Archivado en Nota de prensa, Empleo, Union Comarcal Vigo, Enxenerías Inspección Técnica, Accion sindical

CCOO reclamamos á Xunta medidas urxentes e compromiso co futuro do CTAG
Reunión entre CCOO e a Xunta de Galicia polo CTAG
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025.
O secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, Iván Cordeiro Fernández-Noriega, xunto coa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e representantes da sección sindical de CCOO no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), mantivemos unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a situación actual do centro.
Na xuntanza participaron por parte do Goberno galego Pablo Fernández López (secretario xeral de Emprego), Covadonga Toca Carús (directora xeral do IGAPE) e Zeltia Lado Lago (directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego).
CCOO alertamos sobre a perda de proxectos e os despedimentos no CTAG
Durante o encontro, CCOO trasladamos a nosa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses. Estes recortes supoñen unha descapitalización sen precedentes nun centro que, en máis de 20 anos de traxectoria, nunca afrontara unha crise similar.
Lembramos que parte destas dificultades están ligadas á redución de encargas por parte dalgunhas empresas do padroado.
Propostas de CCOO para garantir o futuro do CTAG
Ante este escenario, CCOO reclamamos á Xunta:
-
Axilizar as liñas de financiamento público para dar resposta inmediata ás necesidades do centro.
-
Impulsar novos proxectos estratéxicos que aseguren estabilidade e futuro.
-
Apostar por novas áreas de negocio e reforzar o papel do CTAG como motor tecnolóxico e innovador da automoción en Galicia.
Advertimos de que non abonda con medidas de curto prazo: é preciso un compromiso firme para consolidar o futuro do centro.
Resposta da Xunta de Galicia
A representación da Xunta expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e subliñou que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que “non se vai deixar caer”.
Ademais, comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades inmediatas e consoliden a súa viabilidade a longo prazo.
CCOO comprometémonos co persoal do CTAG
Desde CCOO seguiremos defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.