Archivado en Comunicados, Negociacion Colectiva, Accion sindical

Artigo de opinión. Iván Cordeiro, secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia
A hostalaría galega necesita dereitos, non escusas
A hostalaría como motor económico
A sinatura do convenio de hostalaría de Pontevedra supón un paso adiante nun sector que non pode seguir sendo sinónimo de precariedade.
A hostalaría é hoxe un dos motores económicos de Galicia: só en agosto de 2024 alcanzou as 71.760 persoas afiliadas á Seguridade Social no sector hostaleiro, acadando en agosto de 2025 as 73.367 afiliacións, un incremento anual do 2,2 %.
Durante o conxunto do ano, o número medio de persoas cotizantes foi de 62.486 en 2024 e de 65.209 en 2025. Son cifras que amosan o peso crecente do sector hostaleiro na nosa comunidade autónoma.
Crecemento económico e realidade laboral
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e da Xunta de Galicia, no primeiro semestre de 2025 o sector hoteleiro galego obtivo ingresos de 165,5 millóns de euros, un 4,3 % máis que no mesmo período de 2024. Só en xuño de 2025, os ingresos ascenderon a 46,9 millóns, un 9,3 % máis que en xuño de 2024.
Mais o crecemento económico non significa automaticamente unha mellora das condicións laborais. Detrás destes números hai cadros de persoal sometidos a sobrecargas de traballo, horarios partidos, presión constante, salarios axustados e riscos psicosociais que acaban enfermando a quen sosteñen co seu esforzo este sector cada vez máis importante en Galicia. Por iso, cada avance en dereitos é fundamental.
Conquistas en Pontevedra
En Pontevedra, CCOO xunto con UGT acadamos un convenio que recolle unha suba salarial do 7 % para 2024-2025, cláusula de revisión vinculada ao IPC real, melloras sociais (como permisos para acompañar fillos menores ao médico) e un recoñecemento histórico para as camareiras de piso.
A partir de 2027 pasarán a unha categoría superior en hoteis de 3 a 5 estrelas, sen renunciar a estendelo ao resto de hoteis de menor categoría no futuro. Trátase de conquistas reais que dignifican un sector marcado durante demasiado tempo pola precariedade.
A responsabilidade da patronal
É xusto recoñecer tamén a responsabilidade da patronal de hostalaría de Pontevedra, que entendeu a necesidade de avanzar nun acordo equilibrado e asumiu o reto de mellorar as condicións laborais do sector. Esa actitude contrasta coa mantida noutras provincias, onde o bloqueo e as propostas regresivas seguen sendo a norma.
Contradicións sindicais
Algúns sindicatos optaron por non asinar este acordo, criticándoo publicamente a pesar de recoñecer en privado as melloras conseguidas e instando aos demais a asinalo.
Fano como parte da súa estratexia sindical, mais non pode esquecerse que, na mesa, presentaron unha oferta económica inferior á que finalmente se logrou grazas á presión e firmeza de CCOO. Criticar o que se asinou sen recoñecer as condicións de partida é, cando menos, unha contradición.
O bloqueo na Coruña
Mentres tanto, na Coruña a patronal bloquea avances e propón retrocesos, como eliminar o complemento por incapacidade temporal. O seu argumento é a “alta taxa de absentismo” na hostalaría.
Mais esa acusación é tramposa: baixo a etiqueta de absentismo inclúense baixas médicas xustificadas, permisos legais ou o exercicio de dereitos recoñecidos.
Unha enfermidade non é absentismo. A conciliación non é absentismo.
O que non queren recoñecer é que son as propias condicións do sector as que enferman ás traballadoras e traballadores. A sobrecarga de traballo, as xornadas partidas, a falta de descanso e a presión constante xeran baixas laborais. No canto de investir en prevención e saúde laboral, pretenden eliminar dereitos.
Un futuro que pasa polos dereitos
Desde CCOO dicímolo con claridade: o futuro da hostalaría en Galicia non pasa por recortar dereitos, senón por amplialos. O crecemento do emprego turístico debe ir acompañado de convenios que protexan a saúde, dignifiquen salarios e ofrezan estabilidade. O contrario sería perpetuar un modelo insostíbel que condena ao pessoal ao esgotamento e ao sector á falta de profesionais.
Avanzar en dereitos, como se fixo en Pontevedra, é o único camiño. Porque sen dereitos non hai futuro digno para a hostalaría galega.