Archivado en Nota de prensa, Empleo, Union Comarcal Arousa

Hotusa despide dous membros de CCOO por denunciaren incumprimentos

«Represión» contra CCOO no Gran Hotel La Toja


A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Gran Hotel La Toja, situado no Grove, denuncia «represión» contra este sindicato, materializada no despedimento de dous membros no mesmo. As rescisións dos contratos fóronlles comunicados nas últimas horas aos representantes das traballadoras e traballadores. Segundo CCOO, as dúas persoas despedidas teñen unha antigüidade de 17 e 34 anos, unha profesionalidade «intachable», así como un «gran traballo sindical» en defensa dos seus compañeiros e compañeiras. Segue

Comisións asegura que as dúas persoas despedidas se caracterizaron pola «firme oposición» ao expediente de regulación de emprego (ERE) formulado pola dirección do grupo Hotusa, que explota as instalacións. Mediante este ERE, a cadea hoteleira pretendía converter os contratos fixos en fixos-discontinuos. A sección sindical de CCOO mantén que a empresa «presionou de todos os xeitos posibles» para que os sindicatos aceptasen esta medida, «pero Comisións Obreiras non cedeu e opúxose rotundamente».

Asemade, as dúas persoas despedidas denunciaban incumprimentos da cadea hoteleira, como o non pagamento das horas extras realizadas durante a vixencia do ERE, xa que o acordo asinado entre o comité e a dirección fixaba un máximo de 1.300 horas anuais, que se acabou superando.

CCOO critica a «hipocrisía» dos responsables de Hotusa, pois cando se fixeron cargo das instalacións ?hai case un ano?, prometeran garantir todos os postos de traballo, amais de respectar as condicións laborais de todo o persoal. Así as cousas, Comisións lamenta tamén a «pasividade» e «falta de solidariedade» amosada polos outros sindicatos con representación, que contrasta coa «actitude combativa» de CCOO.