestionen a celebración dun evento deportivo en semellante contexto. Situacións como esta son as que empurran o movemento sindical a esixir que a saúde e a seguridade no traballo se recoñezan como un dereito fundamental e así o trasladamos como unha proposta da Confederación Sindical Internacional, que finalmente será tratada na Conferencia da OIT de 2022.
En España, a situación tampouco é moi alentadora: a morte de máis de 700 traballadores e traballadoras cada ano evidencia que a prevención de riscos laborais no país é máis formal ca real. No 2020, o número de accidentes de traballo mortais, lonxe de diminuír, aumentou un 2 %, malia o acusado descenso da actividade económica por mor da pandemia por COVID-19. Ponse de manifesto que a seguridade e saúde no traballo estase deixando nun segundo plano nas empresas e administracións. As enfermidades profesionais seguen sen aflorar, fican ocultas, o que imposibilita a prevención de múltiples patoloxías relacionadas co medio laboral, algunhas delas moi graves ou mortais, como por exemplo os cancros de orixe laboral.
Logo de 25 anos de vixencia da Lei de prevención de riscos, os danos á saúde no traballo seguen presentes no noso día a día. Seguimos lonxe de alcanzar o obxectivo que se marcara de interiorizar a prevención de riscos nas empresas; pola contra, temos que denunciar a mercantilización da saúde laboral. A falta de cultura preventiva entre o tecido empresarial, unida á inestabilidade laboral e ás condicións precarias do emprego, caracterizadas pola enorme temporalidade e parcialidade da contratación, conforman o caldo de cultivo perfecto para a deterioración da saúde laboral. As reformas laborais supuxeron un punto de inflexión na extensión dun marco de relacións laborais determinado pola precariedade que tivo como consecuencia o inicio dunha repunta na sinistralidade no 2013. A precariedade mata e, desde ese ano, 5183 persoas perderon a vida no traballo. A derrogación da reforma laboral de 2012 é o primeiro dos pasos que se han dar para garantir a protección da seguridade e a saúde no traballo. Os traballadores e traballadoras debemos recuperar os nosos dereitos, polo que hai que avanzar no establecemento dun modelo de relacións laborais que xere empregos libres de risco, un modelo de calidade e con salarios dignos.
Este 28 de Abril toca facer balance dun ano de pandemia de COVID-19 e dos seus efectos na seguridade e a saúde no traballo. Un ano en que se puxo de manifesto de maneira dramática a contradición entre a saúde e a vida e as presións para manter a actividade económica moito máis alá do que aconsellaban os expertos en saúde pública. Foron os cadros de persoal dos sectores xa coñecidos como esenciais os que sufriron os estragos do virus de forma máis directa e, en moitas ocasións, sen o debido recoñecemento por parte das autoridades. Recentemente asimilouse a COVID-19 a enfermidade profesional no caso dos colectivos sanitarios e sociosanitarios, no canto de accidente laboral, como se viña facendo ata o momento. Desde UGT e CCOO, consideramos insuficiente esta medida e esiximos que a COVID-19 se inclúa na listaxe española de enfermidades profesionais e se estenda esta cobertura a un maior número de profesións expostas ao risco e sen limitación temporal.
O 2021 debe ser o ano que marque o inicio da fin do inmenso problema do cancro de orixe laboral. A falta de recoñecemento dos cancros de orixe laboral é un grave problema que está privando as persoas afectadas das prestacións derivadas da continxencia profesional. Desde CCOO e UGT imos facer presión para que as modificacións da Directiva Europea sobre protección fronte á exposición a canceríxenos e mutáxenos sexan traspostas en tempo e garantan a máxima protección da saúde dos traballadores e traballadoras. Seguiremos reivindicando a transposición da Directiva para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes, entre as que se encontra o gas radon, que causa cancro. Doutra banda, este mesmo mes de abril comezou a tramitación no Congreso dos Deputados da proposición de lei para a creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto, unha reivindicación formulada desde hai décadas polos sindicatos e as asociacións de vítimas.
É evidente que aínda queda moito por facer; é hora de acometer cambios normativos para adaptarnos ás novas realidades, pero, sobre todo, para mellorar a protección da seguridade e a saúde das persoas traballadoras, sendo conscientes de que isto é só unha parte do problema, pois tamén temos que solucionar o altísimo grao de incumprimento da normativa existente, intensificando os mecanismos de garantía da efectividade do cumprimento.
UGT e CCOO volvemos reclamar a plena integración da saúde laboral na saúde pública, hoxe con maior convencemento desde a experiencia da pandemia, o que esixe máis coordinación entre os departamentos de Sanidade e de Traballo, tanto na Administración xeral do Estado como nas comunidades autónomas. E insistimos na necesidade de dotar de maiores recursos a Inspección de Traballo e Seguridade Social e os organismos de referencia en saúde laboral, como o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e os institutos rexionais. Pola nosa parte, seguiremos demostrando que a saúde e a seguridade no traballo marcan unha das liñas prioritarias da nosa acción sindical, e así o demostran día a día nos centros de traballo os nosos principais axentes: as delegadas e os delegados de prevención.
Coma cada ano, desde CCOO e UGT lembramos os traballadores e traballadoras que sufriron as consecuencias dos accidentes e enfermidades laborais e continuaremos denunciando as precarias condicións de traballo que están na orixe desta epidemia social.
Son moitas as voces que insisten en que tras a pandemia se configurará un mundo diferente. UGT e CCOO traballamos para que, nese hipotético novo mundo, o traballo sexa digno, de calidade e libre de risco. Que non se antepoñan outros intereses á saúde ou á vida das persoas. Ninguén debería ter que elixir entre traballo e saúde.